Moitos familiares
das vítimas da represión levada a cabo tras o golpe do 36 sufriron
( e sofren) o silencio imposto nas propias familias; o medo que
abafaba nos anos do silencio na maioría dos casos, o rexeitamento da
conduta política do seu antepasado a quen responsabilizaban da súa
situación precaria, noutros, algunhas veces a falla de interese ou
as informacións manipuladas... A falla dunha política de
divulgación, alonxada de mitos e manipulacións, do sucedido e que
vaia máis alá dos círculos de historiadores e persoas
comprometidas, posibilita a existencia na actualidade, máis de 80
anos despois, de persoas que carguen coa lousa do descoñecemento
sobre a vida (e a morte) de antepasados seus vítimas da represión
e, tamén, do esquecemento.
Veñen a conto
estas apresuradas reflexións a partir da lectura do emotivo artigo
de Víctor Fernández Freixanes “Memoria do tío Joaquín”, na
Voz de Galicia do pasado día 18. Nel podemos atopar ese desexo de
saber máis e tamén o testemuño de como as pesadas cargas dos
“antecedentes políticos familiares negativos” continuaron
pesando moitos anos sobre as familias.
Esta situación,
repetida ao longo de moitos anos de traballo neste tema, lévame a
inaugurar un apartado neste blog, que titularemos “Contra o
esquecemento” e no que, cada certo tempo, achegaremos a biografía
das vítimas esquecidas.
Joaquín Fernández
Barcia “O negro” naceu o 10 de agosto de 1906 en Mourente
(Pontevedra), era fillo de Saturno e Elvira, ebanista, afiliado á
Sociedade de Ebanistas afecta á UGT. Estivera preso no 1934 polos
sucesos revolucionarios de outubro. Foi detido en Vigo o 25 de agosto
de 1936 onde, ao parecer, se refuxiara na casa duns parentes; tivo a
mala sorte de ser recoñecido por un policía pontevedrés que fora a
aquela cidade a efectuar un servizo.
Incóaselle a causa
1118/36 por rebelión, causa militar que sería acumulada á 1098/36
que se abrira contra Eduardo Muíños Búa e outros; todos estaban
acusados de participar nos rexistros domiciliarios e en armerías
para incautar armas. Estas actuacións leváronse a cabo todas elas
amparadas en ordes escritas do gobernador civil. As persoas acusadas
destes feitos ou de participar na defensa do goberno civil o 19 e 20
de xullo foron moi perseguidas e sufriron fortes condeas de cárcere
ou a pena de morte.
A Joaquín
acusárono de participar na requisa efectuada na armería de Ruperto
Santos; alí foran acompañados do inspector de policía Castor
Prieto, que portaba a correspondente orde; a actuación de Joaquín e
compañeiros descríbea o dono da armería cando foi preguntado por
se tiveran “actitude tumultuosa” e respondeu que todos estiveran
moi atentos e respectuosos.
Pero as acusacións
contra Joaquín acumulábanse: ademais das requisas tamén fan as de
participar destacadamente nos feitos revolucionarios daqueles días
de xullo arengando e alentando os grupos rebeldes; ademais os seus
antecedentes, como os dos outros acusados, eran os de significados
axitadores e dirixentes das “organizaciones extremistas” ás que
pertencían.
Diversos informes
considerábano membro da agrupación socialista e persoa de confianza
do deputado Amando Guiance; o da Guardia Civil, coa falla de
fiabilidade habitual, considera que militara no partido comunista,
afiliado á CNT e que “según informes que no se pueden precisar
[!!!] desde su domicilio estuvo haciendo disparos el día 20 de Julio
último con una pistola”. Algunhas testemuñas afirmaron que
participara nos tiroteos contra as tropas que procedían á lectura
do bando de guerra.
Un erro no apelido
evita que o leven na saca dun grupo de presos que acabarán
“paseados” a finais de setembro.
O 20 de novembro de
1936 celébrase o consello de guerra contra Joaquín Fernández
Barcia, Nemesio Laya Abal, Ciriaco Licer Cons, Manuel Dios Costado,
Ramón Rey Juncal e Eduardo Muíños Búa; na sentencia consideran a
Joaquín responsable do delito de rebelión co agravante de
perversidade e condénano a morte, do mesmo xeito que ao mestre
Muíños e ao albanel Manuel Dios. Ademais deberían indemnizar ao
Estado por responsabilidades políticas coa cantidade de cinco mil
pesetas cada un.
Execútano o 2 de
decembro de 1936, ás sete horas e trinta minutos da mañá no alto
da Caeira. Foi enterrado en san Amaro na sepultura 49, cadro 1, fila
terceira. A morte foi anotada no Rexistro Civil pontevedrés no folio
281 volto, tomo 117, partida 560 e como causa figura a de “colapso
cardíaco”.
Dous dos seus
irmáns serían detidos na década dos corenta acusados de
actividades subversivas: Antonio, detido no 1947 por recadar diñeiro
para Mundo Obrero, foi posto en liberdade polo xuíz por non haber
cargos probados e Saturno, detido e procesado no 1948 por presuntas
implicacións co partido comunista, foi absolvido.
Nos anos 90 un dos
seus irmáns, probablemente asesorado polo inesquecible Gonzalo Adrio, solicita (e
consigue) que se subsanen as falsidades que constaban na anotación
do rexistro civil no senso de que o lugar da morte (A Caeira, O Vao)
non pertencía a Pontevedra senón a Poio, polo que debía
rexistrarse naquel concello e a causa fundamental da morte:
fusilamento despois dun consello de guerra por defender ideas
políticas.
Serva este breve
apunte para lembrar a un home para quen, como escribe o seu sobriño
Víctor F. Freixanes, o Día da Galiza Mártir tamén foi o seu día,
aínda que a súa execución fora en decembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario