jueves, 26 de noviembre de 2026

Gravados nas bombas.

 


Foi habitual que diversas fábricas fosen militarizadas co obxectivo de contribuír a elaborar diversos materiais para o exército sublevado. Unha delas foi “La Artística”, de Vigo, que foi destinada a construír granadas de tipo Lafitte. Estas granadas eran enviadas ao parque de artillería da Coruña para colocarlles a carga e rematar o proceso de fabricación.

A principios de 1938, no parque coruñés descubriron que algunhas destas bombas tiñan gravadas as siglas U.H.P. feitas cun punzón sobre a pintura. Da investigación subseguinte, determínase que as autoras serían Paz Lama Álvarez (18 anos), Dolores Rodríguez Rodríguez (20 anos) e Ramona Cameselle González (16 anos). “Acosada por el interrogatorio del que suscribe”, unha delas confesa e rematan admitindo todas a autoría pero alegan ignorar o significado das letras.

Instrúese a causa militar 11/38. As acusadas pretextan ignorancia e afirman que tamén gravaran frases patrióticas como “Arriba España” ou “ Viva Franco”. O fiscal foi especialmente duro no seu alegato destacando a gravidade de que unhas bombas destinadas á fronte de combate, 

lleven las iniciales de U.H.P. de todos conocido desgraciadamente su significado “Uníos Hijos del Proletariado”, que es el grito de guerra con que los enemigos de la España Nacional combaten a las tropas. De todos es sabido que nos encontramos con una España que está dividida en dos, en uno combaten los verdaderos hijos de España, de su unidad y continuidad de sus tradiciones, y en el otro los hijos apócrifos que se entregan al vasallaje de otras potencias.

Pregúntase cal sería o efecto na moral que causaría nos soldados ver que, nunha fábrica da retagarda, houbese xente que pensase como os inimigos. Das mulleres afirma que “llevan el germen y virus marxista”, máxime Ramona, a quen lle fusilaran o pai “por sus ideas disolventes y peligrosidad”.

O defensor fala de inxenuidade e falta de malicia das acusadas e fai unha alegación invocando a menor imputabilidade do sexo feminino.

Nos resultandos da sentencia, a pesar da afirmación contraria de testemuñas e informes, afírmase que Ramona “conservaba un gran rencor y odio a todo aquello que se relaciona con la Causa Nacional” e as compañeiras tiñan simpatías esquerdistas, sendo Dolores “asidua concurrente a mítines revolucionarios”.

Dolores e Paz foron condenadas a reclusión perpetua e Ramona a 15 anos de cárcere.

 

 Imaxes tomadas de:  https://armamentoguerracivil.com/granada-de-mano-laffite/