Acaba de saír á rúa un novo libro:
“A alianza mariñeira de Cangas 1914-1936” editado pola A.C.
Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas. Os autores son Antonio
Nores Soliño e Iago Santos Castroviejo; os dous teñen demostrado o
seu bo facer e coñecemento da historia do Morrazo na exhaustiva
“Historia de Cangas, 1900-1936”; de feito este libro é unha
versión dun dos seus apartados, posta ao día coas últimas
investigacións e coa documentación achegada polas causas militares
contra dirixentes mariñeiros de Cangas.
O libro está estruturado en tres
grandes apartados: o ascenso do movemento obreiro e democrático,
1914-1923; a segunda república, 1931-1936 e a traxedia, 1936. Non
falta unha reflexión final significativamente titulada “Cen anos
despois.”
No primeiro capítulo prestan especial
atención ás folgas xerais de 1917 e 1919 así como á oposición
que a Alianza mariñeira levou a cabo contra o entramado caciquil que
controlaba a situación política do momento.
No capítulo segundo detállase a
situación social deste período, sobre todo o devir do sindicalismo
mariñeiro co avance da implantación da CNT; a folga xeral de
outubro de 1934, que tivo bastante repercusión en Cangas, é outro
dos obxectos de análise. No plano estritamente político trátase
especialmente a organización e programa da Fronte Popular.
O terceiro capítulo titúlase “A traxedia” e serve para adentrarnos paso a
paso no sucedido no período inmediatamente anterior e posterior do
golpe militar. O máis destacado, xunto coa completa relación de
asasinados, é a selección de testemuños persoais. É un apartado
que, acaso, se queda curto á espera dunha desexable publicación
monográfica e máis global sobre a cuestión e para a que os autores estarían
especialmente capacitados polo coñecemento do sucedido en Cangas
neses anos de terror; dende aquí animamos aos autores a abordar o
tema.
Todo o anterior está artellado con
abundantes referencias documentais e contempla aspectos que van máis
alá dos laborais, pois enmárcase todo o proceso na situación
política, social e económica da primeira metade do século XX; sen
cinguirse só a Cangas senón que nos informa da situación
provincial e galega.
Conta tamén cun interesante apartado
fotográfico e con diversos gráficos que sintetizan aspectos
importantes do tratado no texto.
Parabéns aos autores e á A.C.
Memoria Histórica 28 de Agosto por esta publicación que contribúe
a completar o mapa da historia galega da primeira metade do século
XX.
No hay comentarios:
Publicar un comentario