Mostrando entradas con la etiqueta comunistas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta comunistas. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de marzo de 2012

Mourente (2)

Aparte de Manuel Martínez (secretario de axitación e propaganda), no secretariado do Radio do Partido Comunista pontevedrés ocuparon postos destacados outros veciños de Mourente: José Villaverde Cendón (secretario sindical) e Manuel Ruibal López (secretario político). José Villaverde, canteiro, cuñado de Aurelio Torres, ocupou a vicepresidencia do sindicato de canteiros, no ano 1933 fora detido, xunto con José Oliveira, por agresións a un obreiro. Foi detido o 18 de setembro de 1936 e os xornais afirman que era o secretario do “sindicato Radio Comunista”. Cunha táctica repetida por numerosos detidos, non dubida en botarlle as culpas a outros compañeiros que estaban fuxidos ou foran fusilados. Nega pertencer ao Partido Comunista e afirma non ter ideoloxía política

“tan es cierto que él no tiene ideología comunista que ayudó a su padre a expulsar de su domicilio a un cuñado suyo, comunista destacado, llamado Aurelio Torres, precisamente por su manera de ser, hecho que puede confirmar el párroco de aquel lugar Don Ignacio Triñanes” (AIRMN)


Manuel Ruibal López, canteiro, do lugar de O Pazo, xa estivera detido nos sucesos de outubro do 34 pasando dez días no cárcere, daquela ocupaba o cargo de secretario da federación da construción. Detido tras o golpe, recoñece a súa pertenza ao Partido Comunista ata outubro do 34 e manifesta que a partires desa data non pertence a ningún partido e que unicamente está afiliado á sociedade de canteiros da Casa do Pobo. O informe 1727 da Comisaría de Investigación y Vigilancia afirma:

...la personalidad de este sujeto resaltaba como la de unos de los principales instigadores, promotores y directores de dichas doctrinas [comunistas], las que con todo ahínco procuraba inculcar a las juventudes y sociedades obreras sobre las que ejercía nefasta influencia. Se señala como lugar-teniente de un tal Torres, del mismo lugar, desaparecido después de los sucesos. Luchó con inusitado esfuerzo por el triunfo del llamado Frente Popular, en las elecciones de Febrero último y era, con algunos otros, entre los que se cuenta Torres, el terror de las personas no afectas al ideal que propugnaban ellos. [...] En materia religiosa da la impresión de ser un descreído, pues, aparte de no concurrir él a los actos religiosos, tiene todos sus hijos sin administrar el Sacramento del Bautismo. Por lo demás su moral privada es buena. La situación económica es bastante desahogada si se tiene en cuenta la que corresponde a sus padres y sobre todo a los suegros que poseen fincas rústicas y algunas urbanas. (AIRMN)


O seu irmán José tamén militaba no Partido Comunista e, ao igual que Manuel, afirma que abandonara o partido no 34 e que despois de establecer boas relacións con “personas de orden” foi insultado por ex-compañeiros que lle afearon a súa conduta, chegando incluso a pelexarse con algún deles.
Ademais dos tratados nesta e noutras entradas deste blog, sen ánimo exhaustivo, nomeamos outras persoas de Mourente que foron detidas e sufriron cárcere pola súa pertenza a organizacións republicanas: Benito Otero Alén, carpinteiro, afiliado á UGT, detido a primeiros de agosto de 1936 e acusado de pertencer á célula comunista nº 3. Constante Tomé Tomé, canteiro, do lugar do Pazo, afiliado a UGT, o 11 de outubro de 1934 fora detido xunto con outro veciño de Mourente, Manuel Amoedo, por estar en posesión de armas de fogo; Amoedo fora condenado a 18 anos de cárcere que cumpriu no forte de S. Cristóbal ata o triunfo do Frente Popular. Constante foi detido na madrugada do 1 de setembro do 36 por un grupo de cívicos, entre eles Mirón, e gardas civís. Despois de ser “debidamente interrogado” (lembremos que había numerosas retractacións diante do xuíz por ameazas e malleiras nos interrogatorios), nomea algúns dos compoñentes da célula comunista de Mourente: Joaquín Martínez, Manuel López, un fillo de Enrique Acuña [Víctor Acuña], Benito Otero, Manuel Piñón, Alfredo Oliveira [executado en Ferrol], Ramón Meis Pintos [fillo de Ramón Meis], Herminio Coto [cuñado de Manuel Amoedo], Manuel Torres [“O Chía”, irmán de Aurelio Torres, membro das milicias antifascistas e detido en Vigo pola Guardia Cívica pontevedresa], Joaquín Carregal e José Ruibal. A célula estaba formada por uns vinte compoñentes e a maioría eran membros das Juventudes Socialistas Unificadas. Algúns dos citados participaron activamente, xunto con Amoedo e Torres, nas requisas de armas do día 20 de xullo.
Nun listado de presos con data 26 de maio de 1937 aparecen, aparte dalgúns dos nomeados anteriormente, os seguintes: Andrés Estévez “O Pataqueiro”, de Carabelos, acusado de baixar a Pontevedra cunha pistola e unha escopeta, Otilia Meis e Rafael Chacón, afiliado ao sindicato de panadeiros da CNT. Os informes da Guardia Civil sobre algúns deste veciños son: Inocente Filgueira, de Carabelos, “De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista”; Andrés Estévez, de Carabelos, “De dudosa conducta, simpatizante del frente popular”; Constante Tomé, “De mala conducta y antecedentes, comunista significado”; Benito Otero, de santa Margarida, “se duda de su conducta y antecedentes, estuvo afiliado al comunismo de donde se separó hace algún tiempo y se le supone extremista”; Otilia Meis, de Cons, “De mala conducta y antecedentes, comunista significada”. Foron xulgados en diversos consellos de guerra e condenados a penas de prisión. Sobre algúns nativos ou veciños de Mourente executados ou “paseados”xa tratamos noutras entradas deste blog; outras persoas leais á causa republicana lograron escapar da represión fuxindo ao estranxeiro como foi o caso do concelleiro agrario Manuel Sanmartín.

lunes, 20 de febrero de 2012

Mourente (1)

As parroquias dos arredores de Pontevedra foron o berce de numerosas iniciativas de carácter agrario, sindical e político dende finais do século XIX. Destacaron pola súa actividade as de Lérez, Salcedo e Mourente. De esta última trataremos nesta entrada. Viña de lonxe a actividade política sobranceira de personaxes nacidos en Mourente e con residencia fóra da parroquia: José Araújo Pérez, canteiro, un dos primeiros dirixentes da UGT viguesa, líder indiscutible da sociedade de canteiros daquela cidade, morreu en Vigo no ano 1929 aos 59 anos; Enrique Heraclio Botana, compañeiro do anterior nas lides sindicais e tamén pioneiro do socialismo nos tempos de Pablo Iglesias, elixido deputado en 1931, detido o 24 de xullo de 1936 e fusilado o 27 de agosto, Botana era irmán (fóra do matrimonio e non recoñecido) por parte de pai doutro importante político nativo de Mourente: Manuel Portela Valladares, político centrista, propietario do xornal El Pueblo Gallego, destacado membro da masonería e presidente do goberno en tempos da 2ª República. A Portela referíase o semanario La Causa, órgano da Federación Agrícola de Pontevedra e “defensor de los trabajadores del campo y del obrero en general”:
nuestro ilustre paisano Portela Valladares, el hijo del pueblo elevado por su talento cuyo corazón late al unísono de nuestras ansias, de nuestras amarguras, de nuestras miserias.

Nas loitas agrarias do primeiro terzo do século XX participan fillos de Mourente como o serrador Ramón Meis, o destacado dirixente obreiro Manuel García Filgueira e Bernardino Fondevila, este último, logo do golpe militar do 36 pasaríase ao bando falanxista ocupando cargos no novo réxime.
As organizacións xuvenís Juventud Agrícola e Sociedad Recreo de la Juventud organizaban numerosas conferencias sobre temas diversos: medicina, agricultura, política, etc, nas que participan coñecidos pontevedreses como o doutor Filgueira Martínez, o mestre e futuro gobernador de Ourense Gonzalo Martín March, o inspector de ensino Gerardo Álvarez Limeses, o avogado e xornalista Joaquín Poza Juncal ou o catedrático Bibiano Fernández-Osorio Tafall que se felicita que por medio destes actos se puxeran en contacto os traballadores do campo e os obreiros da intelixencia. Non se descoidaba o eido musical e a “Juventud” contaba cunha rondalla denominada “Lira”. O escritor Ramón de Valenzuela, presidente da Federación de Juventudes Recreativas de Pontevedra, dirixía o grupo de teatro que obtivo soados éxitos con obras como O Fidalgo de Xesús de San Luis. O local no que se celebraban estas actividades, a sociedade de agricultores, sería incendiado sobre as catro da madrugada do dez de agosto de 1936.
Na campaña electoral de febreiro do 36 participan en numerosos mitins Aurelio Torres e Ramón Meis e o celebrado en Mourente foi presentado polo mestre, membro de Izquierda Republicana, Isolino Martínez Pérez; este mestre sería sancionado polo novo réxime ao igual que a mestra María Alonso Pérez.
Veciños de Mourente ocuparon cargos relevantes no sindicalismo pontevedrés: o xa citado García Filgueira, líder indiscutible dos comunistas pontevedreses, presidente da Federación Obrera e último alcalde republicano de Pontevedra. Logo do golpe militar permaneceu escondido e entregouse ás autoridades no mes de xullo de 1949. José Oliveira Posada, carpinteiro, vicepresidente da Federación Obrera, detido en numerosas ocasións acusado de coaccións a obreiros con motivo de folgas e boicots; detido polos sublevados, a intervención dunha influínte familia pontevedresa evitou o consabido “paseo”; o seu fillo Alfredo foi “pasado polas armas” o seis de outubro de 1936 en Ferrol.
A familia dos “Marións” contou con varios membros que destacaron tanto no eido sindical como no político: Manuel, Joaquín e Ramón Martínez Vázquez. A Joaquín un informe da Guardia Civil considérao: De mala conducta y antecedentes, comunista y de extrema izquierda, andou fuxido. Ramón ocupou os cargos de secretario e contador do sindicato de albaneis, detido no seu domicilio de Cons foi xulgado en consello de guerra celebrado o 16 de marzo de 1938 e condenado a cadea perpetua que foi conmutada posteriormente e posto en liberdade en 1940. O máis significado da familia foi Manuel, de profesión albanel, participou activamente en canto conflito obreiro houbo en Pontevedra nos anos trinta, detivérono en varias ocasións por coaccións, en 1933 foi denunciado por inxurias e calumnias á autoridade e, con motivo dos sucesos de outubro de 1934, foi posto a disposición do comandante militar acusado de coaccionar aos obreiros para que se apuntasen á folga revolucionaria, así como ás persoas que traían á cidade artigos de primeira necesidade; o primeiro de maio de 1935 detéñeno por resistencia aos axentes da autoridade. Membro destacado do Partido Comunista, formou parte do comité provincial pro estatuto e pertenceu ao comité do Frente Popular. Os informes policiais considerábano gran propagandista dos ideais comunistas entre a clase traballadora e afirmaban que “concurría uniformado y con corbata roja a todas las manifestaciones que se celebraban con carácter marxista”. Participou activamente na organización da defensa contra o golpe militar permanecendo no goberno civil como integrante do comité de defensa da república. Logo da saída das tropas estivo agochado e foi encausado en rebeldía en dúas causas: na 1229/36 como presunto autor dun delito de rebelión por supoñérselle participante nun intento de secuestro de familiares de militares, e no quinto rollo da causa 720/37 , tamén por rebelión. A Comisaría emitiu un informe o 22 de marzo de 1937 no que afirmaba: “es persona de filiación comunista, siendo considerado como de gran peligrosidad, fue directivo de la Casa del Pueblo y perteneció al Comité del Frente Popular.” O vintenove de xaneiro de 1948 presentouse voluntariamente ás autoridades, foi xulgado e condenado a doce anos e un día de cárcere, esta pena foi conmutada por cinco anos de prisión.