Ángel Buceta Loroño “o Campana”, empregado, solteiro, naceu o 17 de xaneiro de 1917 en Vilagarcía, fillo de Manuel e Perfecta. Francisco Baamonde García, albanel, casado e con dous fillos, naceu o 24 de abril de 1913 en Bamio, fillo de Francisco e Esclavitud. Membro do sindicato de albaneis da CNT.
Segundo a súa declaración, Ángel Buceta fuxe ao monte nos primeiros días tras o golpe por medo a ser detido; refúxiase no mato chamado “Picote”, en Rubiáns. Leváballe comida unha obreira do porto chamada Angelita e tamén Lola, a muller de Juan Gil. A Angelita rapárona e estivo presa. A primeiros do ano 1937 reúnese co grupo mandado por Rodrigo Beruete1 Alejandre “O Xitano” e composto polos seguintes membros: Rodrigo Beruete, Manuel Díaz Hermo “O Cuevas”, Manuel Limeres Ordóñez, Antonio Basilio Sayanes González, Urbano Tarrío Montero, José Torres Eiras “o panadeiro de Bamio”, Francisco Baamonde García, Serafín Brea González, Ángel González García, Manuel Martínez Freire “o Randa”, e Ramón Rodríguez Carregal; tamén aparecen relacionadas co grupo dúas mulleres: Pilar Fernández Seijo “a Montañesa” e Josefa Barreiro González. Esta declaración, feita o 15 de febreiro de 1937 diante do tenente da Garda Civil Aurelio Belay, é moi detallada; Ángel Buceta relata as actividades deste grupo de fuxidos, os compoñentes e a súa actividade no mesmo. A presión da Garda Civil debeu ser moi forte para obter os datos pero Ángel ratifícaa tamén diante do xuíz municipal Eduardo García-Reboredo González.
Sobre a súa detención, afirma que o día 13 de febreiro, cando Buceta, Beruete, Juan Gil e Manuel Díaz estaban albergados na casa de Pilar Fernández en Trabanca-Badiña, presentáronse varios números da Garda Civil e da Garda Cívica. Os agochados fuxiron por un burato que abriran no tellado e, defendéndose a tiros, aproveitaron a escuridade da noite para fuxir cara o Xiabre. Buceta foi ferido e presentouse dous días despois no cuartel. Estivo internado no Hospital de Pontevedra ata o 31 de marzo.
A declaración de Buceta levou á detención de Francisco Baamonde García; este leváralle de comer aos fuxidos e estivera escondido na súa casa; ao parecer, tamén se uniría ao grupo máis tarde, cousa que nega. O informe da Garda Civil é moi duro: “pésimos antecedentes y gran agitador antes del Glorioso Movimiento Nacional” e apunta que era afiliado do partido comunista. O instrutor afirma
sin que se hubiese acreditado que dicho Francisco Baamonde García hubiese intervenido en los robos a que este sumario se refiere ni que se hubiese alzado en armas ni hiciese oposición a la Fuerza Pública.
O anterior fora corroborado no careo que tivo con Buceta Loroño. A pesar disto, foi procesado por auxilio á rebelión. A Ángel Buceta procésano por rebelión. Ambos na causa 288/37.
O 22 de xullo de 1937 celébrase o xuízo en Pontevedra; preside o tenente coronel de artillería Francisco Lorente Armesto, vogal poñente foi o capitán honorífico Ramón Rivero de Aguilar Otero e fiscal o alférez Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Actúa como defensor o tenente de artillería Julio Conde González.
O fiscal pide pena de morte para Ángel Buceta e de reclusión perpetua para Francisco Baamonde pero o tribunal condena a ambos á última pena.
Nun dos resultandos da sentenza relátase a actividade do grupo de fuxidos:
formando parte de una partida de paisanos armados y provistos de bombas de mano, en los primeros días de iniciarse el Movimiento Nacional se refugia en los montes de Xiabre y Lobeira del partido judicial de Cambados, de esta provincia, y en distintos días asaltan varias casas de aquella comarca, apoderándose de dinero y efectos y manteniendo en fechas distintas fuertes tiroteos con fuerzas del Ejército que daba la batida a los marxistas.
Os dous foron executados o 11 de outubro de 1937, ás seis da mañá, na avenida de Bos Aires de Pontevedra, por unha sección da Garda de Asalto. Refusaran os auxilios espirituais e negáranse a asinar a sentenza.
Ángel recibe catro balazos na rexión precordial e dous na abdominal, determinantes de síncope cardíaco e Francisco 3 balazos na rexión precordial que producen hemorraxia interna. Foron enterrados no cemiterio de san Amaro, na zona 2ª, fila 2ª, sepultura 61 (Buceta) e sepultura 62 (Baamonde). Ángel Buceta vestía pantalón e xersei azuis, chaqueta escura, zapatos castaños e calcetíns encarnados a raias; Francisco Baamonde viste mono azul, chaqueta escura e zapatillas e calcetíns de cor negra.
En 1940, o tribunal provincial de responsabilidades políticas inicia expediente contra ambos. Anteriormente xa se lles fixara unha multa de 50 pesetas.
1Nalgunhas publicacións aparece como Berruete.
No hay comentarios:
Publicar un comentario