miércoles, 22 de julio de 2009

Incautacións de bens: Juventud Lerezana.


Unha das facetas da represión económica levada a cabo logo do golpe militar, comprende a incautación dos edificios pertencentes a entidades consideradas como desafectas polo novo réxime. O 13 de setembro de 1936, o xeneral Cabanellas, presidente da Junta de Defensa Nacional, asina un decreto que no seu preámbulo dicía:

... ha culminado el antipatriotismo en la formación de entidades que, bajo apariencia política, envenenaron al pueblo con el ofrecimiento de supuestas reivindicaciones sociales, espejuelo para que las masas obreras siguieran a sus dirigentes, quienes las aprovecharon para medrar a su costa, lanzarlas a la perpetración de toda clase de desmanes y cristalizar al fin en la formación del funesto llamado Frente Popular...
No artigo 1º declara a ilegalidade das organizacións integrantes da F.P. ou que tomaran parte na oposición ó golpe e, no 2º, decreta a incautación dos bens mobles, inmobles, efectos e documentos dos mesmos, pasando a ser propiedade do Estado.

Na comarca de Pontevedra, as entidades con bens propios son, fundamentalmente, as de carácter agrario e no expediente de responsabilidades políticas procedentes de entidades marxistas, figuran as seguintes: Caja Rural de Lérez, Sociedades de Agricultores de Bora, Lérez, Salcedo e Mourente, Sociedades de Agricultores e Obreros de Marcón e Tomeza e Juventud Lerezana.

Esta última é a única que non ten carácter agrario pois é unha sociedade recreativo-cultural, fundada o 2 de maio de 1929 e que no seu regulamento (art. 16) afírmase:

Siendo una de las principales misiones de esta colectividad difundir la cultura, el local social permanecerá abierto todas las noches para que los socios puedan dedicarse a la lectura de libros, revistas...

Non vai ser ata o 23 de xullo de 1933 que inauguren un local propio, construído a través dun exemplar mecanismo de contribución económica, traballo persoal e achega de materiais. O importe foi de 10447,50 pta.

Logo do golpe, os sublevados apodéranse do local e varios dirixentes lerezáns sofren nas súas persoas a represión.

Un informe do alcalde pontevedrés, Ernesto Baltar Santaló, datado o 27-9-37 (II Año Triunfal) fai unha serie de consideracións sobre as sociedades de agricultores acusándoas de extremistas e de obrigar ós seus membros a votar á Fronte Popular

...obligaban a seguir un ideario marxista, cooperando algunas de elllas, por no decir todas, al Socorro Rojo [...] Con respecto a la Sociedad Recreativa Lerezana, o “Juventud Lerezana” con cuya denominación es conocida, puede concretarse que tenía un carácter de sociedad recreativa, pero de las juventudes marxistas, concurriendo estas al local social, y siendo sus elementos dirigentes miembros de los partidos comunista y socialista.

A Comisión de incautación de bens, logo de expediente instruído polo xuíz de 1ª instancia, acorda o 7 de xullo de 1938, elevar o mesmo á comisión central de bens incautados con sé en Burgos. O expediente remata co acordo desta comisión (14-12-38), baseado no decreto-lei de 13-9-36, pasando o local a depender das organizacións do “Movimiento Nacional”.

Xa no ano 1944, a Comisión Interministerial Calificadora de Bienes Marxistas, en sesión de 20-9-44, acorda que a propiedade sexa da Delegación Nacional de Sindicatos de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, inscribíndoa no rexistro o 4-10.1945.

No ano 1973, o local é adquirido pola Hermandad Sindical de Labradores. Por parte sindical asina Gervasio Martínez-Villaseñor e virtude de poder conferido polo secretario da Organización Sindical (sindicatos franquistas) Rodolfo Martín Villa e pola outra parte, Antonio Puig Gaite, Prohombre da Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos de Pontevedra, por certo entidade inexistente a estas alturas pois as Hermandades Provinciais foran integradas nas Cámaras Oficiales Sindicales Agrarias no 1947. O prezo pagado foi de 69200 pesetas.


Nota: Na actualidade, o local volveu ás mans dos veciños logo dun complexo proceso.

No hay comentarios: