sábado, 18 de enero de 2020

Contra o esquecemento: Manuel Dios Costado.

Manuel Dios Costado traballaba como albanel, nacera o 14 de setembro de 1897 en Lérez; os seus pais eran Ramón Dios e Dolores Costado, casara en Santa María de Xeve. Participou activamente no movemento agrario como membro destacado da sociedade de agricultores “La Fraternidad” da parroquia na que residía e foi secretario do grupo cooperativo que tiña nela a Caixa Rural de Lérez, na que desempeñou tamén o cargo de compoñente da comisión inspectora de contas. Era membro destacado do partido comunista e integrara a candidatura ao parlamento español no ano 1933.
En xullo do 1936 participou nun grupo, dirixido por Eduardo Muíños, encargado da requisa de armas en Xeve. Na tarde do 25 de xullo foi detido por tres gardas civís na súa casa de Gatomorto (Sª María de Xeve). Acusábano de recoller armas que entregaban a “jóvenes comunistas y marxistas sin orden ni concierto”, apuntaban ademais no atestado que era un
significado agitador del elemento obrero y coacciona a estos para que no concurran al trabajo y a las campesinas para que no vengan con sus frutas, tubérculos, hortalizas, leche y demás productos a esta Capital.
 Porén, a Guardia Civil considera que, aparte a súa afiliación comunista, era unha persoa de conduta sociable, atenta e respectuosa. Foi internado no Hospital Provincial xa que se lesionara no pé esquerdo con motivo da detención.
O informe que fai o fiscal xurídico Hernán Martín Barbadillo centra as responsabilidades noutros encartados (Joaquín Fernández e Eduardo Muíños) aos que considera culpables dun delito de rebelión e pídelle a pena de morte e, consciente da pouca relevancia que tivera nos feitos, a Manuel acúsao de auxilio á rebelión solicitando reclusión temporal. Pero, nuns tempos en que se perseguía polo que representaban, polo que eran, e non polo que fixeran, aprecia nos tres a agravante de especial perversidade, neste caso polo carácter de significado axitador comunista. Aínda así, tamén foi menor a indemnización solicitada (5.000 pesetas) fronte ás 25.000 de Joaquín e Eduardo.
O 11 de novembro comunícase ao xuíz de 1ª instancia que o xeneral da división decretara o embargo dos bens dos acusados. O xuízo ten lugar o 20 de novembro de 1936; o tribunal estaba presidido polo tenente coronel Antonio Durán Salgado, os vogais eran os capitáns Antonio Fontenla Romero, José Gándara Gándara, Luis Sánchez Cantón, Rafael Reyes Campos e Manuel Casal Castro. Actuou como poñente o tenente auditor Joaquín Otero Goyanes, de fiscal no xuízo o letrado habilitado Manuel María Puga y Ramón e de defensor o alférez de complemento Juan Astor García de Medrano. Un oficial ao mando de 25 soldados de artillería encargábase da vixilancia exterior e a interior estaba a cargo de forzas de Asalto.
O tribunal, respecto a Manuel Dios, foi máis duro que o pedido no informe fiscal e condenouno a morte. A execución foi o 2 de decembro no alto da Caeira; ás catro e media da tarde dese día foi enterrado no cemiterio de Lérez, no panteón de Juan González Pérez. No rexistro civil a morte foi anotada como froito dun colapso cardíaco.

No hay comentarios: