viernes, 16 de junio de 2017

Un cura represaliado: Casimiro Cubela.




   A Paco Ramil e Xulio Leal, que nos achegaron á historia de Francisco Ron, crego tamén represaliado nas terras de Lourenzá.

Aquel ano de 1948, o venres santo cadrou no 25 de marzo; ese día atopábase na reitoral de Rivela (A Estrada) o cura, Casimiro Cubela García, o seu irmán Victorino, a súa irmá Emérita, un sobriño e os veciños de Codeseda e Tabeirós Francisco Bergueiro e José Durán. Contra a tardiña chamaron á porta, o cura foi abrir e entraron tres individuos que foron acompañados polo cura e os seus familiares ata a cociña; Francisco e José subiron ao comedor polo que non puideron saber o sucedido no interior. Os visitantes, aparentemente armados e un deles levando o emblema da República, estiveron na casa  sobre media hora, comeron filloas, pan, queixo, viño e bacallau cocido, todo proporcionado polo cura. Presentáranse como guerrilleiros e preguntaron se había cuartel da Guardia Civil en Codeseda, tamén preguntaron polo cura daquela parroquia encomendándolle a don Casimiro que lle dixera que non lles tivera tanto medo; por último, pedíronlle que lle comentase a un cuñado, garda civil en Forcarei, que non os perseguira tanto pois eles non facían dano a ninguén.
Don Casimiro, en declaración prestada diante dos gardas civís Olegario Cuesta e Alfonso González Leiro, manifestou que os trataran correctamente e non lle pediran cartos. Cando marcharon os guerrilleiros da reitoral, o cura pediulles a Francisco e José ( “camisa vella” da Falange e adicto ao Réxime) que non dixeran nada do sucedido.
Non sería a única vez que os guerrilleiros visitasen a reitoral de Rivela: o 7 de abril, pola mañá cedo, volveu a presentarse un grupo de cinco homes; tomaron un pouco de leite e descansaron nunha corte, á tardiña cearon patacas con carne e caldo, pan e viño e marcharon cara a ponte que cruza o Umia.
Pouco a pouco estendeuse o rumor de que na casa do cura estiveran bastante tempo e cearan cinco “bandoleiros” capitaneados por “Foucellas”. A Guardia Civil da Estrada instrúe atestado o 16 de xuño de 1948 e comeza o interrogatorio das testemuñas. Envíaselle o atestado instruído ao capitán xeral que, o 10 de agosto, ordénalle ao gobernador militar de Pontevedra que comunique ao comandante xuíz militar a apertura de causa contra o párroco de Rivela e acompañantes por “protección y auxilio a bandoleros”, tamén informa da notificación ao vicario para que sinalase a casa relixiosa na que o cura sufriría prisión preventiva.
Manuel Montero Galvache, xefe do Sector Interprovincial de persecución e represión de “bandoleros” de Lalín, instrutor do atestado, considera demostrado que o cura de Rivela
ocultó, albergó, facilitó medios de existencia con comidas y otros artículos a los bandoleros pertenecientes a la partida del “FOUCELLAS” facilitándole todos los medios de existencia como berdadero (sic) bandolero del llano. 
Casimiro Cubela queda detido na propia freguesía a disposición do gobernador militar. Victorino Cubela, Francisco Bergueiro e José Durán Maceira tamén son encausados e ingresan no cárcere de Pontevedra.
As xustificacións dadas polo cura para non denunciar o sucedido foron: ter dúbidas sobre se eran verdadeiros guerrilleiros ou delincuentes comúns, o medo a posibles represalias, ignorar a responsabilidade contraída por non denunciar e o decaemento de ánimo que tiña.
Casimiro Cubela, natural de san Xurxo de Sacos, 43 anos, ingresa como detido no convento de Poio o 4 de setembro. O día 10 de ese mes escribe unha instancia na que solicita a liberdade provisional 
en atención a los muchos años que llevo de Párroco sin ser sometido a causa alguna, por tener a mi único cargo tres parroquias que sufren las consecuencias de mi ausencia, por mi estado de ánimo abatido que ha sufrido mucho esta temporada, y otras causas de carácter espiritual y material que a Vª Eª no se le ocultan.
O auditor xurídico, Hernán de Martín – Barbadillo, informa contrariamente a conceder o solicitado e propón ditar auto de procesamento contra o cura e sobresemento para os demais procesados. A proposta é aceptada polo capitán xeral. O defensor coincide co fiscal e acepta o solicitado por aquel. A causa fallouse directamente pola autoridade militar facendo uso do artigo 737 do código de xustiza militar: por “prestar auxilio a los componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje” condénase a Casimiro Cubela a seis meses e un día de desterro a unha distancia non inferior a 25 quilómetros da súa residencia habitual na que tiveron lugar os feitos.
 Casimiro Cubela sae do convento de Poio o 24 de outubro e pasa a residir en san Xurxo de Sacos quedando extinguida a pena o 19 de xaneiro de 1949, xa que lle fora aboado o tempo pasado en prisión preventiva.
Ata aquí esta breve achega sobre un aspecto non publicitado da vida deste crego humanista e tolerante, á espera de que algún dos excelentes historiadores cotobadeses ou estradenses escriba a súa biografía.
Foto: Claustro do convento de Poio.
Documentación: AIMN.

No hay comentarios: