O 12 de agosto de 1923 celebrárase en Pontevedra, organizado polas Federacións Obreira e Agraria e as agrupacións socialista e comunista, un mitin contra a continuación da guerra de Marrocos; presidírao o comunista Portas e tomaran a palabra Amando Guiance, José Viñas, Gómez Osorio, García Filgueira e outros.
Ao día seguinte todo eran rumores; dende o mediodía as vidreiras do café Méndez Núñez enchíanse dos despachos que chegaban de Madrid e numeroso público achegábase a lelos. A gornición militar pontevedresa estaba indecisa á espera dunha reunión que os mandos terían a última hora da tarde.
O capitán xeral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, proclamara o estado de guerra e convidara aos outros capitáns xerais a secundalo; no seu manifesto pedía ao rei, “para salvar la Patria”, a separación dos actuais gobernantes e o apartamento dos “políticos” da gobernación do estado. Non deixaba de recalcar que “Este movimiento es de hombres. El que no sienta la masculinidad completamente caracterizada, que espere en un rincón, sin perturbar, los días buenos que para la patria preparamos”. Abondan no escrito apelacións ao rexeneracionismo como medio para gañarse o apoio dunha poboación desencantada co réxime vixente. Contaba tamén co apoio da alta burguesía catalana, a través da Lliga, atemorizada polos conflitos sociais e necesitada de medidas proteccionistas en certas materias.
Segundo estes militares, as ideas sobre a existencia dun inimigo interior como cancro que ataca a nación, o perigo dunha ameaza comunista, o separatismo que destrúe a unidade da patria, o problema de Marrocos, poñían de relevo a incapacidade do sistema parlamentario para facer fronte ao caos social. No fondo está a idea da autonomía militar fronte os gobernos e a prevalencia e control do exército sobre a sociedade civil.
Alfonso XIII, que estaba veraneando en San Sebastián, sae para Madrid e convoca a Primo na capital. A postura favorable do monarca ao pronunciamento parecía clara pois, cando o goberno propón os decretos de destitución dos rebeldes, alega que carece de elementos de xuízo e que, por tratarse dunha situación moi delicada, quería reflexionar antes. O presidente do goberno, García Prieto, presenta a dimisión. Segundo os xornais, o capitán xeral de Madrid, en principio leal ao goberno, estivera en palacio e Alfonso XIII tivérao toda a entrevista (unha hora) sen sentar e cadrado militarmente diante del; ao saír e preguntarlle pola situación os xornalistas, contestou: “ Pero que va a saber un generalillo como yo”.
O rei, saltándose a constitución vixente, asina o decreto de disolución das Cortes, nomea a Primo xefe do goberno e do directorio militar, confirma a declaración do estado de alarma coa suspensión de garantías constitucionais e decreta varios ceses.
En Pontevedra, ás dez da mañá do día seguinte, 14 de setembro, sae do cuartel de San Fernando unha compañía con banda de cornetas e tambores, mandada polo capitán López de Roda, coa misión de declarar a lei marcial. Diante das tropas marchan dúas parellas da Guardia Civil a cabalo. O bando ditado polo gobernador militar, xeneral de brigada Ángel Rodríguez del Barrio, constaba de catro artigos nos que deixaba baixo a xurisdición militar unha serie de actuacións, prohibía a formación de grupos e as reunións e manifestacións.
Noméase gobernador civil o coronel de artillería Junquera Guerra e, o 1 de outubro, toma posesión como alcalde Bernardo Aboal Aboal, tras a destitución da corporación municipal.
O novo gobernador pide á prensa, que está sometida a censura, colaboración para que, coa súa prudencia e discreción, non verse na obriga de aplicarlle o código penal militar. Manifesta que, se o novo réxime fracasa, “solo puede conducirnos al caos y a la revolución social, que nos llevaría al hambre y demás privaciones y epidemias que en Rusia han padecido”.
A reacción da poboación foi de pasividade e expectación; as organizacións políticas alleas ao turnismo parecen favorables, agás comunistas e anarquistas. No mundo agrario tampouco falta o apoio, seducidas as sociedades pola retórica anticaciquil e rexeneracionista dos rebeldes. A patronal e a cámara de comercio súmanse con entusiasmo ao apoio do novo réxime. A Igrexa tamén bota unha man e, no Boletín Oficial do arcebispado escribe:
Exhortamos asimismo y rogamos a todos los fieles diocesanos a que, por medio de la oración y la penitencia, la sagrada comunión y la valiosa intercesión del Angel Custodio del reino y del apóstol Santiago [...] pidan al Señor,
durante esos días, que asista e ilumine con sus celestiales luces al augusto Monarca y al Directorio Militar, que tanto las necesitan en estos momentos solemnes en que, con admiración y asombro de las naciones estranjeras, están llevando a cabo el grandioso programa, anunciado en el Manifiesto del Exmo Sr. Primo de Rivera.
Foto: Centro Gallego. (Uruguai) 31-10-1923. Galiciana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario