O 17 de abril de
1937 é unha data para lembrar, ese día foron fusiladas varias
persoas nos malecóns da Avenida de Bos Aires (Pontevedra). Dalgúns
xa tratamos fai moitos anos neste mesmo blog.
Nesta ocasión
lembraremos a José Besada Nieto e Narciso Suárez Lojo, veciños da
Illa de Arousa, pasados polas armas neste lugar.
Na Illa tiña moita
presencia o partido socialista, sobre os seus afiliados e dirixentes
levouse a cabo unha forte represión, tanto a través de consellos de
guerra como de xeito extraxudicial; no grupo do que imos tratar
combináronse os dous métodos. Na causa 836/36 acúsase a Antonio
Padín Figueiras, José Besada Nieto, Juan Rial García, Benito Allo
Cores e Narciso Suárez Lojo; declaran en rebeldía a Avelino Fuentes
García, Luis Bóveda, Celso Callón e Manuel Abrún Alcalde. Para
outros membros do grupo, como José Búa Laredo, Luis Castro Lojo,
Juan Sanes Otero e Francisco Vázquez Vázquez, foi ditado
sobresemento pois xa foran eliminados mediante “paseo”.
A sentencia
considera probado que os dirixentes da agrupación socialista da Illa
trataron por todos os medios de recrutar persoal e material co que
facer fronte ás “tropas de España”; para conseguilo mobilizaran
paisanos que, “mediante violencia y coacción”, rexistraron
domicilios e requisaron armas e explosivos. Os “elementos
revolucionarios” acordoaran a Illa sen permitir a saída de ningún
dereitista, e refuxiaron alí “cabecillas de la revolución
marxista” como Rufilanchas (deputado), Elpidio Villaverde e Manuel
Corbacho, algúns deles fuxiron ao estranxeiro.
A José Besada Nieto
considérano xefe dos grupos armados e de distribuír as forzas para
repeler un posible ataque á Illa por parte do exército, ademais
distribuíra dinamita, requisara armas e fora fundador do “sindicato
marxista” na localidade. Acusacións semellantes fixéronse contra
Narciso Suárez Lojo, a quen lle engadían a de transportar dinamita
e bombas para os “grupos revolucionarios” que se atopaban nos
montes de Lobeira e Xiabre. Juan Rial e Benito Allo fixeran gardas e
requisaran armas que abandonaron ao coñecer que desembarcaban as
tropas para declarar o estado de guerra. A Antonio Padín vírano
participar na requisa de armas a dereitistas.
Dítase sentencia o
3 de marzo de 1937; condena a morte para José Besada e Narciso
Suárez, que serían executados o 17 de abril daquel ano nos malecóns
da avenida a Monte Porreiro, cadea perpetua para Juan Rial e Benito
Allo e 12 anos e un día para Antonio Padín.
José Búa Laredo,
albanel, socialista, aparecera asasinado en Estribela o 4 de decembro
do 36.
Sobre Luis Castro,
mariñeiro, 25 anos, UGT, sabemos que lle aplicaron a “lei de
fugas” en Vilanova de Arousa o 9 de xaneiro do 1937. A información
sobre a morte de Francisco Vázquez e Juan Sanes aparece baixo o
modelo, tan repetido, dos informes asinados polo comandante Velarde:
Al ser conducidos en la noche del día 24 de Noviembre último desde la Cárcel de esta Capital a la de Puentecaldelas los presos Francisco Vázquez Vázquez y Juan Sanes Otero, al llegar al kilómetro tres de la carretera que desde esta Capital conduce a la indicada Villa, se dieron a la fuga, por lo que la fuerza conductora les dio las correspondientes voces de alto y como no obedecieron hizo uso de sus armas causándoles la muerte, siendo conducidos sus cadáveres al depósito del cementerio de esta localidad.
Asina Joaquín
Velarde, a 26 de xaneiro de 1937.
Foto: Ría e Illa de Arousa.