domingo, 1 de noviembre de 2020

Contra o esquecemento: José Fares Fidalgo.

 


José Fares1 Fidalgo era natural de Carboeiro (Silleda) e secretario do Sindicato Mineiro de Fontao nas coñecidas minas de volframio. Vivía no mosteiro de Carboeiro no que, segundo algúns era caseiro e outros dicían que propietario (Faro de Vigo). Na súa compaña vivía outro represaliado: José Natividad Serpa Araque; era cuñado de Fares e sería condenado a unha pena de 30 anos de reclusión por un delito de rebelión militar (causa 290/36). Morrería no mes de xullo de 1940 na prisión do forte de san Cristóbal (Pamplona) a causa dunha tuberculose miliar.

José Fares aparece imputado na causa 289/36 pero o xuíz instrutor, capitán de carabineiros Eduardo Reigosa, non pode localizar o seu paradeiro e demanda información a diferentes organismos. Non lle foi doado ao capitán coñecer de certo o que sucedera co detido, pero grazas á súa porfía podemos saber, coas reservas que se verán, cal foi a súa morte.

Na prisión do lazareto de san Simón, por escrito do seu director accidental Claudio Pastor, manifestan que non se atopa alí detido nin figuraba no listado de presos da illa nin da Escola Normal.

Dende a prisión provincial infórmanlle (7-10-1037) indicando que fora conducido, en unión de máis detidos, á prisión de partido de Caldas de Reis o 5 de setembro de 1936; o traslado obedecera a ordes do que era Inspector Provincial de Prisións Fernando Lago Búa. Engadían que o servizo fora cumprimentado por forzas da Guardia Civil.

Juan Úbeda, director do cárcere de Caldas certifica que non ingresara en dito cárcere (12-10-1937).

O primeiro xefe da comandancia da Guardia Civil de Pontevedra faise máis de rogar e, o 19 de novembro, participa que en ningunha das dependencias da comandancia existían antecedentes de que fora conducido a Caldas.

Sería necesaria unha posterior comunicación (25-11-1937) dun responsable da prisión provincial para aclarar máis as circunstancias do traslado: foran varios detidos, a orde era de Lago Búa “cumpliendo órdenes de la Superioridad según manifiesta en la referida orden” e especifica o nome do garda civil que se fixera cargo, Eugenio Rey García.

Con estes datos, o instrutor envía un exhorto para que declare este garda, de 23 anos e natural de Forcarei, que se atopaba concentrado en Portugalete. Eugenio explica que, por aquelas datas, fixérase cargo de doce individuos no cárcere provincial por orde do comandante Velarde, sacounos á porta exterior pero sen saír do edificio e alí esperou a chegada de dúas camionetas das que estaba ao mando o garda civil Evaristo Cid Lozano, “conociendo también a los acompañantes guardias cívicos conocidos por Mirón, Borrajo y otros cuyos nombres no recuerda”. Despois de entregarlle os detidos ignoraba o que fixeran con eles pero coida que na comandancia habería a correspondente documentación. O garda non lembraba o nome de Faris [Fares] pero si que un deles era un apelidado Avilleira; tampouco lembra ter feito servizo algún con traslado de detidos a Caldas.

As pistas conducían a Evaristo Cid, que a primeiros de xaneiro de 1938, estaba destinado na 13 compañía expedicionaria en Oropesa. O garda non se lembra de nada respecto a Fares, pois foran moitos os servizos efectuados naquelas datas, e apela á posible existencia de datos na comandancia.

O capitán Reigosa non se desanima e insiste diante da Guardia Civil e “se consigue por fin” que vaian aparecendo novos datos. O 24 de xaneiro de 1938, o mesmo xefe que meses atrás afirmaba non atopar ningún antecedente, comunica o seguinte:

el día 5 de Septiembre del año próximo pasado [en realidade refírese a 1936] al ser conducido el individuo de referencia, en unión de otros, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, desde la Cárcel de esta Capital a la de Caldas de Reyes, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba para reparar una avería en el mismo, solicitó de la pareja se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche, emprendió veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse, protegido por la obscuridad reinante, fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciéndole varios disparos de fusil ignorándose si fué alcanzado por alguno de estos y de la dirección tomada por el mismo.

No xornal citado nesta entrada lese: “En 1936, el indiano, conocido como O Fares, desaparece”, sen referencias ao motivo; sirva esta entrada para achegar algo de luz nas supostas circunstancias da desaparición. Deixemos para outra entrada a análise do que realmente puido ocorrer esa noite.

1En diversa documentación aparece Faris.


No hay comentarios: