miércoles, 8 de diciembre de 2021

Acusacións a un mestre: Hipólito Gallego.

 



A participación dos mestres nas organizacións políticas, sindicais ou agrarias foi combatida polas forzas da dereita das distintas localidades. Neste enfrontamento utilizáronse moitas veces tácticas rastreiras, xa empregadas dende facía moito tempo, para conseguir apartar da vida pública a quen as forzas reaccionarias vían como un perigo para os seus intereses. Logo do golpe militar de xullo do 36 moitos mestres sufriron de xeito tráxico as consecuencias da súa implicación política. Un deles foi Hipólito Gallego Camarero, mestre de Forcadela (Tomiño); neste caso utilizan unha acusación de abusos deshonestos e escándalo público contra unhas alumnas. O xornal tudense La Tribuna (4-6-1933) atribúe a iniciativa á “pandilla capitaneada por el cura don Antonio Somé” para vingarse do mestre polo carácter laico que imprimía ao ensino e por quitar o crucifixo da escola conforme as leis republicanas. O xuíz de instrución de Tui, logo de interrogar a Hipólito, dispuxera o seu ingreso no cárcere. Gran parte dos veciños non parecían moi de acordo coa decisión e mobilizáronse en camionetas e coches para manifestarse defendendo a inocencia do mestre e pedindo a liberdade, cousa que conseguen.

Por parte dos propios compañeiros non parece existir unanimidade no apoio e as diferencias políticas entre algúns dirixentes asociativos, ligados ao partido Radical, e o mestre inflúen en retardar a execución dos acordos aprobados nas reunións da asociación provincial de mestres. Porén nunha reunión conxunta celebrada en Pontevedra por dita asociación e a Asociación de Trabajadores de la Enseñanza, o 28 de xaneiro de 1934, acórdase que os mestres contribúan cunha peseta mensual durante cinco meses para afrontar os gastos do proceso; así mesmo apoian ao mestre de Agolada Antonio Sánchez por estar tamén atropelado inxustamente polo caciquismo rural.

O mestre José Cortés Fernández escribe no xornal El Emigrado (16-3-35, A Estrada) un artigo titulado “Hipólito Gallego. Una víctima de la reacción” no que dá conta dos feitos e defende o mestre: “Además de Maestro es un buen ciudadano, honrado, trabajador, amante de la cultura y del progreso y de la República”. Segundo Cortés, os “escasos cavernícolas” de Forcadela despregaran sobre el “su negro manto de calumnias habilmente hurdidas (sic) utilizando unhas nenas.

Ayudemos de una manera u otra al Maestro y al pueblo de Forcadela contra la hidra clerical, que desea hundir a aquel en sombría mazmorra y aherrojar a éste con las cadenas de la sumisión y de la ignorancia.

A causa, procedente de Tui, xúlgase diante do tribunal do xurado na Audiencia de Pontevedra o 12 de maio de 1935; a acusación privada, exercida polo letrado Amoedo, retira os seus cargos. A defensa estivo a cargo de Isidoro Millán. A sentencia foi absolutoria.

Pero, a pesar da sentencia, a campaña contra o mestre seguiu o seu curso; os deputados monárquicos Calvo Sotelo e Maura poñen en cuestión no Parlamento a moralidade do mestre. Estas intervencións dan lugar a que as asociacións de mestres e a Casa del Maestro pontevedresas dirixan unha carta, asinada polo presidente da última Paulo Novás, ao ministro de Instrucción Pública para protestar contra os conceptos vertidos polos parlamentarios acerca da moralidade do mestre, que fora posta en entredito polos seu inimigos políticos e absolto nos tribunais:

Vese por lo tanto, Exmo Señor, hasta donde llega la sañuda persecución de que es objeto dicho Maestro por unos cuantos enemigos políticos, toda vez que el tiene la parroquia a su lado y no ven la manera de desplazarle.

O seu compañeiro Antonio Alonso Ríos escribe un artigo en El Pueblo Gallego (13-11-35) denunciando que, a pesar da absolución, os seus inimigos sérvense dos deputados monárquicos para facer valer no ministerio as razóns desestimadas na Audiencia. 

Y constituye evidente incompetencia de parte de la superioridad abrir una información basada en una denuncia de mala fé delictuosa. Tal es la situación del señor Director de Instrucción Pública, quien al ordenar una información basada en la interpelación y la denuncia de los diputados monárquicos ha pisoteado la sentencia de la Audiencia de Pontevedra, ha acreditado con su conducta las imputaciones calumniosas hechas al señor Gallego y ha contribuído con los denunciantes a la comisión de un delito grave que afecta a la persona del denunciado [...] quedará para siempre catalogado este hecho como un atropello a la Ley, a la justicia y al decoro.

Logo do golpe militar retoman as acusacións e así aparecen nun informe do alcalde de Tomiño á comandancia militar de Tui o 10 de agosto de 1936:

Tengo el honor de informar a V.S. que Hipólito Gallego Camarero, Maestro Nacional de la parroquia de Forcadela, que había desaparecido de su domicilio a raíz del 26 de Julio último y que fué detenido el día de hoy, ha sido uno de los principales autores del movimiento marxista ocurrido en este término, por ser el primero que ordenó se armase contra el Ejército, el pueblo de su residencia, campaña esta que realizaba en unión de su esposa Josefa García Segret, aconsejando al vecindario actos de violencia y registros domiciliarios, contínuos insultos contra las personas de orden y excitando publicamente al vecindario a la revolución del mas avanzado carácter extremista.

Además debo hacer constar que como funcionario público y al frente de la Escuela que regentaba, era de una moral depravada y una relajación sexual incalificable, al extremo que llegó a los más refinados actos deshonestos con niñas alumnas suyas.

 A continuación propoñía unha serie de persoas que podían testemuñar sobre os feitos: Manuel Salgueiro Domínguez, José Lago Fernández, Fructuosa Vicente de Pino, Manuel de Santiago Fernández, Evaristo Fernández, Manuel Portela Español, Gumersindo Alonso Carrera, Donato González Alonso, José Álvarez Aldir, Manuel Búa Pazos e José María Valladares.

A Hipólito aplicáronlle a lei de fugas o 4 de outubro de 1936.

Un oficio do comandante militar, Eduardo Rodríguez, dirixido ao xuíz instrutor comunícalle que Hipólito e outros foran conducidos pola Guardia Civil cerca de Mondariz, onde ao parecer existían depósitos de armas e explosivos e, segundo lle comunicara o sarxento comandante de posto da Guardia Civil de Tui: 

al llegar a las cercanías de aquella localidad los referidos procesados trataron de huír por lo que tuvieron necesidad de disparar contra ellos, resultando todos muertos. De lo ocurrido, dicho sargento dió conocimiento al Juez Municipal de Mondariz para que procediese al levantamiento y entierro de los cadáveres.(15-10-1936)

Sobre as circunstancias da morte recollemos o escrito polo historiador Carlos Méixome no seu blog “cebáronse co corpo de Hipólito Gallego, quen apareceu completamente desfeito, cravado cunha baioneta contra a terra” .

No hay comentarios: