lunes, 10 de enero de 2022

Unha carta aberta de Víctor Lis

 


As eleccións municipais do 12 de abril de 1931 supuxeron un triunfo rotundo das candidaturas antimonárquicas en Pontevedra. A suma entre a coalición agrario-obreira e a republicano-socialista logrou 18 postos, os monárquicos 7 e 2 concelleiros presentan dúbidas na súa adscrición.

O cabeza de lista monárquico era o médico Víctor Lis Quibén, que estaba acompañado por outros significados personaxes da dereita como Tomás Abeigón, Celso López Blanco, José Hermida Esperón, Rogelio Torres Senra e Senén Sobral entre outros.

Ao día seguinte da data electoral, o 13 de abril, Víctor Lis escribe unha carta aberta, que foi publicada no xornal Progreso o día 14 co título de “Cobardía”.

“A medida que pasa la tormenta electoral que se cernió sobre esta ciudad y que los últimos nubarrones se alejan para dar paso al día de la verdad” reflexiona, con indignación, sobre o abandono e indiferenza coa que a maioría dos dirixentes políticos locais que antes se titulaban monárquicos deixaran ao asinante e compañeiros de candidatura.

Manifesta que non é un xeito de desculpar a derrota, pois, moi ao contrario, “he de reconocerla como justa y como modelo de disciplina y organización” por parte dos adversarios.

Lis escribía esta carta rebelándose “con toda mi alma” contra os que, tendo a obriga de defender a candidatura monárquica, cruzáranse de brazos mentres el e os seus compañeiros “se sacrificaban defendiendo lo que ellos dejaban arrebatar por su cobardía y desidia”. Consideraba Lis que as persoas que deberían ser as primeiras en saír á rúa a expoñer o peito fronte ao inimigo eran aquelas que

durante años ostentaron cargos y representaciones monárquicas y los que aún no hace mucho fueron los amos y señores de España, bajo la misma forma de gobierno [...] Elas eran las moralmente obligadas a prestarles todo el calor de su protección y el rendimiento de esa influencia política que blasonan. Y del mismo modo que, acompañados de delegados gubernativos, imponían el retrato del Rey en cuantos locales visitaban y obtenían destinos y mercedes de la monarquía, unas veces por influencia política durante la dictadura y otras por apoyo de políticos de arraigo, así debieran de sentir en el fondo de su alma esa reacción necesaria contra la avalancha, que en forma arrolladora nos hizo besar el polvo de la derrota.

Aventura que ben puidera ser que, pensando no futuro, tratasen de aparecer como adeptos á República cando, ata agora, pensaban de xeito diferente. Advirte Lis que, como monárquico san e convencido, “he de mirar con todo desprecio a los cobardes y de repudiar con toda mi alma a los indiferentes y traidores”.

Non estaba desencamiñado Lis nas súas apreciacións; era notorio que personaxes que se beneficiaran do paraugas protector da monarquía, que medraran e ocuparan postos grazas ao apoio da Unión Patriótica de Primo de Rivera, aparecen da noite para a mañá como fervorosos republicanos e algúns chegarían a ocupar postos destacados no novo réxime. Coincide nesas acusacións con algúns xornalistas así como con sectores republicanos de esquerda que, aínda nas eleccións do 36, volverían a lembrarlles o seu pasado e criticarían a presenza dalgúns deles nas candidaturas da Fronte Popular.

Remata Víctor Lis facendo un chamamento aos republicanos pontevedreses lembrándolles que debían estar alegres polo seu triunfo, pero non debían admitir no seu seo a “ese desecho, a esa escoria monárquica que se acerca a vosotros en la hora de la conveniencia. Como el que suscribe, despreciarlos y aborrecerlos porque vale más contar con pocos y buenos que con muchos y malos”.

No hay comentarios: