sábado, 23 de agosto de 2008

Aurelio Torres Lorenzo "O Pacheco"


-->
A María do Carme, Carlos Morgade, Pilar e familia, que gardan a memoria do seu avó.
-->
Aurelio Torres Lorenzo, da familia dos “Pacheco” de Mourente, tiña cando o golpe militar a idade de 35 anos, estaba casado con señora Isolina “A Cendona”, tres fillos, dirixente obreiro e canteiro de profesión. En febreiro dese ano participara en varios mitins da Fronte Popular.

O 4 de setembro de 1936 figura, co nome equivocado, nunha requisitoria:
Rogelio (sic) Torres del lugar del Pazo, parroquia de Mourente; Martínez, Manuel [ dos Marións] del lugar de Casasnovas, de la parroquia de Mourente; Sánchez, Albino [ o Perrita ], hojalatero, del barrio del Burgo; Pedreira Rumbo, Manuel [fillo do mestre fusilado M. Pedreira] estudiante de Magisterio y Lodeiro González, Elvira [ de Salcedo] casada con el chófer Juan Manuel Gómez Corbacho, encartados en la causa que se sigue por auxilio a la rebelión, comparecerán en el término de cuarenta y ocho horas ante el capitán de infantería retirado, Juez Instructor D. Leonardo Enríquez Rozas, en la Zona de Reclutamiento; bajo apercibimiento que, de no efectuarlo, serán clasificados rebeldes.

Mal podería presentarse Aurelio Torres cando xa fora asasinado no mes de agosto; ¿descoñecemento dos feitos ou posible intento de darlle certa cobertura ao “paseo” ?.

Segundo varias testemuñas, el e o seu irmán Manolo “O Chía”, logo do golpe, pasan algún tempo escondidos na casa dunha veciña na que había unha trampiña no faiado, que lles permitía pasar dunha casa a outra. Estábanlle preparando a fuxida cara ao estranxeiro, levárono para outra casa e foi denunciado por dous cívicos do lugar. Non era O Pazo o mellor lugar para refuxiarse pois alí tiña unha elevada presencia a Garda Cívica con, polo menos, oito membros residentes no lugar, algúns deles tristemente coñecidos polas súas andanzas e que aparecerán logo formando parte do Grupo 9 da Milicia Nacional de 2ª Línea.

Nunha volta que hai no camiño que leva para Bora, aparece o 23 de agosto o seu corpo, barbaramente torturado e cos xenitais metidos na boca. Era unha das marcas da barbarie dos cívicos. A avoa de quen escribe este artigo, que fora moza de Aurelio na súa xuventude, foi unha das mulleres que se achegaron a velo e a chorar.
O cura, D. Ignacio Triñanes, afervoado defensor dos sublevados, non quería deixalo enterrar no cemiterio.

Moitos anos despois, en 1997, nun artigo ao que lle censuran varios parágrafos nun periódico local, o historiador Carlos Morgade facía unha exacta descrición dos sufrimentos posteriores da súa viúva, sra Isolina, e familia:
As ultraxes non acaban aquí. A viúva recibe unha chea de veces, a visita ameazante dos valentes na busca dos papeis do morto. Quizais querendo xustificar o crime. E de paso arramplan tamén co diñeiro e algunha xoia, o que topan pola casa ¿e quen llo prohibe? Son os novos amos. A morte, os golpes e as ameazas son as mostras do seu poder. Os nenos escóndense debaixo da cama co terror nos ollos. O maior, de sete anos, xa ten as marcas dos culatazos. Hai que deixar facer.
(versión íntegra do artigo en A Nosa Terra 23-8-1997).
No rexistro civil consta como causa da morte “destrucción de cráneo”.
Hoxe, 23 de agosto de 2008, setenta e dous anos despois, lembrámolo nesta páxina.

lunes, 18 de agosto de 2008

¡ Publicidades! (1)




Os anuncios publicitarios son un aspecto máis da realidade dos anos do medo. Neste blog comezo hoxe unha sección con este título na que, cada pouco, irei colgando algún anuncio aparecido nos xornais pontevedreses. Case non precisarán comentario, algúns provocarán un sorriso, outros recordarannos a máis crúa realidade...
Neste primeiro percatámonos de que hai alguén que se beneficia coa conquista de Oviedo...

domingo, 10 de agosto de 2008

Día do Prato Único

A maiores do relatado na entrada Donativos, tamén existían outros mecanismos de recadación que revestían características especiais: selos para o Auxilio Social, Día do Prato Único e Día sen Postre.
Como se deduce do seu nome, estes últimos consistían en que, determinados días do mes, a comida limitaríase a un só prato ou a non tomar sobremesa, ingresando o importe aforrado como axuda. Foi implantado mediante unha circular do gobernador xeneral do estado do 30 de outubro do 1936, indicando na mesma que a finalidade sería a atención de comedores de asistencia social para obreiros parados e as súas familias, comedores para pobres, casas-cuna, “Gota de Leche”, etc.
Buscando as raíces españolas desta institución, non se dubida en apelar ás privacións na conquista das Américas ou ao mesmo Cervantes, así aparece nun artigo sen firma publicado no xornal pontevedrés El Progreso (1-12-36),
Has de pedir en Cortes que todos los vasallos de Su Majestad desde la edad de catorce a sesenta años sean obligados a ayunar una vez en el mes a pan y agua, y esto ha de ser el día que se escogiere y señalare que todo el pasto [...] se han de gastar aquel día se reduzcan a dinero y se dé a Su Majestad, sin defraudarle un ardite... Neste inefable artigo tamén se dan receitas detalladas de “ guisado-¡ no ragout!- o bien de estofado” tendo en conta que el estofado puede ser a la española o a la napolitana. Lo primero es más patriótico, lo segundo más fascista.
A contía da aportación debería corresponderse co aforro do gasto ordinario de cada familia. O alcalde de Vigo (El Pueblo Gallego, 13-11-36), fai unha serie de exemplificacións para clarificar a aportación de cada quen:
una familia que no gasta más de una peseta por individuo y por día nada tiene que ahorrar ni dar, pues es evidente que esa familia come ordinariamente un solo plato y harto frugal e continúa indicando as porcentaxes a satisfacer noutros casos: gasto de 2 pta por persoa, aforro e cota dun 15%, 3 pta o 25%, 4 pta o 33%, 5 pta o 50%; para hoteis e pensións establécense dúas categorías de estancia: ata 15 pta o 25% e de 15 a 20 pta o 35%. Nos restaurantes de 1ª o prato tiña un prezo fixo de 4,5 pta e pagaba o 50% e nos de 2ª era de 3,5 pta pagando o 30%.
A recadación entre novembro do 36 e o mesmo mes do 37 foi, en Pontevedra capital, de 138729,80 pta que se corresponde cunha aportación media, por habitante e ano, lixeiramente superior a 4,5 pta. Esta cantidade era, xunto con Vigo (5,8) moi superior á media provincial que era de ó redor dunha peseta.
No caso da capital, coa finalidade de aumentar a recadación- e de paso coñecer a quen se lle “esquece” contribuír- o gobernador Mateo Torres Bestard organiza a recadación por barrios con grupos de señoritas baixo a dirección dunha xefa; estas señoritas entregarán os recibos nas casas e teñen a “obriga moral” de informar ao goberno civil dos veciños que aporten unha cota que non se corresponda coa súa posición económica. Tamén se publicarán as listas de contribuíntes.
Aínda así, as cantidades apuntadas anteriormente non parecían ser suficientes, a ollos dos responsables do goberno civil, que non perdían ocasión para recordar a necesidade de contribuír recorrendo a ameazas nada veladas e á imposición de multas.
O xornal El Pueblo Gallego (26-11-37), órgano de Falanxe, aproveita para encirrar co gallo da segunda cuestación para o Auxilio Social:
El público pontevedrés no ha contribuído como debiera y correspondió en otras ocasiones [...] Muchas personas se negaron rotundamente a hacer la modestísima aportación que de ellos se solicitaba; otras con socarronería insulsa, contestaban a las postulantes que “a la vuelta”, muchos sacaban una moneda de cinco o más pesetas, como excusa para contribuír, alegando “no tener suelto” como si en tal día, no podrían ya salir de casa con trinta míseros centimillos para dar de comer a los niños hambrientos [...] señor gobernador, hay mucho rojo, hay mucho emboscado, hay mucho egoísta y es en estas ocasiones cuando se revelan. Es preciso tomar contra ellos medidas urgentes y eficaces [...]no tienen derecho a figurar en el padrón de los españoles de la digna España de Franco.

