As actuacións da Guardia Cívica da Illa de Arousa non se limitaron ao asasinatos de Santiago Otero “Pajares” ou de Esteban Picón; hai documentada toda unha serie de actuacións represoras, que van dende as apropiacións irregulares de bens incautados ata malleiras que acaban, meses despois, en morte.
Algunhas das malleiras están relacionadas co que parecía ser unha obsesión do xefe “cívico” Benito Figueiras: a obrigatoriedade de asistencia á misa. O cura recoñece o trato afectuoso e correcto que tiña con el e o ofrecemento que lle fixera para darlle escolta ao Viático, porén afirma “Que según rumores aconseja y hasta coacciona al vecindario para que concurra al santo Sacrificio de la misa.” Algunhas veces obrigaba aos mariñeiros a ir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da festividade da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquelo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a darlle labazadas aos presentes botándoos fóra do establecemento. Non abondou co anterior e visitou a casa do portugués Domingo Barbosa e indicoulle á muller que tiñan que ir á misa de doce; como ela lle respondera que xa foran pola mañá cedo, tampouco se librou dos golpes de Figueiras. Pola tarde volveu para golpear ao home pero impediullo un garda civil que o acompañaba.
Maior gravidade revestiron outras malleiras realizadas polos “cívicos” no seu cuartel; na fatídica noite do 20 de setembro de 1936 levaron ao cuartel a Francisco Diz, Juan Chaves e Enrique Rial; o primeiro tivo que gardar cama e estivo incapacitado para o traballo máis de dous meses, Juan Chaves recibiu vergalladas, puntapés e golpes coa culata dos fusís durante dúas horas.
Quen levou a peor parte foi o mariñeiro de 29 anos Enrique Rial; os golpes deron lugar a varias hemoptises e as molestias foron aumentando co tempo e obrigárono a gardar cama pois afectáranlle gravemente os pulmóns “siendo su estado de tuberculosis aguda gravísima; estado que tiene relación íntima con los traumatismos” segundo fan constar os médicos Martínez e Legerén que o recoñecen meses máis tarde, médicos nada sospeitosos de desafectos. Morre á seis da tarde do 3 de xullo de 1937 e, segundo a autopsia, a causa inmediata da morte foi tuberculose pulmonar pero a causa fundamental foran os traumatismos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario