O xornal El
Guerrillero, órgano do Exército Guerrilleiro de Galicia,
correspondente ao 26 de novembro de 1947, publica un artigo co título
de A LEY DO RAÑO, CONTRA FRANCO E FALANXE. O autor que o asina é
FOUCELLAS, alcume de Benigno Andrade García, que por esas datas era
o xefe da Quinta Agrupación guerrilleira, correspondente á
provincia de Pontevedra.
O artigo, escrito en
galego, repasa a situación dos agricultores, sometidos a toda clase
de abusos en forma de pagos, requisas, multas, etc, por parte das
organizacións franquistas que actuaban no campo; de xeito reiterado
lembra a falanxistas, Hermandades de Agricultores, fiscalía de
Taxas, Abastos, que eran as bestas negras do campesiñado naqueles
anos de racionamento e fame. Non aforra cualificativos para
describilos e fai constantes apelacións á necesidade de organizarse
para facer fronte aos abusos.
¡Labradores gallegos! O réximen de Franco comete con vosco toda clais de tropelías. Téndes que traballar dende q’abre o dia hastra que cerra a noite, e nin unto lle podedes botar o caldo. O produto do voso sudor róubanbolo as feras falanxistas. Fanvos pagar escandalosas contribucións, e por cada boy ou vaca téndes que pagar 10 pesos o ano. Méntras os vosos fillos espidos, e descalzos, sin poder ir a escola, teñen que traballar todo o dia, c’un cacho de broa, Franco y-a su cuadrilla de ladrós falanxistas, raspíllanvos as patacas, o trigo, o centeo, a leite, o queixo, a manteiga, pra engordal-os cochos d’Abastos, das Hirmandades, Alcaldes e toda esa patuleya de chupós que vos arruinan c’os cupos, tasas e multas. Por contra, a vós non vos dan nada de racionamento. N-unha palabra, c’o réximen de Franco, non sodes donos d’o que producides c’o voso sudor, mentras c’os falanxistas andan fonchos e ben mantidos, e fan a sua América c’o que rouban o pobre labrador.
¡Labregos! Téndes q’axudar os guerrilleiros pr’acabar c’o ese fato de ladrós. Cando veñan os d’Abastos, os da Fiscalía, ou os larpeiros d’as Hirmandades pra faguer as declaraciós de sembras, aplastal-os como cóbregas.
Pra que non vos leven as colleitas téndes que xuntarvos todol-os labradores de cada aldea e parroquia, e negarse a entregar cupos, nin farrapos de gaita. Que veñan todol-os vagos e maleantes que rodean a Franco, a cachar que teñen bon lombo. Organizade Consellos Locales de Resistenza, pra faguer frente e fenderlles a chola os asesiños, ladrós e malandrís falanxistas. Recordade que “A UNIÓN FAI A FORZA”. Si xuntamos todal-as forzas dos que son vítimas da ladroira de Franco, en pouco tempo meteremos no burato os culpabres da vosa miseria e ruina, fortamente unidos, labradores, obreiros, guerrilleiros, todol-os gallegos honrados, acabaremos con Franco, e tendremos a República, que respetará os que traballan e producen, y-abrirá pra todos unha nova era de prosperidá e fartura.
Nota: Ortografía
orixinal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario