lunes, 24 de febrero de 2020

Ricardo Macarrón Piudo.

Non é doado poñerlle cara a moitos dos responsables da represión nas terras pontevedresas; poucas ou ningunha imaxe temos do comandante Velarde, do alemán Bruno Schweiger, do inspector de prisións Lago Búa ou do “cívico” Mirón. Tampouco a tiñamos do gobernador civil Ricardo Macarrón Piudo; a casualidade fixo que atopáramos a súa foto nunha publicación viguesa gardada nun arquivo madrileño.
A figura de Macarrón é poliédrica: nacido en Vitoria, arquitecto de profesión, con diversas construcións que son referencia como o colexio do Santo Ángel, en Carabanchel destinado a orfos da Guardia Civil ou o centro de saúde Sandoval, tamén na capital; ambos foron construídos antes da chegada da 2ª República. Ao mesmo tempo, Macarrón desenvolve unha carreira militar no corpo da Guardia Civil, no que ingresara en 1909.
Levaba poucos meses como xefe da Comandancia pontevedresa cando tivo lugar o golpe militar; súmase á rebelión e noméano delegado de orde pública, días máis tarde nomearíano tamén gobernador civil substituíndo ao tenente coronel Luis Ledo. Así daba conta El Pueblo Gallego do seu nomeamento:
El nuevo gobernador, militar pundonoroso, perfecto caballero, era en la actualidad delegado de Orden público en la provincia, cargo que ha sabido desempeñar con un acierto y una rectitud innegables, traducidos en el perfecto orden y tranquilidad que en el territorio pontevedrés viene reinando. (5-8-1936)
Na consecución dese “perfecto orden y tranquilidad” a figura de Macarrón é controvertida: diversa documentación sinálao como participante nalgunhas decisións sobre eliminación de republicanos e, por outra banda, sectores golpistas, singularmente falanxistas, acúsano de ter simpatías na esquerda e posible afiliación á masonería; isto último explicaría, segundo eles, as facilidades que tiveran para marchar ao estranxeiro significados masóns pontevedreses como Selgas ou Maquieira, así como a desaparición de importante documentación masónica. Esta desaparición era atribuída pola Falange á actuación de Macarrón e outros mandos militares para evitar que aparecerán as súas ligazóns masónicas.
Ocupou, en razón do cargo, o posto de presidente da comisión de depuración C (profesorado de segundo ensino e semellantes) e, cando os herdeiros de Cachafeiro, no marco da recollida de ouro, doan ao Estado o tesouro de Agolada, Macarrón, “persona cultísima en asuntos de arte y amante por sus estudios de las diversas manifestaciones arqueológicas”, xestiona en Burgos que quede en depósito no museo de Pontevedra e evita que fora fundido.
Poucos meses dura o seu mando pois en xuño de 1937 cesa como gobernador e vai destinado na situación de dispoñible a Guipúscoa. O 22 de setembro de 1937 césano “por desafecto al Movimiento Nacional”.

No hay comentarios: