jueves, 18 de septiembre de 2014

Memoria do mar de Cangas.



Acaba de saír á rúa un novo libro: “A alianza mariñeira de Cangas 1914-1936” editado pola A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas. Os autores son Antonio Nores Soliño e Iago Santos Castroviejo; os dous teñen demostrado o seu bo facer e coñecemento da historia do Morrazo na exhaustiva “Historia de Cangas, 1900-1936”; de feito este libro é unha versión dun dos seus apartados, posta ao día coas últimas investigacións e coa documentación achegada polas causas militares contra dirixentes mariñeiros de Cangas.
O libro está estruturado en tres grandes apartados: o ascenso do movemento obreiro e democrático, 1914-1923; a segunda república, 1931-1936 e a traxedia, 1936. Non falta unha reflexión final significativamente titulada “Cen anos despois.”
No primeiro capítulo prestan especial atención ás folgas xerais de 1917 e 1919 así como á oposición que a Alianza mariñeira levou a cabo contra o entramado caciquil que controlaba a situación política do momento.
No capítulo segundo detállase a situación social deste período, sobre todo o devir do sindicalismo mariñeiro co avance da implantación da CNT; a folga xeral de outubro de 1934, que tivo bastante repercusión en Cangas, é outro dos obxectos de análise. No plano estritamente político trátase especialmente a organización e programa da Fronte Popular.
O terceiro capítulo titúlase “A traxedia” e serve para adentrarnos paso a paso no sucedido no período inmediatamente anterior e posterior do golpe militar. O máis destacado, xunto coa completa relación de asasinados, é a selección de testemuños persoais. É un apartado que, acaso, se queda curto á espera dunha desexable publicación monográfica e máis global sobre a cuestión e para a que os autores estarían especialmente capacitados polo coñecemento do sucedido en Cangas neses anos de terror; dende aquí animamos aos autores a abordar o tema.
Todo o anterior está artellado con abundantes referencias documentais e contempla aspectos que van máis alá dos laborais, pois enmárcase todo o proceso na situación política, social e económica da primeira metade do século XX; sen cinguirse só a Cangas senón que nos informa da situación provincial e galega.
Conta tamén cun interesante apartado fotográfico e con diversos gráficos que sintetizan aspectos importantes do tratado no texto.
Parabéns aos autores e á A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto por esta publicación que contribúe a completar o mapa da historia galega da primeira metade do século XX.