O maior número de mortes na represión desatada tras o golpe de estado de 1936 produciuse a causa da violencia extraxudicial e representou ó redor dos dous terzos do total. Sobre as circunstancias dos asasinatos extraxudiciais, ou sexa os efectuados sen que mediara unha sentenza, non é fácil atopar información fiable dada a súa propia natureza; aínda así, é habitual contar con fontes orais e, co baleirado exhaustivo da documentación dos arquivos militares, aparece documentación que nos permite unha aproximación á realidade do sucedido.
Neste artigo utilizaremos este tipo de fontes para, a partir da “saca” efectuada o 5 de setembro de 1936 no cárcere de Pontevedra, analizar polo miúdo os axentes e procedementos deste mecanismo represivo.
Dentro desta tipoloxía represora atopamos diversas modalidades: a) Execucións baseadas no estipulado polo bando de guerra, que amparaba o fusilamento inmediato daqueles aos que se atopara en posesión de armas; non deixaba de ser unha variante legalizada de “paseo”. Foi o caso de Gerardo Bao, Manuel Calvar ou Faustino Gama, este último con características especiais que xa tratamos noutra ocasión.
b) Os clásicos “paseos, efectuados nos primeiros días por milicias falanxistas e/ou “cívicos” que actuaban cunha certa marxe de autonomía pero suxeitas ao control das autoridades de orde pública. Algúns destes crimes foron consecuencia ou continuación de torturas. Os cadáveres das vítimas aparecían abandonados en determinados lugares. Na nosa zona podemos encadrar neste tipo os asasinatos de Genaro Puga, Aurelio Torres, Juan Magdalena ou Raimundo Rodríguez, entre outros; sobre eles contamos con testemuñas orais e, nalgún caso, con documentación escrita por testemuñas. É o caso de Raimundo, asasinato cometido por un grupo de falanxistas de Marín no que participaba o contratista alemán afincado nesa localidade, Bruno Schweiger. A denuncia escrita dun oficial do exército que facía un servizo de vixilancia coa Guardia Cívica e o diario de Luis de Sa testemuñan o sucedido.
c) “Sacas” dos cárceres levadas a cabo, seguindo os procedementos legais, co pretexto de traslado de prisión, interrogatorio ou localización de armas e explosivos, que remataban co asasinato dos presos. Poden ser colectivas ou individuais; no caso das colectivas non era habitual que aparecesen os cadáveres e foran anotados no rexistro civil; en ocasións foron enterrados en foxas (Xeve, Tenorio, Xinzo...) e noutras, fondeados no mar (Bueu, Cangas...). Nas “sacas” individuais era máis común o depósito dos cadáveres nos cemiterios polo que, nalgúns casos, atopamos dilixencias xudiciais, autopsias e anotacións da morte no rexistro.
Nos “paseos” e “sacas”, cando se dá o caso de que algunha das vítimas é reclamada por un xuíz instrutor de causas militares, a xustificación da morte sempre se basea no intento de fuga. Esta chamada “lei de fugas” nunca existiu recollida legalmente, pero tiña os precedentes máis recoñecidos nos asasinatos levados a cabo baixo o mandato de Martínez Anido (ocuparía o cargo de responsable de orde pública dos sublevados) na Barcelona dos anos vinte.
O esquema básico que sempre aparece nos escritos xustificativos das desaparicións ou mortes (na práctica totalidade asinados polo comandante Velarde) é o seguinte: avaría no vehículo ou detención para efectuar unha necesidade fisiolóxica, petición de descenso do auto, veloz fuxida desoíndo as voces de alto, internamento nun piñeiral inmediato á estrada, disparos; nas conducións individuais é habitual que se indique a morte do fugado (Turnes, Pintos,Zbarsky, Bastilleiros...) pero nas colectivas soe aducirse que se ignora a dirección que tomou na fuxida (desaparición).
Nas “sacas” dos cárceres sempre participan directamente axentes da Guardia Civil, que son encargados oficialmente de dirixir estes traslados. A burocracia penitenciaria esixía documentación oficial emitida polas autoridades competentes para permitir a saída de presos ao seu cargo; este tipo de oficios e os correspondentes recibos, que de cando en vez poden atoparse en causas militares, documentan o procedemento. Na zona pontevedresa era habitual que, acompañando á parella de gardas civís encargados, participasen membros da Guardia Cívica que estaban adscritos para prestar servizos no cuartel que compartían no campo da feira; tamén soían facelo falanxistas, algúns procedentes doutras zonas como Lalín, Vilaboa, O Salnés...
