A principios de 2016
dábamos a coñecer nun artigo un listado de pontevedreses que
morreran no campo de exterminio de Mauthausen, principalmente no seu
subcampo de Gusen; en datas posteriores ampliamos o número e datos
dos detidos e, o ano pasado o concello de Pontevedra organizou un
acto de homenaxe a estes pontevedreses e editou un folleto coas súas
historias. Pero a pesar do gran traballo de investigadores e
investigadoras sobre o tema sempre tivemos a seguridade de que o
listado aínda estaba (e seguirá estando) incompleto.
Hoxe sae á luz a
nova de que a universidade Rovira Virgili de Tarragona engadía
varios nomes máis ao listado que se publicou no BOE fai unhas datas;
entre eles aparece outro pontevedrés: Isolino Torres. No listado que publican só aparece o nome e datas de nacemento e morte pero a consulta de
documentación do imprescindible arquivo ITS de Bad Arolsen serviu
para proporcionarnos algúns datos máis sobre Isolino, á espera de
poder traducir e analizar (no caso de que existan) outros documentos.
Isolino Torres
(nalgún documento aparece Torez) naceu na parroquia de Alba o 19 de
xaneiro de 1909, fillo de Domingo e de Fernanda (?). A súa profesión
era a de albanel. Non temos constancia da súa actividade ata que foi
detido en Berlín o 17 de xuño de 1944. O 28 de setembro de 1944
ingresa no campo de concentración de Sachsenhausen e de alí foi
transferido ao de Buchenwald o 2 de febreiro de 1945. Nunha
declaración que asina en Sachsenhausen fai constar que os seus
estudos son os primarios e que fixera o servizo militar en infantería
ó redor de 1930. Noutra documentación consta como domicilio a rúa
de santa Clara nº 33 en Pontevedra e aparece un irmán chamado
Julián.
O campo de
Sachsenhausen estaba a uns 35 quilómetros de Berlín e constaba de
60 subcampos nos que se utilizaban os prisioneiros na industria
armamentística e nunha fábrica de ladrillos. Entre os deportados
españois que alí estiveron destaca o expresidente de goberno da 2ª
República Francisco Largo Caballero, ingresado en 1943 á idade de
74 anos.
Isolino Torres, co
número de detido 86562 morre en Buchenwald o 26 de febreiro de 1945
, consta como causa oficial do falecemento o de meninxite.
O campo de
Buchenwald estaba situado cerca de Weimar; aparte dos traballos
forzados e outras calamidades inflixidas aos prisioneiros, tamén se
realizaron experimentos médicos como a inoculación de virus e
bacterias para lograr vacinas.
Sirva esta nota
apresurada para homenaxear a outro pontevedrés máis que atopou a
morte nun campo nazi.
Nota: Documentación utilizada procedente do ITS de Bald Arolsen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario