domingo, 28 de enero de 2024

A liberdade tiña un prezo.


Na represión económica hai moitos aspectos a considerar, máis alá do que poderíamos chamar represión económica regulada, ou sexa a derivada da variada lexislación sobre responsabilidades políticas. A propia política económica autárquica na posguerra non deixa de utilizarse como medio de recompensa e de afianzamento de lealdades para os afíns e como castigo a desafectos; tamén a existencia de redes de carácter mafioso de falanxistas, “cívicos” ou funcionarios do réxime, que varios colegas temos tratado nalgunhas publicacións.

Un aspecto máis a analizar é o das pretendidas doazóns patrióticas e subscricións varias. Interminables listados de doantes enchían os xornais nos primeiros meses; bastantes eran achegas efectivamente voluntarias de persoas partidarias dos golpistas, que tamén as había; noutras pode intuírse que estaban determinadas polo afán de congraciarse coas novas autoridades e emendar condutas pasadas e outras son as que analizaremos neste artigo.

Estes listados contribuían á propaganda golpista sobre o apoio unánime que recibían da poboación.

Nesta entrada documentaremos a existencia da extorsión mediante multas disfrazadas de doazóns, que se esixían a detidos para obter unha liberdade moitas veces fugaz.

O mecanismo sempre era o mesmo: detención dalgunhas persoas con antecedentes e consideradas desafectas e, despois dalgúns días detidas no cuartel da Guardia Civil ou no da Cívica, esixíanlles unha determinada cantidade de diñeiro, entre cen e mil pesetas, como condición para acadar a liberdade. Se eran “cívicos” os que as pedían non se acostumaba darlle recibo da “doazón”, cousa que era máis habitual se o facían gardas civís. Ao cabo dun tempo, estas persoas volvían a ser detidas e moitas sometidas a procedementos xudiciais militares.

Estas actuacións, tradicionalmente atribuídas a falanxistas e a “cívicos”, podemos documentalas tamén como efectuadas por certos gardas civís, como veremos. En Salcedo eran autores os “cívicos” e na parroquia de Tomeza, da que tratamos hoxe, era o cabo Jesús Barja, o membro da Guardia Civil máis habitual na represión extraxudicial acompañando os homes de Víctor Lis.

Unha variante curiosa era a efectuada pola Guardia Cívica cobrando as supostas multas que as sociedades lle impuxeran aos seus socios; así o explica o oficial desta organización encargado da súa contabilidade:

eran aquellas que impuestas por las sociedades a sus afiliados, no habían sido hechas efectivas todavía por estos, y como se diera el caso de que los multados preferían donar el importe de dichas multas a la cívica, esta recaudaba el importe de tales sanciones impuestas por las sociedades. (Declaración diante do xuíz militar de Manuel Corbal, 16-4-1937.)

Curioso papel o da Guardia Cívica como axente recadador das sociedades revolucionarias!

O comandante Velarde, xefe da comandancia pontevedresa, declara que as cantidades “recaudadas a los extremistas con alguna presión” foran feitas unicamente por parte da G. Cívica pois as da Guardia Civil “fueron siempre en forma voluntaria y espontánea por los donantes”. Ao seu subordinado, o cabo Barja, debía traizoarlle o subconsciente e non tiña claro o de multas e doazóns cando afirma: es lo cierto que los multados, mejor dicho, los donantes”, pero recoñece o descontrol nas finanzas dos “cívicos”: "un tal AFRODISIO, que perteneció a ésta,por irregularidades en la imposición de multas y retención de cantidades, terminó suicidándose".

A continuación relacionamos, a modo de exemplo, algúns dos casos documentados.

A Manuel López (Pintos, Marcón) detéñeno a finais de setembro do 36 no cuartel da G. Civil. Esíxenlle 1000 pesetas. A súa nai, Peregrina López, retira da caixa de aforros 500 pesetas e pídelle a un sobriño o resto. Ambos entregan o diñeiro e liberan a Manuel. Catro meses despois deteno a G. Cívica.

Nas mesmas datas, un grupo de “cívicos” mandados polo cabo Barja detén os irmáns Manuel, Benito e Fermín Couto Rodríguez, veciños de Tomeza. Logo de estar detidos tres semanas, o cabo Barja esixe o pago de 1000 pesetas por liberar a Manuel e de 200 por Benito; a Fermín libérano para ingresar no exército. A muller de Manuel, Amelia Rodríguez, ten que pedir prestado o diñeiro; a Benito permítenlle saír do cuartel para procurar os cartos. No mes de febreiro volven a ser detidos por orde do xuíz militar. Manuel Couto decláralle ao xuíz (30-4-1937) que, como non tiña os cartos, pedíralle ao cabo Barja unha rebaixa, contestándolle o garda que non podía perdoarlle nin cinco céntimos. Ademais “ y como el declarante le dijese que no los tenía, el citado cabo le manifestó que tenía que pagarlas, porque sino otra cosa le iba a pasar”.

Francisco Villaverde declara que Barja lle dixera que para saír en liberdade debía entregar 350 pesetas como “donativo para el Ejército Nacional” nun prazo de 48 horas. Vendeu unha res e pagou.

A Gumersindo Villaverde pídenlle 300 pesetas; ten que vender un becerro e asínanlle un donativo ao “Tesoro Nacional”.

A nai de Gumersindo e de Fermín Pazos Senra confirma a detención destes por Barja e uns “cívicos”. Gumersindo incorpórase ao exército e Fermín pide prestadas parte das mil pesetas que lle esixen e, cando o liberan, marcha para Bos Aires.

A falla de control apréciase no caso de Domingo Lage; a súa dona entrégalle 200 pesetas ao tenente Rivera no cuartel da G. Civil; posteriormente o cabo Barja manda recado á súa casa dicíndolle que como non lle enviara os cartos, co ben que se portara con el.

Un caso parecido de extorsión, que se disfraza de doazón, foi o efectuado coa mestra de Mourente María Alonso, que “doa” 500 pesetas para evitar o rapado do pelo.

Os casos anteriores, coas dificultades e sacrificios que tiveron para reunir o diñeiro (préstamos e venda de bens) poñen en cuestión o que afirmaba o tan citado cabo Barja (26-4-1937)

si bien no había pruebas para instruír los correspondientes atestados contra los mismos, sin embargo como se conocía su actuación precedente al Movimiento, como de carácter revolucionario, y dichos individuos estaban dispuestos a entregar cantidades para el Tesoro Nacional.

Como era habitual, estas actuacións (e outras aínda máis graves) só tiveron a consideración de meras irregularidades administrativas.

 

No hay comentarios: