miércoles, 27 de mayo de 2026

Necrolóxicas e censura.

 


Un aspecto interesante da simbiose entre o franquismo e a Igrexa Católica é o tratamento que o Réxime daba, mediante os seus mecanismos de control dos medios de información, ás novas relacionadas con determinados actos. Un exemplo pode ser a prohibición de publicar necrolóxicas sen símbolos relixiosos ou con referencias a enterros civís. Trataremos o sucedido con motivo do enterro de Esperanza Serrano Rivero, viúva do destacado anarquista Ricardo Mella Cea. Esperanza faleceu en Vigo o 7 de novembro de 1944 e, os días 8 e 9, o xornal Faro de Vigo inserta a correspondente necrolóxica na que, por mandato da familia, non figura o símbolo da cruz nin referencia algunha de carácter relixioso. O xornal somete a censura a primeira delas e recibe a aprobación do “camarada censor”, Francisco Insua Martínez, “por entender que podía hacerlo ya que no se hacía constar en el texto de la esquela entierro civil ni que sería enterrado el cadáver en cementerio civil”. A segunda non a somete a censura. O xornal falanxista El Pueblo Gallego negárase a publicala sen a cruz.

A publicación non sentou nada ben ao ardoroso falanxista José Vázquez Fernández, delegado local da Vicesecretaría de Educación Popular, que, en escrito datado o 23 de novembro, insiste diante do delegado provincial, Enrique Munuera, na gravidade do sucedido. Copiamos un significativo parágrafo, exemplo acaido do acostumado carácter paranoico deste tipo de denuncias:

Aprovecho esta ocasión para informarte, que con motivo del entierro se han sucitado comentarios presentando dicho acto como una manifestación de elementos marxistas. Y esto es, a juicio de esta Delegación, lo que en realidad tiene importancia, ya que si la familia de la difunta no quiso intervención religiosa alguna, no se le debió autorizar efectuar el entierro en la forma que se efectúan los sepelios católicos, por cuanto constituye un hecho de muy mal efecto que detrás de un coche fúnebre vayan en manifestación una serie de personas de ideas marxistas y anticatólicas, que con el pretexto de acompañar un cadáver, van haciendo ostentación de su modo de pensar.

Munuera dá conta dos feitos ao gobernador civil, Luis Ponce de León, dous días despois. O gobernador realiza as pescudas precisas e conclúe que o home da finada, Ricardo Mella, era “indiferente religioso, aunque no anti-católico, pues era respetuoso con las creencias de los demás” e fora enterrado civilmente. Desminte as acusacións de Vázquez indicando que no velatorio estiveran presentes persoas de distintas crases sociais e ideoloxías

personas que luego acompañaron igualmente el sepelio sin pretensión política alguna, al menos que trascendiera en modo alguno, no presentando dicho entierro carácter de manifestación política como se dice, pues ha sido un conglomerado de acompañantes de muy diversas tendencias.

Case dez anos despois, en maio de 1953, a prohibición seguía vixente: unha consulta da emisora Radio Pontevedra sobre a radiación da necrolóxica dun pastor evanxélico de Marín, recibe a contestación do delegado de Información y Turismo, Julián Álvarez Villar, que se basea nas disposicións vixentes e na confirmación do director xeral Juan Aparicio:

Queda probida [sic] la publicación de esquelas y en general cuantas manifestaciones tiendan a producir una publicidad del sector protestante, y naturalmente no se puede incluír esquela sin cruz ni invitando a servicios religiosos ni a acudir al cementerio civil (Os subliñados aparecen no orixinal).

domingo, 10 de mayo de 2026

Os crimes e a censura.

 

A Dirección General de Prensa, sempre tratando de velar polo benestar emocional e a integridade moral da poboación, dirixe un telegrama á delegación pontevedresa do Ministerio de Información y Turismo indicando que: 

Queda prohibida la publicación periódicos de su provincia referencias o informaciones sobre crímenes de sangre carácter retrospectivo tanto nacionales como extranjeros. Comisión cualquiera otros delitos podrá hacerse información tratando de evitar todo caso lo que de morboso pueda haber. (19-6-1952). 

Esta orde causou unha grata impresión ao delegado provincial, Julián Álvarez Villar, que indica a súa satisfacción por tal medida "por ser esta provincia pródiga en actos criminales de ejemplaridad perniciosa al ser publicados".

Xa facía dous anos (24-2-1950) que a Junta Provincial de Protección de Menores se dirixira ao Delegado de Educación Popular para que extremase a vixilancia na publicación de noticias en prensa e radio, neste caso relativas a delitos e atentados contra a honestidade, evitando a publicación de frases ou expresións "que produzcan la curiosidad de los menores que por desconocer los términos empleados originan las consiguientes preguntas".

En ambos casos, o ocultamento da realidade considérase a medida oportuna para a salvagarda de posibles morbosidades e curiosidades malsanas.

Pasan os anos pero o estado de alerta sobre o tema non decae; en 1955, a delegación provincial diríxese á comisaría de policía pontevedresa porque 

se está vendiendo y cantando una serie de coplas, no autorizadas por esta Dependencia, y que por su contenido inadecuado, considero conveniente su intervención.

 As coplas en cuestión cantábanas os cegos os días de feira e as que consideraba inconvenientes eran as tituladas: "Un muchacho de treinta años que se casara en Toledo, mató a su madre y a un sobrino para robarles el dinero", "La triste tragedia de dos hermanos muertos por el amor de una mujer", "Una joven molinera llegó de lavar del río, mató al marido y a una hijita y los quemó en el molino" e "Por un capital mata al marido y al amado junto a ella y su cuñado". En verdade, deberiamos darlle a razón aos xerarcas da delegación pontevedresa pois xa só os títulos producen un forte arrepío.

As xestións policiais dan, en parte, os seus froitos e recollen, na feira do 1º de marzo, numerosos exemplares destas coplas. O posuidor era Marcial Girut Soto, un ambulante vigués de 50 anos, manifestou que as imprimira na imprenta "La Industrial" de Ourense. Tamén se descobre que había coplas impresas en Cartaxena.

Non demos localizado coplas nas que o título coincidira exactamente con estas, pero existen nas antoloxías composicións moi semellantes no seu argumento xa que a narración deste tipo de crimes tiña moito éxito.