sábado, 23 de agosto de 2008

Aurelio Torres Lorenzo "O Pacheco"


-->
A María do Carme, Carlos Morgade, Pilar e familia, que gardan a memoria do seu avó.
-->
Aurelio Torres Lorenzo, da familia dos “Pacheco” de Mourente, tiña cando o golpe militar a idade de 35 anos, estaba casado con señora Isolina “A Cendona”, tres fillos, dirixente obreiro e canteiro de profesión. En febreiro dese ano participara en varios mitins da Fronte Popular.

O 4 de setembro de 1936 figura, co nome equivocado, nunha requisitoria:
Rogelio (sic) Torres del lugar del Pazo, parroquia de Mourente; Martínez, Manuel [ dos Marións] del lugar de Casasnovas, de la parroquia de Mourente; Sánchez, Albino [ o Perrita ], hojalatero, del barrio del Burgo; Pedreira Rumbo, Manuel [fillo do mestre fusilado M. Pedreira] estudiante de Magisterio y Lodeiro González, Elvira [ de Salcedo] casada con el chófer Juan Manuel Gómez Corbacho, encartados en la causa que se sigue por auxilio a la rebelión, comparecerán en el término de cuarenta y ocho horas ante el capitán de infantería retirado, Juez Instructor D. Leonardo Enríquez Rozas, en la Zona de Reclutamiento; bajo apercibimiento que, de no efectuarlo, serán clasificados rebeldes.

Mal podería presentarse Aurelio Torres cando xa fora asasinado no mes de agosto; ¿descoñecemento dos feitos ou posible intento de darlle certa cobertura ao “paseo” ?.

Segundo varias testemuñas, el e o seu irmán Manolo “O Chía”, logo do golpe, pasan algún tempo escondidos na casa dunha veciña na que había unha trampiña no faiado, que lles permitía pasar dunha casa a outra. Estábanlle preparando a fuxida cara ao estranxeiro, levárono para outra casa e foi denunciado por dous cívicos do lugar. Non era O Pazo o mellor lugar para refuxiarse pois alí tiña unha elevada presencia a Garda Cívica con, polo menos, oito membros residentes no lugar, algúns deles tristemente coñecidos polas súas andanzas e que aparecerán logo formando parte do Grupo 9 da Milicia Nacional de 2ª Línea.

Nunha volta que hai no camiño que leva para Bora, aparece o 23 de agosto o seu corpo, barbaramente torturado e cos xenitais metidos na boca. Era unha das marcas da barbarie dos cívicos. A avoa de quen escribe este artigo, que fora moza de Aurelio na súa xuventude, foi unha das mulleres que se achegaron a velo e a chorar.
O cura, D. Ignacio Triñanes, afervoado defensor dos sublevados, non quería deixalo enterrar no cemiterio.

Moitos anos despois, en 1997, nun artigo ao que lle censuran varios parágrafos nun periódico local, o historiador Carlos Morgade facía unha exacta descrición dos sufrimentos posteriores da súa viúva, sra Isolina, e familia:
As ultraxes non acaban aquí. A viúva recibe unha chea de veces, a visita ameazante dos valentes na busca dos papeis do morto. Quizais querendo xustificar o crime. E de paso arramplan tamén co diñeiro e algunha xoia, o que topan pola casa ¿e quen llo prohibe? Son os novos amos. A morte, os golpes e as ameazas son as mostras do seu poder. Os nenos escóndense debaixo da cama co terror nos ollos. O maior, de sete anos, xa ten as marcas dos culatazos. Hai que deixar facer.
(versión íntegra do artigo en A Nosa Terra 23-8-1997).
No rexistro civil consta como causa da morte “destrucción de cráneo”.
Hoxe, 23 de agosto de 2008, setenta e dous anos despois, lembrámolo nesta páxina.

2 comentarios:

Beatriz Abreu dijo...

Paréceme incrible o que acabo de leer, posto que se trata do meu tio bisabó e estaba intentando averiguar por outros medios que foi del.Introducín o seu nome en google de casualidade e xamais pensaría o que me iba atopar.Meu pai contárame que o asasinaran pero pouco mais sabía, nin sequera o ano no que sucedera.
É para mín unha labor magnífica a que estas a realizar,poder recupela memoria dos nosos antepasados, símbolo da nosa identidade.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas polo teu comentario. Saúdos