Nos últimos tempos
diversas publicacións (en Galicia foi importante o éxito en vendas
de “Os nomes do terror”, editado por Sermos Galiza) testemuñan
un feito relevante nos estudos sobre a represión: o obxectivo
diríxese aos verdugos fronte á dinámica imperante de centralo nas
vítimas. O papel central das vítimas estivo xustificado polo seu
esquecemento fronte ás dos golpistas e a necesidade de poñerlle
nome e biografía tras o silencio; tamén o seu estudo presentaba
unha menor complexidade fronte aos problemas, mesmo de definición,
dos verdugos. Isto non quere dicir que non se nomearan os verdugos,
moitas publicacións fixérono dende fai anos e algúns autores
tiveron que enfrontarse a diferentes accións, mesmo de carácter
xudicial, por lembrar os perpetradores dos crimes.
Pero é agora cando
o papel dos verdugos comeza a ser tratado en toda a súa
complexidade, máis alá da mera relación de nomes e indo ao fondo
do problema: as motivacións, os procedementos, os antecedentes e
consecuencias, o entramado do poder que posibilitou e executou a
violencia. En resume, realizar novas preguntas sobre o pasado
antepoñendo a complexidade aos discursos simplistas; complexidade
que comeza, como xa apuntabamos, pola propia definición de verdugo.
A finais do ano
2018 publicouse o libro “Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun
pasado incómodo” (Editorial Galaxia) do que son editores os
profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho e que
se inserta na liña de traballo apuntada anteriormente.
Este libro marca un
fito no estudo deste “pasado incómodo”, incómodo tanto para os
herdeiros – familiares ou ideolóxicos- dos verdugos como tamén
para os autores. Tenta superar a consideración, común a franquistas
e opositores ao réxime, da memoria (memoria pervertida) da 2ª
República como propiciadora da guerra civil e inevitablemente ligada
a aquela, para poñer o foco no golpe de Estado e, fundamentalmente,
nos verdugos. Rompe así co relato que se mantivo durante a
transición e ligado á doutrina da reconciliación nacional: a
equiparación da violencia, a loita entre irmáns, o “todos fomos
culpables”.
Contextualiza a
violencia desatada tras o golpe de xullo de 1936 no marco dos
fenómenos de violencia masiva que se manifestaron a nivel global,
coa particularidade, no noso caso, da impunidade total dos verdugos.
É de agradecer que, nun tempo de eufemismos, chame as cousas polo
seu nome: golpe de Estado (e non Alzamiento Nacional nin guerra
civil, que en Galicia non houbo), e verdugos, responsables da
eliminación planificada e sistemática de miles de vítimas nun
contexto, como dixemos, de ausencia de fronte de guerra.
Destacariamos, en
canto á autoría, a presenza de novas e novos autores, cuns
traballos de investigación que prometen moi bos froitos xunto a
autores de traxectoria ben recoñecida, e tamén a paritaria
presencia de investigadoras. Isto último, por desgraza, é un feito
non habitual. A pesar de que se percibe un alto nivel de comunicación
entre os autores, de traballo en grupo, como é lóxico nun libro
colectivo, o interese dos apartados é desigual, dentro do alto nivel
xeral.
As fontes
utilizadas son, en primeirísimo lugar as causas militares e, en
menor grao, as orais, hemerográficas e outras; confírmase así a
relevancia da documentación depositada nos arquivos militares, pois
as causas son documentos que nos contan o que fixeron os sublevados
narrado por eles mesmos, o “testemuño dos verdugos”; a inxente
documentación xudicial militar, a pesar de ser bastante utilizada
nos últimos anos, aínda nos garda moito que descubrir.
Abre o libro un
estudo dos profesores Fernández Prieto e Míguez Macho que ten como
eixe central o proceso instruído contra o contralmirante Azarola e
que se presenta como o paradigma dos procesos por rebelión militar.
Como apuntan os autores (páxina 60), o punto de referencia non se
pon nos feitos sucedidos en Ferrol neses días de xullo senón no que
se escribe na causa, “na construción do relato fundacional do
golpe de Estado de 1936, da violencia subseguinte e por extensión da
propia ditadura franquista”.
Ao longo do
capítulo podemos apreciar como os golpistas se atribúen a condición
de autoridades lexítimas mediante un discurso que falsifica a
lexitimidade, a “xustiza ao revés” que dixera Serrano Suñer;
neste proceso de apropiación da autoridade lexítima, o asasinato
das persoas que a exercían sería un paso necesario.
Outro apartado que
resulta relevante para Pontevedra e comarca, é da autoría de Aldara
Cidrás que analiza o papel dos procesos militares como estratexia
de lexitimación do novo réxime, a normalización da violencia e a
integración de novos grupos sociais facéndoos participar nos
mecanismos do terror, ou sexa, a función da violencia como
cohesionadora e xeradora de adhesións. Aldara Cidrás parte do
estudo das causas militares instruídas a pontevedreses pero co
obxectivo posto nos verdugos. O triángulo da violencia presenta tres
vértices: a) Os compoñentes do entramado do terror (xuíces
instrutores das causas, fiscais, auditores, membros dos tribunais...)
b) Os acusados e acusadas e c) Os declarantes nas causas (delatores,
testemuñas...). Quen presentan maior interese para o estudo son os
integrantes do apartado c) pois os outros son máis previsibles nos
comportamentos, automático e burocratizado no primeiro e exercicio
da defensa no segundo. A investigación que está a levar a autora
será, sen dúbida, referencia imprescindible para completar o que
coñecemos sobre os mecanismos da violencia na nosa capital e
comarca.
Iria Morgade,
autora fai un tempo dun moi interesante traballo sobre o tratamento
didáctico da memoria e da represión nos centros de ensino,
achéganos, nesta ocasión, a un aspecto pouco estudado: as accións
colectivas de memoria na transición. Tras a parálise imposta polo
medo nos anos do franquismo, durante a transición empezan os actos
de recoñecemento e atopámonos que os verdugos estaban esquecidos,
ocultos, nestes actos. Sobre as razóns que poden explicar o anterior
trata o seu artigo. Por certo, probablemente a primeira homenaxe ás
vítimas (que trouxo de cabeza á “brigadilla” da Guardia Civil)
debeu ter lugar en Pontevedra (Monte Porreiro e volta do Couto,
lugares de execución ben coñecidos) cando no ano 1944, no día de
defuntos, apareceron sendas cruces de madeira, coroas de flores e
unha cinta coa lenda “Honor a nuestros mártires”.
Aparte de
Pontevedra, hai outros estudos de zona: Compostela (Rafael García
Ferreira) e Ribadeo (Xabier Buxeiro); este último amosa como os
“paseos” son parte dunha actuación consentida e controlada polas
autoridades militares e que os perpetradores foron máis que os que
apertaron o gatillo: os que facilitaron as “sacas” dos cárceres,
os comandantes militares, etc. Judit Carbajo analiza as fontes orais
en relación cos represores e Conchi López escribe sobre os
diferentes perfís de comportamentos en relación coa participación
social na violencia; apunta tamén unha interesante proposta de
clasificación tendo en conta a actuación que tiveran nas causas
militares.
En suma, un libro
imprescindible, que revisa interpretacións ata agora aceptadas e
que, en moitos dos apartados, apunta camiños a seguir en futuros
traballos. Entre as moitas conclusións destacaría o que moitas
veces expresa un dos coordinadores, Lourenzo Fernández Prieto: os
verdugos foron menos do que se pensaba aínda que causaron moitas
mortes e que, nos sublevados, houbo persoas que en momentos
decisivos elixiron camiños alleos á violencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario