martes, 17 de abril de 2018

Mortes en abril. Represión na Illa de Arousa.


O 17 de abril de 1937 é unha data para lembrar, ese día foron fusiladas varias persoas nos malecóns da Avenida de Bos Aires (Pontevedra). Dalgúns xa tratamos fai moitos anos neste mesmo blog.

Nesta ocasión lembraremos a José Besada Nieto e Narciso Suárez Lojo, veciños da Illa de Arousa, pasados polas armas neste lugar.

Na Illa tiña moita presencia o partido socialista, sobre os seus afiliados e dirixentes levouse a cabo unha forte represión, tanto a través de consellos de guerra como de xeito extraxudicial; no grupo do que imos tratar combináronse os dous métodos. Na causa 836/36 acúsase a Antonio Padín Figueiras, José Besada Nieto, Juan Rial García, Benito Allo Cores e Narciso Suárez Lojo; declaran en rebeldía a Avelino Fuentes García, Luis Bóveda, Celso Callón e Manuel Abrún Alcalde. Para outros membros do grupo, como José Búa Laredo, Luis Castro Lojo, Juan Sanes Otero e Francisco Vázquez Vázquez, foi ditado sobresemento pois xa foran eliminados mediante “paseo”.

A sentencia considera probado que os dirixentes da agrupación socialista da Illa trataron por todos os medios de recrutar persoal e material co que facer fronte ás “tropas de España”; para conseguilo mobilizaran paisanos que, “mediante violencia y coacción”, rexistraron domicilios e requisaron armas e explosivos. Os “elementos revolucionarios” acordoaran a Illa sen permitir a saída de ningún dereitista, e refuxiaron alí “cabecillas de la revolución marxista” como Rufilanchas (deputado), Elpidio Villaverde e Manuel Corbacho, algúns deles fuxiron ao estranxeiro.

A José Besada Nieto considérano xefe dos grupos armados e de distribuír as forzas para repeler un posible ataque á Illa por parte do exército, ademais distribuíra dinamita, requisara armas e fora fundador do “sindicato marxista” na localidade. Acusacións semellantes fixéronse contra Narciso Suárez Lojo, a quen lle engadían a de transportar dinamita e bombas para os “grupos revolucionarios” que se atopaban nos montes de Lobeira e Xiabre. Juan Rial e Benito Allo fixeran gardas e requisaran armas que abandonaron ao coñecer que desembarcaban as tropas para declarar o estado de guerra. A Antonio Padín vírano participar na requisa de armas a dereitistas.

Dítase sentencia o 3 de marzo de 1937; condena a morte para José Besada e Narciso Suárez, que serían executados o 17 de abril daquel ano nos malecóns da avenida a Monte Porreiro, cadea perpetua para Juan Rial e Benito Allo e 12 anos e un día para Antonio Padín.

José Búa Laredo, albanel, socialista, aparecera asasinado en Estribela o 4 de decembro do 36.

Sobre Luis Castro, mariñeiro, 25 anos, UGT, sabemos que lle aplicaron a “lei de fugas” en Vilanova de Arousa o 9 de xaneiro do 1937. A información sobre a morte de Francisco Vázquez e Juan Sanes aparece baixo o modelo, tan repetido, dos informes asinados polo comandante Velarde:

Al ser conducidos en la noche del día 24 de Noviembre último desde la Cárcel de esta Capital a la de Puentecaldelas los presos Francisco Vázquez Vázquez y Juan Sanes Otero, al llegar al kilómetro tres de la carretera que desde esta Capital conduce a la indicada Villa, se dieron a la fuga, por lo que la fuerza conductora les dio las correspondientes voces de alto y como no obedecieron hizo uso de sus armas causándoles la muerte, siendo conducidos sus cadáveres al depósito del cementerio de esta localidad.


Asina Joaquín Velarde, a 26 de xaneiro de 1937.
Foto: Ría e Illa de Arousa.

No hay comentarios: