domingo, 6 de febrero de 2022

Incidente en Rodeiro.

 

Vinte e oito de xuño de 1931, día de eleccións parlamentarias. Pola estrada que vai de Lalín cara Rodeiro viaxan tres persoas: Luis Huesa Pérez, Álvaro de las Casas e Ramón Rivero de Aguilar y Otero; os dous primeiros eran apoderados galeguistas e o último, fiscal da audiencia pontevedresa, tería unha triste sona logo do golpe militar do 36 pois actuou como acusador en numerosos consellos de guerra, entre eles o de Alexandre Bóveda. Un pouco antes de chegar a Rodeiro viron como a estrada estaba cortada con pedras e toradas de árbores, ao parar o coche “fueron detenidos por varios individuos amenazándoles con armas, los obligaron a estar parados en la carretera hasta las cuatro de la tarde”, a pesar de que Rivero dese a coñecer a súa condición.

O 13 de setembro de 1933 veuse a causa por atentado ao fiscal figurando como acusados Victoriano Areán Diéguez, Manuel Trifón Quintá Diéguez e Manuel García Gómez (este último en rebeldía). Foron absolvidos por falta de probas. A Victoriano pasearíano no 36.

Era un dos incidentes electorais que se acostumaban nalgunhas localidades naquelas datas pero a personalidade dos tres viaxeiros merece algunhas consideracións. Sobre o fiscal Rivero de Aguilar contamos cunha insuperable publicación en Biosbardia da autoría de Enrique Acuña. O controvertido Álvaro de las Casas pode servirnos de fío condutor para achegarnos á biografía de Luis Huesa, ilustrativa do proceder de antigos militantes galeguistas que se sumaron ao novo réxime. O papel colaboracionista, máis ou menos entusiasta, de moitos dos compoñentes da dereita galeguista é ben coñecido, porén a participación activa dalgúns deles como militantes afervoados da Falange ou como membros das milicias represoras pasa máis desapercibida.

Fagamos algo de historia e remontémonos ao mes de xullo de 1933. Un grupo de nacionalistas vascos, cataláns e galegos realizan a chamada viaxe triangular con motivo da creación do pacto Galeusca. Álvaro de las Casas escribe na revista Alento unha crónica desta viaxe da que nos interesa o relato sobre a estancia na cidade de Pontevedra, á que, o día 24, chegan vinte viaxeiros cataláns e nove vascos, que veñen acompañados desde Ourense por Otero Pedrayo. Na capital espéraos un grupo de afiliados ao Partido Galeguista (Iglesias Vilarelle, Huesa, Bóveda, Candendo, Cribeiro, Xosé Lino, García Vidal, Caramés, Basanta, Bastián González e outros), así como os “ultreyas” Álvaro de las Casas, Manoel Calveiro, Antón Miguez, Henrique González e Viéitez.

De las Casas é moi crítico co feito de que o alcalde Bibiano Fernández-Osorio pronunciase as verbas de benvida en castelán: “teño a impresión de que esto pode ser a chegada dunha tuna de Salamanca, pro de ningún xeito o saúdo de patriotas de tres nazóns que se entenden”. No local do Partido Galeguista, na rúa Tetuán, o propio Bóveda tamén utiliza - diante da sorpresa de todos - o castelán; só De las Casas utiliza o galego. Tanto o catalán Batista i Roca como a vasca Xulia Urcelay empregan na resposta o catalán e vasco respectivamente.

De alí pasaron ao Casino e logo ao Hotel Palace onde se celebrou un banquete presidido por Otero Pedrayo e “as bandeiras dos tres países que Huesa e Caramés procuraran”.

Centrémonos nos galeguistas que recibiron os visitantes, especificamente nalgúns dos pertencentes ao sector dereitista do partido. Algúns destes militantes foron afiliados do Grupo Nazonalista Galego, de Labor Gallega de Pontevedra e, posteriormente, de Dereita Galeguista; esta última era coñecida como a dos “catro Pepes” debido ao nome de pila dos seus dirixentes: Filgueira, García Vidal, Lino e Sesto. Como dixemos, a maioría deles acabou colaborando co réxime franquista. Algúns, como foi o caso do enxeñeiro Pedro Basanta ou o avogado Xosé García Vidal, foron sancionados durante curto tempo e foron repostos nos seus empregos da Deputación en novembro de 1936.

Un dos que conseguiran as bandeiras aparece citado como Caramés; coidamos que se refire a Antonio Caramés Ruza, que desempeñara cargos directivos en Labor Gallega. Tanto Antonio como o seu irmán Darío militaron en Dereita Galeguista. Por certo, como compañeiros seus na dirección da primeira entidade aparecen nomes sorprendentes (pola súa traxectoria política) como o que sería significado falanxista e garda cívico Olimpio Liste Naveira ou Robustiano Fernández Cochón (Partido Agrario Español, Falange). Antonio Caramés actuou como cabo da Garda Cívica e chegou a sarxento da Milicia Nacional de la Segunda Línea.

Máis significado foi o caso de Luis Huesa, aparellador do catastro, afiliado co número 15 a Dereita Galeguista no 36. Logo do golpe militar foi designado, xunto con Ponce de León, para facerse cargo da delegación provincial de traballo. Ocuparía tamén o posto de director da Escola do Traballo durante anos, foi profesor axudante do instituto, membro da asemblea provincial da Cruz Vermella, entre outros cargos. Actuou como garda cívico. Na súa condición de membro de Falange ocupa cargos de responsabilidade: secretario local de propaganda de FET y de las JONS e xefe local de dita organización (substitúe a Antonio Puig en 1940). Posteriormente desempeñou durante varios anos o posto de delegado provincial de Auxilio Social e o de conselleiro provincial do Movimiento. Foi recompensado coa medalla de Retaguardia de la Cruzada, ingresou na orde de Cisneros na categoría de medalla de ouro e concedéronlle a gran cruz de Alfonso X el Sabio. Faleceu o 9 de agosto de 1965.

No hay comentarios: