sábado, 11 de noviembre de 2023

Contra o esquecemento: Alberto Casal Dozo "O Rosquilleiro"

 

Cúmprense nestas datas 87 anos dos fusilamentos da Lomba (Gargallóns), na estrada de Xeve a Campo Lameiro; os corpos das vítimas foron transportados en carros e enterrados na foxa situada entre a igrexa e o cemiterio de santo André de Xeve. Un dos asasinados foi o natural de Castrelo (Cambados) Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro”. Alberto estaba conceptuado como suxeito de moi malos antecedentes, tomara parte activa en contra do “movimiento nacional” actuando como “cabecilla”. Os primeiros días tras o golpe estivo fuxido ata que o detivo a Guardia Civil e ingresou no cárcere de Ponte Caldelas o 14 de setembro do 36.

Procesárono na causa 199/37; por aquelas datas xa fora asasinado pero a instancias do xuíz instrutor, capitán Ángel del Río, que inquire o seu paradeiro, xérase unha serie de documentación que leva a coñecer as circunstancias en que se produciu a súa morte e a de varios compañeiros. Con motivo da detención do inspector provincial de prisións Fernando Lago Búa, a comisaría de policía redacta unha serie de notas reservadas sobre o acontecido na illa de san Simón; unha delas informa que:

 En el día once del mismo mes y año y también conducidos por oficiales de la Prisión a la cárcel de Redondela. GUMERSINDO GONZÁLEZ GONZÁLEZ, JOSÉ ROMERO CASTINEIRO (sic) ALBERTO CASAL DOZO, ÁNGEL RIAL VIDAL Y EDUARDO GARCÍA SANTOS. En la conducción del día once no fué sacado JOSÉ VÁZQUEZ INCÓGNITO por equivocación teniendo proyectado el señor Búa sacarlo al día siguiente pero no pudo llevarlo acabo por haberlo detenido.1

Esta equivocación salvou a vida ao veciño de Bouzas José Vázquez que foi xulgado e resultou con sobresemento. Sobre a veracidade da nota reservada hai abundante documentación: o xefe da prisión de san Simón, Pelegrín González, resposta ao instrutor militar indicando o traslado a Redondela 

obrando asimismo un recibo del Sr. Jefe de la referida prisión [Redondela] como de hacerse cargo de dicho recluso así como de varios más siendo estos entregados por el Oficial don Evelio Delgado [...] así también se expresa en el referido recibo que el objeto del ingreso en la dicha prisión fué para ser entregados dichos reclusos a la Guardia Civil para su traslado a la Prisión de Partido de la Cañiza.

O xefe da prisión de Redondela confirma que o día 12 forzas da comandancia da Guardia Civil de Pontevedra, mandadas polo garda Miguel Gómez [noutro documento figura como Miguel González], fixéranse cargo deles para o traslado.

Os cinco relacionados así como o tranviario Antonio Fariña Duque foron asasinados por forzas da Guardia Cívica e gardas civís; varias testemuñas que residían próximas ao lugar deron fe dos feitos e tamén da identidade dalgún dos “cívicos” participantes. Unha vez máis terxiversáronse as circunstancias dun “paseo” colectivo presentándoo como un intento de fuga individual dun preso; neste caso a Guardia Civil informou sobre Alberto dicindo que “dicho detenido y procesado fué muerto en Geve cuando intentaba fugarse de la fuerza que le conducía”. Tamén afirmaba que o cadáver fora entregado ao alcalde de Xeve e que se anotara no rexistro, extremos negados polo alcalde, Benito Rivas.

O 12 de novembro foi un día aciago para Pontevedra pois ,tamén nese día, foron fusiladas no alto da Caeira destacadas personalidades políticas e sociais, os coñecidos como “os dez do doce de novembro”.

1Nota reservada. Individuos que fueron sacados del Lazreto de San Simón.

No hay comentarios: