Non pode dicirse que os seus antecedentes fosen inmellorables: sancionado con 75 pesetas por “maleante” no ano 1928, cando residía en Tui; detido no 35 cando se dispoñía a roubar nun comercio da rúa Sarmiento, polo que foi xulgado e multado con 500 pesetas; en marzo do 36 tamén o deteñen por roubo de roupa á veciña de Lérez Peregrina Almón; en abril do mesmo ano préndeno por roubo de bicicletas en Marín, Pontevedra e Vilagarcía para vendelas en Redondela; tamén tiña unha denuncia do panadeiro Melchor Antelo por ameazas e malos tratos. No aspecto político non constaba con antecedentes e non estaba afiliado a partido político ou sindicato; tiña 22 anos, traballara de panadeiro e vivía en Pontevedra aínda que era nativo da parroquia de san Roque en Vilagarcía.
Chamábase
Sebastián Fernández Turnes (nalgún documento aparece como Turner)
e estaba preso no cárcere provincial por furto.
O día 9 de agosto
de 1936, ás doce menos cuarto da mañá, as tropas do polígono de
tiro naval Janer de Marín desfilaban por diante do cárcere, moita
xente acompañábaas dando vivas a España e ao exército. Sebastían
achegouse a unha ventá e empezou a dar gritos de ¡Muera España!,
¡Viva el comunismo!, ¡Viva Rusia!, ¡Muera el ejército!, ¡Muera
el fascio!, ¡Desgraciados!, ¡Hijos de puta!, causando o conseguinte
alboroto e congregándose a multitude fronte ao cárcere. Cando o
garda de servizo lle chama á atención, vólvese contra el e, de
forma descomposta, contéstalle que el non pode ver esas cousas.
Aínda que
Sebastián nega os feitos, varios compañeiros presos confírmanos.
Nun xuízo sumarísimo por proferir gritos subversivos celebrado o 21
de agosto de 1936 foi condenado a seis anos de prisión.
O 23 de agosto, o
comandante militar ordena ao delegado de orde pública que o
trasladen ao cárcere de Caldas de Reis debido aos alborotos que
causa no cárcere provincial. Ao día seguinte, o gobernador civil e
delegado de orde pública, Ricardo Macarrón, dá conta de que foi
informado polo xefe accidental da comandancia da Guardia Civil
(comandante Velarde) que, ao ser trasladado a Caldas por un garda e
polo “cívico” Víctor Lis,
el coche que los conducía tuvo un pinchazo en una rueda a los 5 kilómetros de esta Capital, lo que obligó a detener el vehículo, y uno de los conductores auxiliar en su faena al conductor del coche, circunstancia que aprovechó el preso para intentar la fuga, emprendiendo veloz carrera y tratando de ganar un camino que apartaba de la misma, momento en que los guardias dando repetidamente las voces de “Alto” le dispararon sus armas recogiéndole herido y retornando a Pontevedra con propósito de ingresarlo en la nueva Policlínica de Urgencia, lo que no efectuaron por haber fallecido durante el trayecto de regreso, y en su vista le llevaron al Depósito Municipal del cementerio de San Mauro en donde fué depositado el cadáver.
O informe era o
tantas veces repetido xustificante da aplicación da “lei de
fugas”. A autopsia confirma a excepcional puntería do garda
Domiciano e do alférez Lis: dúas das feridas eran mortais de
necesidade, unha con entrada por detrás da orella esquerda con saída
de masa encefálica e outra pola rexión escapular, penetrante no
tórax e que atravesaba o pulmón, mediastino e aorta.
2 comentarios:
Típico do terceto Macarrón/Velarde/Lis. Na matanza do 13 de agosto de 1936 na Ponte do Barco en Cerdedo, empregouse a mesma metodoloxía....
Si hubiera infierno...
Si la ira y el desprecio pudieran descender a los infiernos...
Publicar un comentario