O procedemento que se seguía está pautado e documentado: orde da “Superioridad” (Delegación de Orden Público e/ou Comandancia militar) ao Inspector Provincial de Prisións, este comunícallo aos directores da prisión emisora e receptora e á comandancia da Guardia Civil. Os detidos nunca chegaban á prisión sinalada e non se sabía máis deles de non darse o caso dalgunha reclamación da xustiza militar, como apuntamos anteriormente.
Unha cuestión difícil de documentar de xeito exacto é a da elaboración das listas de detidos a eliminar; algúns autores sosteñen a existencia dunha especie de tribunal secreto con curas, patronal e falanxistas. O máis lóxico é supoñer que a Delegación de Orden Público, a comandancia da Guardia Civil e a xefatura da Guardia Cívica tiveran un papel determinante na súa confección. A información sobre os sinalados só podía chegar a través dos ficheiros da Guardia Civil, policía ou servizos de información de Falanxe, porén esta última non tiña unha presencia significativa nas primeiras semanas. Tampouco podemos desbotar que, nalgún caso, se tiveran en conta denuncias concretas por parte de sectores afectos.
A documentación dos arquivos militares parece confirmar o apuntado anteriormente: na causa 440/40 sobre a desaparición de AlbertoMartínez, afirmacións de testemuñas presenciais certifican a participación do Delegado de Orden Público e gobernador civil, Ricardo Macarrón, do xefe da comandancia da Guardia Civil, Joaquín Velarde, e do xefe efectivo da Guardia Cívica, Víctor Lis, na reunión na que se decide a súa morte. Trataremos o caso máis adiante.
O papel do Delegado de Orden Público, que reunía a condición de gobernador civil e que fora, ata ocupar estes cargos, xefe da comandancia da Guardia Civil, debeu ser moi relevante; coincidimos co apuntado por Eliseo Fernández para Ferrol:
En pouco tempo foi clarificándose a distribución de competencias na represión: a xurisdición militar encargábase da represión sobre os militares presos e os civís mediante a instrución de causas militares [...] mentres que a Delegación de Orden Público asumía pola súa banda a represión extraxudicial contra os fuxidos que ían sendo capturados e contra os civís seleccionados dentre os presos que se acumulaban nos numerosos cárceres” (Os Nomes do terror, 2017: 89).
Utilizaremos a “saca” efectuada na prisión pontevedresa o 5 de setembro de 1936 como exemplificación do modelo proposto anteriormente.
No caso estudado de José Fares Fidalgo, da documentación achegada ao xuíz instrutor, que aparecía na causa que se lle incoara, afirmábase claramente que fora unha fuga individual, aínda que había referencias a unha condución colectiva de presos; isto tamén sucedía noutros casos e raramente atoparemos referencias á aplicación da “lei de fugas” a dúas ou máis persoas conxuntamente. A coincidencia de datas (entre o 4 e o 7 dese mes) na desaparición de varias persoas levounos a analizar as causas instruídas nas que aparecían algunhas delas.
A referencia a Luis Abilleira fixo que consultáramos a causa 174/36 e nela aparece unha comunicación de Velarde, a requirimento do instrutor, que coincide case literalmente coa que xustificaba a desaparición de Fares:
al ser conducido la noche del día 5 del actual, en unión de otros desde esta Capital a la Prisión de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba, para reparar una avería, solicitó de la fuerza se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche emprendió una veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse protegido por la oscuridad reinante fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciendo varios disparos de fusil ignorándose la dirección que haya tomado.
Comprobando vítimas que morreran nestas datas, localizamos a causa 594/36 contra Andrés Rey e Ramón Magariños por insultos a sentinela realizados o día 9 de agosto de 1936; nela aparece un oficio de Manuel Cidrón, director da prisión provincial, comunicándolle ao instrutor que, en virtude do ordenado pola superioridade, Andrés Rey fora entregado á Guardia Civil para conducilo á prisión de Caldas o 5 de setembro. Temos que recorrer á causa 1098/36 para atopar máis detalles desa suposta condución. A información que nos proporciona é fundamental para a nosa investigación pois atopamos unha serie de oficios con datos reveladores.
Con data 22 de setembro, a Inspección Provincial de Prisións comunica ao xuíz instrutor, Julio Fernández de los Ríos, os datos que tiñan sobre Andrés:
Oficio nº 218.
Tengo el gusto de participarle que, cumpliendo órdenes de la Superioridad, esta Inspección ruega a V. sean entregadas a las fuerzas de la Guardia Civil de la Comandancia de Pontevedra, para su traslado a la Prisión de Caldas, los detenidos en esa Prisión Provincial, Andrés Rey, Francisco Fernández, Luis Abilleira, Alfonso Rodrigo, Carlos Varela, José Fares Fidalgo, Vicente Guillán, Maximino Alonso y Manuel Pedreira, Maestro Nacional, lo que comunico a V. para su conocimiento y demás efectos.= ¡Viva España!= Pontevedra, 5 de Septiembre de 1936.= El Inspector.- Firmado. Sr Director de la Prisión Provincial.=Pontevedra.
Oficio 219.
Tengo el gusto de manifestarle que esta Inspección, cumpliendo órdenes verbales de la Superioridad sírvase disponer que los detenidos [os citados anteriormente] sean conducidos por fuerzas de la Guardia Civil[...]. (Está asinado por Lago Búa e diríxese ao comandante da Guardia Civil).
Oficio 220.
Sírvase admitir en esta Prisión en calidad de detenidos a [...]que proceden de la Prisión Provincial y que son trasladados a esa por orden verbal de la Superioridad y que van conducidos por fuerzas de la Guardia Civil de la Comandancia de Pontevedra. (Asina o inspector Lago Búa e diríxese ao xefe da prisión de Caldas).
Oficio 222.
Tengo el honor de participarle que esta Inspección, en cumplimiento de lo dispuesto por V.S., y por el mal comportamiento que estos detenidos tienen en la Prisión Provincial, procedió en el día de hoy a dar las oportunas órdenes para su traslado a la Prisión de Caldas, habiéndose dirigido a tales efectos al Sr. Comandante de la Gaurdia (sic) Civil de esta Capital para que estos detenidos [...] sean conducidos y custodiados por las fuerzas a sus órdenes a la referida Prisión. (Este oficio está dirixido ao Delegado de Orde Pública).
Oficio 223. Reproduce exactamente o anterior e está dirixido ao comandante militar da praza.
Da lectura dos anteriores oficios despréndense varias conclusións: o traslado foi colectivo, coñecemos o nome dos presos, a custodia foi da Guardia Civil e as ordes de traslado foron dadas polo delegado de orde pública (Ricardo Macarrón) e polo comandante militar (Leoncio de Aspe Baamonde).
Na mesma causa aparece a habitual comunicación de Velarde dando conta da “fuxida” do preso, cunha redacción idéntica ás xa reproducidas.
Comprobamos tamén se existía documentación referida a outro dos conducidos, o mestre de Sanxenxo Alfonso Rodrigo; atopamos un escrito do tan nomeado Lago Búa, datado o 20 de setembro, no que comunica ao instrutor que fora conducido o día 5 dos correntes a Caldas e que se dera conta ao comandante militar. Na causa 832/36 o instrutor oficia ao comandante da Guardia Civil para que manifeste a situación do mestre, xa que non ingresara en Caldas. O 27 de outubro, Velarde remite un informe idéntico aos precedentes: parada do coche por avaría, síntomas de mareo, fuga e internamento no bosque, disparos e ignorancia da dirección que tomara.
Aparece no listado de presos un tal Vicente Guillán (o seu apelido está errado, é Guillén). Na causa 953/39, localizamos unha declaración súa, efectuada no xulgado militar de Vigo o 21-9-1939; nela afirma que:
ingresó en la cárcel en la cual permaneció hasta el día 6 de sectiembre (sic) de mil novecientos treinta y seis a la noche en que salió de esta para ser trasladado según le dijeron a la de Caldas de Reyes, cuyo traslado se efectuó en una camioneta. Que en lugar de llevarlo a la cárcel de Caldas como le habían previsto le llevaron en unión de ocho más al cementerio de la parroquia de Aldán de donde se fugó permaneciendo cuatro días en el monte hasta que le prepararon un lugar en su casa.
Sobre algunha das persoas que o acompañaron, parecíalle que un deles era un veciño de San Andrés de Comesaña.
Nun informe, datado o 26 de setembro de 1939, sobre os resultados dunha citación a tres veciños desa parroquia viguesa para que compareceran diante do xuíz militar, aparece un dos compoñentes na relación de conducidos: Maximino Alonso Comesaña, que non pudo comparecer “por haber fallecido en esa Capital hallándose sujeto a procesamiento”. Ademais, a Guardia Civil confirma a fuxida de Guillén nunha condución efectuada pola forza pública.
A data dos feitos e a mención á zona de Aldán condúcenos a relacionar o caso co asasinato do concelleiro pontevedrés Alberto Martinez Tiscar. Na causa 440/40, o “cívico” Mirón (logo de que o xuíz lle asegurara protección) declara a existencia da reunión, xa citada, na que se decide a detención e eliminación do concelleiro:
Que el comandante Velarde le dijo “oye Mirón hay que ir a buscar con una pareja a Alberto Martínez y de este que no quede ni rastro porque sinó ya sabes lo que te pasa, te fusilo. [...] Que cuando el dicente salía con la camioneta acompañado de dos guardias Civiles y Cívicos, D. Víctor Lis Quibén acercándose al dicente le dijo “ya has oído lo que ha dicho el Comandante, que no quede rastro de Alberto Martínez y ten mucho cuidado con lo que dices y que nadie se entere de esto.
Logo da detención de Alberto en Covelo (Samieira) efectuada por “cívicos” e o garda civil Evaristo Cid, sóbeno a unha camioneta nas portas do cárcere, xunto con outros presos; na expedición ían Mirón, dous gardas civís e varios “cívicos” e falanxistas. Pasaron por Marín e dirixíronse ao cuartel da Guardia Civil de Bueu, onde se incorporaron outros gardas e falanxistas:
conduciendo a los detenidos a un monte, donde fueron fusilados y después de haberlos ejecutado se volvieron a cargar en la camioneta los cadáveres, siendo arrojados al mar muy retirados de la playa sin que sepa fijar el paradero porque el dicente quedó en Bueu en el Cuartel de la Guardia Civil, yendo los restantes a efectuar la anterior diligencia.
Mirón afirma que na camioneta viaxaban dous gardas civís, os “cívicos”, Borrajo, José Estévez, Avelino Fraga e outros; Avelino Fraga “O Chalán” declara que tamén participaran falanxistas de Lalín, Vilaboa e Bueu. Segundo José Estévez “O Raña”, logo de fusilar os presos nunha carballeira, metéranos nunha motora e fondeáranos no mar.
Unha investigación sobre outras sacas confirma a semellanza no procedemento. Nunha das notas reservadas redactadas tras a detención do inspector de prisións Lago Búa, afírmase que o día 8 de novembro de 1936 sacaron de San Simón, para conducilos ao cárcere de Redondela, a José López Bernárdez, Luis Frade Pazos, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Montoto Rodríguez, Eliseo Garra Lalín, Alfonso Alonso Portugue (sic), Telmo Rodríguez Alonso, Juan Alonso Pérez, José Gómez Sampayo e Antonio Picallo Buela. Sabemos que foron fusilados na volta do Couto e enterrados en Tenorio.
O día 9 efectuaron o mesmo con Manuel Fontán Herbón, Manuel Lustres Rivas, Abdón Simón Da Ponte, Silo Marmolejo Santos, Vicente Bautista Faria, Manuel Nores Portela, Víctor Fraiz Castellanos e Florentino Vázquez Doval. Neste caso foron “paseados” en Trasmañó (Redondela)
O día 11 sacan a Gumersindo González González, José Romero Castiñeiro, Alberto Casal Dozo, Ángel Rial Vidal e Eduardo García Santos. Estes, xunto con Antonio Fariña Duque, foron asasinados na estrada de Campo Lameiro, na Lomba (Gargallóns), e enterrados na parte exterior do cemiterio de santo André de Xeve. Vexamos o caso dun deles: Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro” e comprobamos que se repite o relatado anteriormente. Na causa 199/37 afírmase que foi entregado á Guardia Civil para trasladalo ao cárcere da Cañiza. Existe un oficio do xefe do lazareto, Pelegrín González, (29-1-1937), no que se comunica que Alberto foi trasladado ao cárcere de Redondela o 11 de novembro xunto con varios máis, existe recibo da entrega; no cárcere de Redondela certifican o ingreso por orde de Lago Búa e que o 12 de novembro fixérase cargo deles a Guardia Civil, foi encargado da forza condutora o garda Miguel Gómez. Afírmase que ao chegar á parroquia de Xeve, ao deterse o vehículo por avaría, tentou a fuxida e, ao non deterse ás voces de alto, a forza condutora causoulle a morte.
Conclusión: as sacas dos cárceres foron ordenadas polas autoridades golpistas de cada zona (delegacións de orde pública/comandancias militares), cumpriron cos trámites burocráticos estipulados para os traslados, os encargados da custodia foron membros da Guardia Civil, que estaban acompañados de falanxistas e “cívicos”, os asasinatos xustificáronse, a posteriori, como intentos de fuga mediante informes, practicamente idénticos, e sen a máis mínima credibilidade. Non son, por tanto, obra de incontrolados senón actuacións pautadas nas que gardas e milicianos actuaban baixo mandato das autoridades.
Foto: Cárcere provincial de Pontevedra (actual Audiencia).
No hay comentarios:
Publicar un comentario