Mostrando entradas con la etiqueta represión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta represión. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de marzo de 2012

Mourente (2)

Aparte de Manuel Martínez (secretario de axitación e propaganda), no secretariado do Radio do Partido Comunista pontevedrés ocuparon postos destacados outros veciños de Mourente: José Villaverde Cendón (secretario sindical) e Manuel Ruibal López (secretario político). José Villaverde, canteiro, cuñado de Aurelio Torres, ocupou a vicepresidencia do sindicato de canteiros, no ano 1933 fora detido, xunto con José Oliveira, por agresións a un obreiro. Foi detido o 18 de setembro de 1936 e os xornais afirman que era o secretario do “sindicato Radio Comunista”. Cunha táctica repetida por numerosos detidos, non dubida en botarlle as culpas a outros compañeiros que estaban fuxidos ou foran fusilados. Nega pertencer ao Partido Comunista e afirma non ter ideoloxía política

“tan es cierto que él no tiene ideología comunista que ayudó a su padre a expulsar de su domicilio a un cuñado suyo, comunista destacado, llamado Aurelio Torres, precisamente por su manera de ser, hecho que puede confirmar el párroco de aquel lugar Don Ignacio Triñanes” (AIRMN)


Manuel Ruibal López, canteiro, do lugar de O Pazo, xa estivera detido nos sucesos de outubro do 34 pasando dez días no cárcere, daquela ocupaba o cargo de secretario da federación da construción. Detido tras o golpe, recoñece a súa pertenza ao Partido Comunista ata outubro do 34 e manifesta que a partires desa data non pertence a ningún partido e que unicamente está afiliado á sociedade de canteiros da Casa do Pobo. O informe 1727 da Comisaría de Investigación y Vigilancia afirma:

...la personalidad de este sujeto resaltaba como la de unos de los principales instigadores, promotores y directores de dichas doctrinas [comunistas], las que con todo ahínco procuraba inculcar a las juventudes y sociedades obreras sobre las que ejercía nefasta influencia. Se señala como lugar-teniente de un tal Torres, del mismo lugar, desaparecido después de los sucesos. Luchó con inusitado esfuerzo por el triunfo del llamado Frente Popular, en las elecciones de Febrero último y era, con algunos otros, entre los que se cuenta Torres, el terror de las personas no afectas al ideal que propugnaban ellos. [...] En materia religiosa da la impresión de ser un descreído, pues, aparte de no concurrir él a los actos religiosos, tiene todos sus hijos sin administrar el Sacramento del Bautismo. Por lo demás su moral privada es buena. La situación económica es bastante desahogada si se tiene en cuenta la que corresponde a sus padres y sobre todo a los suegros que poseen fincas rústicas y algunas urbanas. (AIRMN)


O seu irmán José tamén militaba no Partido Comunista e, ao igual que Manuel, afirma que abandonara o partido no 34 e que despois de establecer boas relacións con “personas de orden” foi insultado por ex-compañeiros que lle afearon a súa conduta, chegando incluso a pelexarse con algún deles.
Ademais dos tratados nesta e noutras entradas deste blog, sen ánimo exhaustivo, nomeamos outras persoas de Mourente que foron detidas e sufriron cárcere pola súa pertenza a organizacións republicanas: Benito Otero Alén, carpinteiro, afiliado á UGT, detido a primeiros de agosto de 1936 e acusado de pertencer á célula comunista nº 3. Constante Tomé Tomé, canteiro, do lugar do Pazo, afiliado a UGT, o 11 de outubro de 1934 fora detido xunto con outro veciño de Mourente, Manuel Amoedo, por estar en posesión de armas de fogo; Amoedo fora condenado a 18 anos de cárcere que cumpriu no forte de S. Cristóbal ata o triunfo do Frente Popular. Constante foi detido na madrugada do 1 de setembro do 36 por un grupo de cívicos, entre eles Mirón, e gardas civís. Despois de ser “debidamente interrogado” (lembremos que había numerosas retractacións diante do xuíz por ameazas e malleiras nos interrogatorios), nomea algúns dos compoñentes da célula comunista de Mourente: Joaquín Martínez, Manuel López, un fillo de Enrique Acuña [Víctor Acuña], Benito Otero, Manuel Piñón, Alfredo Oliveira [executado en Ferrol], Ramón Meis Pintos [fillo de Ramón Meis], Herminio Coto [cuñado de Manuel Amoedo], Manuel Torres [“O Chía”, irmán de Aurelio Torres, membro das milicias antifascistas e detido en Vigo pola Guardia Cívica pontevedresa], Joaquín Carregal e José Ruibal. A célula estaba formada por uns vinte compoñentes e a maioría eran membros das Juventudes Socialistas Unificadas. Algúns dos citados participaron activamente, xunto con Amoedo e Torres, nas requisas de armas do día 20 de xullo.
Nun listado de presos con data 26 de maio de 1937 aparecen, aparte dalgúns dos nomeados anteriormente, os seguintes: Andrés Estévez “O Pataqueiro”, de Carabelos, acusado de baixar a Pontevedra cunha pistola e unha escopeta, Otilia Meis e Rafael Chacón, afiliado ao sindicato de panadeiros da CNT. Os informes da Guardia Civil sobre algúns deste veciños son: Inocente Filgueira, de Carabelos, “De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista”; Andrés Estévez, de Carabelos, “De dudosa conducta, simpatizante del frente popular”; Constante Tomé, “De mala conducta y antecedentes, comunista significado”; Benito Otero, de santa Margarida, “se duda de su conducta y antecedentes, estuvo afiliado al comunismo de donde se separó hace algún tiempo y se le supone extremista”; Otilia Meis, de Cons, “De mala conducta y antecedentes, comunista significada”. Foron xulgados en diversos consellos de guerra e condenados a penas de prisión. Sobre algúns nativos ou veciños de Mourente executados ou “paseados”xa tratamos noutras entradas deste blog; outras persoas leais á causa republicana lograron escapar da represión fuxindo ao estranxeiro como foi o caso do concelleiro agrario Manuel Sanmartín.

lunes, 20 de febrero de 2012

Mourente (1)

As parroquias dos arredores de Pontevedra foron o berce de numerosas iniciativas de carácter agrario, sindical e político dende finais do século XIX. Destacaron pola súa actividade as de Lérez, Salcedo e Mourente. De esta última trataremos nesta entrada. Viña de lonxe a actividade política sobranceira de personaxes nacidos en Mourente e con residencia fóra da parroquia: José Araújo Pérez, canteiro, un dos primeiros dirixentes da UGT viguesa, líder indiscutible da sociedade de canteiros daquela cidade, morreu en Vigo no ano 1929 aos 59 anos; Enrique Heraclio Botana, compañeiro do anterior nas lides sindicais e tamén pioneiro do socialismo nos tempos de Pablo Iglesias, elixido deputado en 1931, detido o 24 de xullo de 1936 e fusilado o 27 de agosto, Botana era irmán (fóra do matrimonio e non recoñecido) por parte de pai doutro importante político nativo de Mourente: Manuel Portela Valladares, político centrista, propietario do xornal El Pueblo Gallego, destacado membro da masonería e presidente do goberno en tempos da 2ª República. A Portela referíase o semanario La Causa, órgano da Federación Agrícola de Pontevedra e “defensor de los trabajadores del campo y del obrero en general”:
nuestro ilustre paisano Portela Valladares, el hijo del pueblo elevado por su talento cuyo corazón late al unísono de nuestras ansias, de nuestras amarguras, de nuestras miserias.

Nas loitas agrarias do primeiro terzo do século XX participan fillos de Mourente como o serrador Ramón Meis, o destacado dirixente obreiro Manuel García Filgueira e Bernardino Fondevila, este último, logo do golpe militar do 36 pasaríase ao bando falanxista ocupando cargos no novo réxime.
As organizacións xuvenís Juventud Agrícola e Sociedad Recreo de la Juventud organizaban numerosas conferencias sobre temas diversos: medicina, agricultura, política, etc, nas que participan coñecidos pontevedreses como o doutor Filgueira Martínez, o mestre e futuro gobernador de Ourense Gonzalo Martín March, o inspector de ensino Gerardo Álvarez Limeses, o avogado e xornalista Joaquín Poza Juncal ou o catedrático Bibiano Fernández-Osorio Tafall que se felicita que por medio destes actos se puxeran en contacto os traballadores do campo e os obreiros da intelixencia. Non se descoidaba o eido musical e a “Juventud” contaba cunha rondalla denominada “Lira”. O escritor Ramón de Valenzuela, presidente da Federación de Juventudes Recreativas de Pontevedra, dirixía o grupo de teatro que obtivo soados éxitos con obras como O Fidalgo de Xesús de San Luis. O local no que se celebraban estas actividades, a sociedade de agricultores, sería incendiado sobre as catro da madrugada do dez de agosto de 1936.
Na campaña electoral de febreiro do 36 participan en numerosos mitins Aurelio Torres e Ramón Meis e o celebrado en Mourente foi presentado polo mestre, membro de Izquierda Republicana, Isolino Martínez Pérez; este mestre sería sancionado polo novo réxime ao igual que a mestra María Alonso Pérez.
Veciños de Mourente ocuparon cargos relevantes no sindicalismo pontevedrés: o xa citado García Filgueira, líder indiscutible dos comunistas pontevedreses, presidente da Federación Obrera e último alcalde republicano de Pontevedra. Logo do golpe militar permaneceu escondido e entregouse ás autoridades no mes de xullo de 1949. José Oliveira Posada, carpinteiro, vicepresidente da Federación Obrera, detido en numerosas ocasións acusado de coaccións a obreiros con motivo de folgas e boicots; detido polos sublevados, a intervención dunha influínte familia pontevedresa evitou o consabido “paseo”; o seu fillo Alfredo foi “pasado polas armas” o seis de outubro de 1936 en Ferrol.
A familia dos “Marións” contou con varios membros que destacaron tanto no eido sindical como no político: Manuel, Joaquín e Ramón Martínez Vázquez. A Joaquín un informe da Guardia Civil considérao: De mala conducta y antecedentes, comunista y de extrema izquierda, andou fuxido. Ramón ocupou os cargos de secretario e contador do sindicato de albaneis, detido no seu domicilio de Cons foi xulgado en consello de guerra celebrado o 16 de marzo de 1938 e condenado a cadea perpetua que foi conmutada posteriormente e posto en liberdade en 1940. O máis significado da familia foi Manuel, de profesión albanel, participou activamente en canto conflito obreiro houbo en Pontevedra nos anos trinta, detivérono en varias ocasións por coaccións, en 1933 foi denunciado por inxurias e calumnias á autoridade e, con motivo dos sucesos de outubro de 1934, foi posto a disposición do comandante militar acusado de coaccionar aos obreiros para que se apuntasen á folga revolucionaria, así como ás persoas que traían á cidade artigos de primeira necesidade; o primeiro de maio de 1935 detéñeno por resistencia aos axentes da autoridade. Membro destacado do Partido Comunista, formou parte do comité provincial pro estatuto e pertenceu ao comité do Frente Popular. Os informes policiais considerábano gran propagandista dos ideais comunistas entre a clase traballadora e afirmaban que “concurría uniformado y con corbata roja a todas las manifestaciones que se celebraban con carácter marxista”. Participou activamente na organización da defensa contra o golpe militar permanecendo no goberno civil como integrante do comité de defensa da república. Logo da saída das tropas estivo agochado e foi encausado en rebeldía en dúas causas: na 1229/36 como presunto autor dun delito de rebelión por supoñérselle participante nun intento de secuestro de familiares de militares, e no quinto rollo da causa 720/37 , tamén por rebelión. A Comisaría emitiu un informe o 22 de marzo de 1937 no que afirmaba: “es persona de filiación comunista, siendo considerado como de gran peligrosidad, fue directivo de la Casa del Pueblo y perteneció al Comité del Frente Popular.” O vintenove de xaneiro de 1948 presentouse voluntariamente ás autoridades, foi xulgado e condenado a doce anos e un día de cárcere, esta pena foi conmutada por cinco anos de prisión.

lunes, 14 de marzo de 2011

Algo máis sobre os Schweiger.


 No ano 2009 escribía neste blogue unha entrada sobre o famoso “capitán Bruno”, xefe da Centuria de Zapadores de Falange de Marín e sinalado, mesmo por compañeiros seus, como participante destacado na represión logo do golpe militar de xullo do 36.
Unha das vantaxes do formato blogue é a de posibilitar o intercambio de información entre os lectores e o autor, e así ocorreu cando un amable lector ofreceunos información que permitía subsanar o erro de atribuír a condición de filla do militar Gutiérrez de Soto a dona Fermina, cando o certo é que era a irmá.
Os que traballamos pescudando datos do pasado somos conscientes das dificultades para confirmar certos aspectos, pois a fiabilidade dalgunhas fontes non sempre é a desexada.
Certamente a cuestión dos parentescos é un aspecto secundario no caso que nos ocupa, pero non foi o relatado o único erro nesa entrada: Un dos datos certos que tiñamos era o matrimonio do enxeñeiro alemán Schweiger Damboech coa mestra Fermina Gutiérrez de Soto, o que levou a deducir que dito enxeñeiro era Bruno Schweiger.
Pois non! Existía outro enxeñeiro alemán cos mesmos apelidos e que era o seu irmán Juan, profesor axudante interino de alemán, co carácter de meritorio, no instituto da capital, nomeado en xullo de 1937. Ante a dúbida acudimos a Xavier Milleiro, investigador e bo coñecedor daqueles anos na zona de Marín, que nos confirmou que a muller do capitán Bruno chamábase Bárbara Schaffer e así aparecía na partida de nacemento da súa filla Asunción Beatriz. Por certo, e confirmando o dito máis arriba sobre a fiabilidade dalgunhas fontes, o Diario de Pontevedra do 16 de novembro de 1938, atribúelle erroneamente a dita filla o nome de María de la Asunción Fermina; tamén nos conta que foi apadriñada polo coronel de Estado Mayor Fermín Gutiérrez de Soto e a súa dona, representados polos seus irmáns Juan e Fermina.
Aclarado o tema e confirmada a relación de amistade e parentesco (a través do irmán) de Bruno co militar golpista, o caso levounos a tentar coñecer algo máis acerca de Juan Schweiger e así soubemos que viviu na rúa da Barca, nº 26 e que estivo relacionado con negocios de automoción. Así aparece no xornal ABC do 4 de setembro de 1940:
¡Empresas de transporte! Gasógenos DUX patentado en España y en el extranjero, sustituye la gasolina con carbón de leña. Comprobado oficialmente por el Parque de Automóviles de la 8ª Región Militar. Solicitamos representantes competentes y de solvencia en cada provincia. Dirigirse: ingeniero Juan Schweiger.

O gasóxeno era un aparato que se acoplaba aos automóbiles e que servía para producir un gas combustible a partires da queima de leña e de carbón. Foron utilizados en España e outros países nos anos 40 debido á falla de gasolina.

lunes, 8 de noviembre de 2010

Desertores


Unha das funcións que cumpriu Galicia dentro do bando sublevado é a de aportar homes para a fronte. Dende os días posteriores ao golpe, organízanse expedicións de voluntarios integradas por compoñentes de grupos políticos como Falanxe, Acción Popular ou Tradicionalistas. A eles debemos sumar os soldados de diferentes quintas e, conforme pasaban os días e a situación se contemplaba máis difícil, bastantes militantes das organizacións republicanas e de esquerdas, que vían esta saída como xeito de redimir o seu pasado diante das novas autoridades. Na cabeza de moitos destes soldados estaba a idea de, unha vez na fronte, pasarse ao bando leal.

As autoridades dos sublevados levaban a cabo campañas de propaganda de cara ao alistamento, nas que non faltaban referencias á posibilidade de “redención” que se ofrecía. En setembro de 1936, os xornais publicaban chamamentos como o seguinte (EPG 20-9-36):
¡Españoles y extranjeros! ¡Al Tercio! ...El recuerdo de la vida de legionario llenará de orgullo vuestro porvenir, borrará las amarguras del pasado, y sus heroicos lances serán vuestro limpio blasón de caballeros [...] Los que aspireis a la gloria; los que deseeis lugar de olvido, de redención, de lucha; los que busqueis aventuras y aspireis a ostentar galones, estrellas, cruces...¡La Legión os espera! ¡Alistaos a la Legión!

As primas de enganche eran de 400 pta. por tres anos, 500 por catro e 700 por cinco e o haber diario para os primeiros dous anos era de 6,10 pta., desglosado en 2 para comida, 1,10 para vestiario e 3 en metálico. En reenganches sucesivos, estas cantidades aumentaban. Máis soldo cobraban os leais ao goberno republicano que, o 16 de agosto de 1936, fixa o haber de 10 pta. para os voluntarios das milicias republicanas pertencentes a unidades militares que formen parte das columnas de operacións (Gaceta de Madrid nº 229).
A Falanxe tamén tenta aumentar os seus efectivos con comunicados nos que non faltan referencias machistas e veadas ameazas:
¡Gallegos! Falange os llama. ...Podeis vestir la ya gloriosa camisa azul, prestando con ella a la Patria amenazada el máximo servicio. En esta hora magnífica del amanecer de la España Imperial, todo hombre digno, todo hombre “hombre”, tiene la obligación, no el deber, de encuadrarse militarmente. Millán Astray lo dijo: “Ha llegado el momento de poner prendas femeninas a los que no se dieron cuenta o pretenden pasar desapercibidos”. ¡ Pretender pasar desapercibidos como si nada fuera con ellos! A favor o en contra. No hay en esta lucha términos medios. [...] A las víboras se las machaca y si todavía colean se las aplasta.
Remata invocando ao xefe do xeito seguinte: Franco, el único; Franco, el indiscutible; Franco, “nuestro”. (EPG 16-12-36).
Unha vía indirecta é a elixida polos requetés, que optan pola presión sobre os pais de familia, nesta ocasión sobre os vigueses; logo de recoñecer a intachable conduta moral e católica dos mesmos afirman: sin embargo, esa conducta patriótica en lo que respecta a vuestros hijos, deja mucho que desear. Si, pensadlo bien, sabed que estamos en momentos en que todo sacrificio es pequeño y vosotros con ese egoísmo que el amor a vuestros hijos os produce, muy noble y digno de elogio en otros momentos; pero no en estos cuando la Patria los necesita; y es antipatriótico en grado sumo que querais apagar el cariño que sienten por España, evitando su marcha al frente de combate [...] pensad que debéis ser vosotros los que infiltréis en vuestros hijos el patriotismo, no es momento de rehusar el combate cuando es por alcanzar un bien y ese bien es Dios y la Patria. [...] Considerad que debe ser una ignominia, el no participar en este glorioso movimiento por el simple motivo del temor a perder la vida [...] Dejad por eso de infiltrar la cobardía en su corazón y sed vosotros mismos los que le impulséis en la ruta del deber.
Como apuntamos antes, as desercións foron moitas, só basta con lembrar as numerosas causas por este motivo contra mariñeiros dos pobos da nosa costa, Poio, Marín, etc.
O feito de pasarse de bando revestía moito perigo pois podían ser branco de calquera dos dous bandos; deixemos que sexa un soldado pontevedrés (F. G. C. ) na fronte de Teruel, quen nolo conte :
Ao segundo día de chegar, xa fuxiron ás filas leais, nove soldados dun pelotón que gornecía unha loma en dirección a Utrillas, pola tarde, e enganando ao seu oficial, co pretexto de ir lavar a roupa a un regato. Raro era o día no que non se evadía algún. [...] Algúns foron vistos e segados polas ametralladoras antes de chegar ás liñas republicanas e outros cinco quedaban detidos por sospeitosos; seguramente foron fusilados.
No seu caso, logo de varias dificultades, logrou acadar as posicións republicanas:
Co fusil en alto e atado á súa baqueta un pano branco, seguín avanzando cara as que supoñía posicións gobernamentais, pisando xa territorio leal, cando aos poucos pasos oín o silbido dunha bala que pasou moi cerca. Despois de permanecer un momento no chan chamando aos camaradas soldados da república, que non me vían, volvín a levantarme e seguir avanzando...ata que unha segunda bala volveu a cruzar o ar, máis cerca, e tiven que volver a tenderme. Eran os leais, os soldados do Pobo que, sempre atentos, e desconfiados por se puidera ser un intento de avance ou recoñecemento inimigo, vixiaban as miñas andanzas por eses lugares solitarios.

Tamén relata a detención da súa nai e seu irmán como represalia pola súa deserción.
Os propios xornais dan conta deste tipo de represalias, como por exemplo fai El Pueblo Gallego (3-8-1937):
Han sido detenidos en Sangenjo los vecinos Agustín Acuña Blanco de 55 años; Victoria Lorenzo González de 51 y Victoria Acuña Lorenzo, padre,madre y hermana, respectivamente del soldado desertor frente al enemigo, Manuel Acuña Lorenzo.
Tampouco eran raras as fuxidas para evitar servir no exército, a finais de xuño de 1937, o alcalde de Marín participa ao gobernador que faltan daquel concello, Francisco Freire, Evaristo Carracelas e Emilio Carballo, sospeitando deberan fuxir nun bote roubado, dende o porto de Aguete, cara “la zona roja de Asturias” para evadirse dos seus deberes militares.
Pero as desercións non eran só no exército sublevado senón que tamén existían en sentido contrario, -nalgún caso de xeito espectacular como a do aviador Pazó- incrementándose a medida que a balanza da guerra inclinábase do lado franquista. Isto fixo que a postura do mando republicano se endurecera. Unha instrución co carimbo de “Reservada”, emitida polo Estado Mayor da Comandancia General de la zona del Interior, datada en Valencia o 10-6-1938, da conta dunha orde do ministro de Defensa, afirmando a falta de medidas contra a deserción dende as filas republicanas ás rebeldes. Apoiado na conduta que los mandos facciosos observan con los familiares de los militares evadidos a nuestras filas alcanza los extremos de fusilamiento y tortura, con cuyo régimen de terror evitan que la inmensa maioría de los soldados del Ejército rebelde abandonen las líneas enemigas.
Para evitar a impunidade e o “mal exemplo” para posibles imitadores, dispón medidas como levar en cada unidade unha relación de familiares en primeiro grao do persoal da mesma. No caso de deserción, o SIM (Servicio de Información Militar) disporía la detención de los familiares en primer grado del desertor procedendo a adoptar sancións como que un deses familiares, de sexo masculino, ocupe o posto do desertor e os demais varóns empregaríanse en traballos de fortificación ou de utilidade para o exército. Os de sexo feminino estarían detidos ata que se compruebe de una manera fehaciente y con testimonio de personas pertenecientes a organizaciones políticas o sindicales adscritas al régimen, que han hecho todo lo humanamente posible para disuadir al desertor de la comisión de su delito.