Ao gobernador non fai falla que lle dean ánimos para sancionar, entre os moitos sancionados están os veciños de Lérez: Benito García, con 50 pta por negarse a satisfacer a súa cota polo prato único e con 15 pta, José Lores, Ramón Dios Blanco e Ramón Piñeiro. Hai algúns que lle botan valor, como o lalinense Joaquín Jorge, sancionado con 100 pta,
quien no obstante su posición económica desahogada, se negó a que le fuese impuesta la insignia del Auxilio Social rechazando su adquisición [...] en tono despectivo y en ocasión que su conducta entrañaba un ejemplo perturbador para la labor recaudatoria. (Diario de Pontevedra, 1-12-37).
Outra ameaza era a que o mesmo Torres Bestard apuntaba en decembro do 37:
que quienes lo realicen menguadamente o lo escamoteen merecerán ser considerados como desafectos y ser incluídos en las LISTAS NEGRAS (maiúsculas no orixinal) de malos españoles, mandadas formar a tal evento por el gobierno general...

De todo o anterior, apuntar só un par de ideas: a) O recoñecemento da existencia de dificultades (pobreza, fame, etc) en sectores da poboación no bando sublevado. b) A adhesión ao “Movimiento Nacional” non parece ser todo o entusiasta que se dicía, pois un alto número de persoas non contribuía economicamente e mesmo- aínda naquelas circunstancias- se opoñía activamente.

lunes, 4 de agosto de 2008

Donativos



Un capítulo moi importante no financiamento do bando sublevado foi o relativo ás aportacións, voluntarias ou non, en subscricións patrióticas, selos e emblemas, entregas de ouro e xoias, talleres de fabricación de roupa para a fronte, etc.


Nesta entrada imos centrarnos nos donativos, deixando para outra ocasión campañas como a do Prato Único, Día sen postre ou semellantes.


Sen ánimo exhaustivo, na Pontevedra da época, atopamos listas de donativos para: avión Pontevedra (tratábase de mercar un avión para o exército como aportación pontevedresa ), Garda Cívica, Pro acorazado España, Pro Exército e milicias do Oitavo Corpo, Pro Causa Nacional, Aguinaldo do soldado, Batallón de Voluntarios de Pontevedra, Mausoleo aos nosos heroes, Asistencia a Frontes e Hospitais, para os templos devastados de Asturias, Xunta de Socorros para defensa da Patria, café para a fronte, etc.


Ás veces as subscricións obedecían a un feito máis ou menos puntual: en novembro do 36, cando se pensaba que a toma de Madrid era inminente, artéllanse iniciativas como “Para el altar del Apóstol en Madrid” para o que se tiña ata decidido o lugar de emprazamento, que ía ser na Glorieta de Cuatro Caminos ou a organización dunha comida para pobres que, por iniciativa de Falanxe, daríase para festexar a entrada na capital.


Atopamos tamén colectas singulares como a que, a iniciativa de Renovación Española, encabeza Víctor Lis con 25 pta para regalar unha imaxe da Virxe do Pilar ao xeneral Franco en novembro do 36.


Os listados de donantes por estes conceptos e tamén de ouro e xoias, son unha radiografía da sociedade pontevedresa. En ocasións, os nomes son substituídos por expresións como: Un niño con un Viva España, 25 pta, Dos españoles de veras, 10, Viva España Gloriosa, 25, etc. Tamén atopamos contías moi elevadas como a de Casimiro Gómez con 50.000 pta e outras de carácter corporativo como a do Colexio de Rexistradores que, o 12-3-37, aportan 705,85 pta. Sirva como dato de referencia que, en xullo do 1937, o goberno militar de Pontevedra fai público que o recadado no mesmo Pro Causa Nacional dende a data do golpe militar, ascende a 1308412,96 pta.


Aparte da xa mencionada recollida de ouro, prata, xoias...tamén se aportan donativos en especie, por exemplo o concello de Cotobade, en decembro do 36, doa 12 galiñas, 1 botella de coñac, 1 de ron, 109 chourizos, 1 cacho de xamón, 2 pedazos de cacheira e un paquete de carne de porco (Diario de Pontevedra, 17-12-36).


As listas aparecen, ás veces, encabezadas por párrocos, empresas e ata entidades disoltas tras o golpe, como é o caso da Caixa Rural de Lérez na que “ se recogieron” pola Garda Cívica os víveres ( comestibles, bebidas, ferramentas...) que había na cooperativa incautada e se publicitaron como donativo ao “Movimiento”.


Eran tamén abundantes os ofrecementos de parte dos haberes ou da súa totalidade, como é o caso do cura de Lantaño, Vicente Cortizo, que pide ao marqués de Riestra (habilitado do clero) que ingrese a súa nómina no tesoro nacional “mientras dure la reconquista de nuestra Patria del inaudito salvajismo jamás visto en la historia de la humanidad” (Diario de Pontevedra, 24-8-36).


En ocasións organizábanse postulacións como a que se fixo para o exército, con motivo do Día da Raza e que recadou 1192,75 pta:

lindas manos femeninas en constante ofrenda patriótica dejaron unos instantes los “monos” y las lanas de los jerseys, saltando a las solapas de los hombres para prender en ellas unas cartulinas con los colores de la gloriosa enseña nacional.

Outro tipo de donativos podían causar maiores problemas polo seu posible contido, este era o caso dos libros para os soldados feridos, que debían ser entregados na Biblioteca Pública porque era o corpo de arquiveiros o encargado de que “ se haga realmente una selección escrupulosa en las lecturas” e recomendando a temática dos mesmos:

agradeceremos igualmente todo donativo que tienda a la exaltación de la hispanidad, la Historia de nuestra raza y a la glorificación del Movimiento que inició y lleva hacia el resurgimiento de España nuestro Caudillo. (El Pueblo Gallego, 27-4-37).

As discriminacións que puideran xurdir cando se trataba de repartos aos soldados, tamén podían estar previstas como no Paquete Aguinaldo, que podía ser mercado na confitería Ureta ou en La Abundancia, confeccionado en exclusiva para o aguinaldo do soldado de xeito que todos recibiran o mesmo contido. (Delegación de Asistencia a Frentes y Hospitales, 13-12-37).


Non sempre os donativos son tan voluntarios como se facía constar, por exemplo, unha nota do goberno civil do 3-9-37, resalta que os empregados da conserveira Herrero, de Marín, “ están dando una prueba de su gran patriotismo con lo que contribuyen cada uno” aos donativos pro Causa Nacional, pero solo entre ellos hay una sola excepción: la obrera NATALIA OTERO que no solo no contribuye, sinó que llega a exteriorizar su mal ejemplo entre sus compañeros; lo cual, unido a sus antecedentes durante el funesto frente Popular, me precisan, como primera providencia a imponerle una multa de CINCUENTA PESETAS (maiúsculas no orixinal).

Non sabemos se froito da “primera providencia” do gobernador ou a consecuencia de outras “providencias”, o certo é que na colecta voluntaria (sic) da citada fábrica de conservas publicada no Diario de Pontevedra o 10-11-37, Natalia Otero aparece cun donativo de 2,70 pta.


De todos os xeitos, a contía recadada non debía acadar as expectativas das autoridades, pois son repetidas as advertencias do goberno civil. Así, o gobernador Ricardo Macarrón, xa nos primeiros momentos da sublevación (24 de agosto de 1936), escribe:

Pero es tristemente obligado hacer constar, con la indignación que el hecho produce, que, al lado de estos ejemplos nobilísimos y en violento contraste con ellos, podrían citarse ( y se citarán, si es necesario) otros ejemplos de refinado egoísmo, de tacañería avarienta y de cerrada incomprensión, en no pocas personas adineradas [...] viva agazapado el monstruoso egoísmo de estos “emboscados” que solapadamente procuran obtener buena parte en los beneficios de la situación sin aportar en cambio la parte que en los beneficios le corresponde [...] Será doloroso tener que sacar a la vergüenza pública estos casos [...] Será doloroso ciertamente, pero este deber de justicia se cumplirá sin contemplaciones cuando se crea necesario, sin perjuicio de adoptar también otras medidas más expeditivas y eficaces. Todos deben darse por notificados de esta admonición y obrar en consecuencia para evitarse contratiempos.

A nota anterior e outras na mesma liña, son suficientemente esclarecedoras.