miércoles, 8 de septiembre de 2021

"Dicindo Imperio hai que dicir Mariña"

 


A inauguración das instalacións que deron acollida á Escola Naval Militar, no espazo ocupado polo Polígono de Tiro Naval Janer de Marín, efectuouse o 15 de agosto de 1943. As obras duraron tres anos e medio e custaron 45 millóns de pesetas.

Os actos, que contaron coa asistencia de Franco e das máis altas personalidades do Réxime, estiveron dotados de gran realce e os medios de comunicación levaron a cabo un intenso labor propagandístico nos días inmediatos. Eran momentos nos que o Réxime franquista vía con inquietude as derrotas dos exércitos alemán e italiano e o avance das tropas aliadas; conviña dar mensaxes de fortaleza e unidade en torno ao Caudillo e as autoridades provinciais, baixo o mando do gobernador civil e xefe provincial do Movimiento Genaro Riestra, puxeron todos os medios para conseguilo. O protagonismo falanxista na mobilización foi total: as xefaturas locais ordenan a asistencia obrigatoria de militantes e adheridos, chegan partidas de camisas azuis que se reparten entre os militantes que as precisen e centurias falanxistas da capital, como a “Roger de Flor” e “Salvador Foronda” ou a “San Fernando” das Falanges Juveniles de Franco, participan activamente nas tarefas preparatorias. A Obra Sindical de Educación e Descanso de Ourense organiza unha excursión para asistir aos actos.

A capital, en plenas festas da Peregrina, non dispuña de aloxamentos para atender tantos forasteiros que asistían aos actos e o alcalde, Luis Ponce de León, pide aos veciños que cedan ou aluguen habitacións.

Desde as oito da mañá do día 15 recorren a cidade bandas de música e o gobernador civil e outras xerarquías trasládanse a Pontecesures para recibir a Franco e acompañantes que viaxaban desde Meirás. Todo o recorrido pola provincia está escoltado por centurias falanxistas, como relataremos máis adiante. Participan tamén sete centurias no recinto naval e unha da Vieja Guardia no pazo da Deputación.

Non podía faltar unha corrida de touros na praza de San Roque; tourean José Mejías “Bienvenida”, Curro Caro e Rafael Ortega “Gallito”. Debúxase na area da praza o escudo de Pontevedra e as palabras ¡Franco!, ¡Franco!, ¡Franco!, ¡Arriba España!; preside o festexo o camarada Luis Huesa e, ao chegar Franco, cántase o Cara al Sol cos brazos en alto.

No pazo da Deputación organízase unha cea de gala servida polo restaurante Urkín; nos xardíns de Vincenti celébrase unha verbena de etiqueta para convidados alumeada con dez mil bombillas eléctricas. As “clases populares” asisten á verbena de san Roque no barrio da Moureira.

Os xornais fanse eco da inauguración e o falanxista El Pueblo Gallego titula a toda plana: “Inenarrable homenaje popular a Su Excelencia”. A misa e bendición da escola estivo a cargo do arcebispo Múniz de Pablos; na escola figuraban dúas pedras procedentes do Alcázar de Toledo, que foran entregadas ao ministro Salvador Moreno e o vicesecretario xeral do Movimiento, camarada Mora Figueroa, entregou ao director Pedro Nieto Antúnez un busto de José Antonio.

As pancartas colocadas no itinerario entre Pontecesures e Marín tiñan os seguintes lemas, que foran ditados pola xefatura falanxista: “Caudillo, ordénanos”, “Al servicio del Caudillo para ganar la Revolución”, “Lealtad y fe para engrandecer la Patria”, “ Franco, la Falange siempre en primera línea para obedecerte y seguirte hasta la muerte” e “Por España con Franco”.

A xenerosidade do colega Serafín Fontenla permitiunos estudar a documentación interna dos preparativos que FET y de las JONS, a través da vicesecretaría de Educación Popular, levou a cabo para o acto.

Nunha “Orientación General” (12-8-43) o delegado provincial, José Fernández, explicita o obxectivo:

Con motivo de este solemne acto, el Jefe Provincial de la Falange y todos los afiliados quieren dar una prueba ostensible del respeto, de la fe y del cariño que el Caudillo les inspira, y al mismo tiempo hacer ver a los enemigos de España y del Movimiento, que la Falange es una Milicia con COHESIÓN, con DISCIPLINA y con FUERZA y que los camaradas que la integran están plenos de ESPÍRITU DE SERVICIO y SACRIFICIO.

A interpretación do parágrafo anterior non debe desligarse da situación internacional, cun peche de filas ao redor de Franco, pero tampouco das liortas internas da organización (sucesos de Begoña, cese de Serrano Súñer...) así como dunha demostración da forza do partido.

Ordénase cubrir todo o itinerario por centurias situadas cada quilómetro, en liña de a tres, cun total de 35 centurias (3500 homes) para os 35 km entre Pontecesures e Pontevedra e 9 centurias (900 homes) para os 7 km da capital a Marín. Cada centuria dispoñía de tres bandeiras “que se rendirán al paso de Su Excelencia a quien aclamarán las formaciones al unísono a los gritos de FRANCO, FALANGE”. Na corrida de touros os falanxistas ocuparían tres tendidos nos que se formará a palabra FRANCO composta por elementos colocados nun fondo azul formado polas camisas dos militantes.

O anexo 2 detallaba a ornamentación en cada localidade: Pontecesures tería na entrada da ponte guirnaldas e unha gradaría de 5 metros na que formaría o Frente de Juventudes, dous xugos de 5 metros sostiñan, no centro do pobo, un arco de grandes dimensións no que figuraba o nome de Franco feito con flores, ademais todo o recorrido estaría adornado con pancartas e bandeiras. Na entrada a Caldas de Reis, emblemas de FET e á saída dous xugos de 5 metros e carteis con víctores ao Caudillo. De xeito minucioso detalla os adornos para o resto do recorrido, o texto das pancartas e o lugar exacto de colocación.

No anexo 3 detalla, por localidade de procedencia, o número de JONS e de camaradas que interveñen; destacan Vilagarcía, Caldas, A Estrada, Bueu e Moaña, con 500 falanxistas cada unha, Pontevedra con 600 e Vigo con 1400, suman un total de 8268 afiliados.

Os carteis coa efixie de Franco recibíranse de Madrid e colocáronse na estrada xunto a pasquíns con consignas de Franco e José Antonio. Os lugares de estacionamento de autobuses e camións que transportaban os militantes tiñan sinalado un lugar exacto no recorrido e instaláronse postos de socorro médico en Pontecesures, Caldas, Pontevedra e Os Praceres.

O vestiario dos participantes era a camisa azul remangada por enriba dos cóbados e zapatos e pantalóns negros ou escuros. Os responsables da mobilización foron Eduardo Miranda (tramo Pontecesures- Caldas), Rogelio Gil (Caldas-Pontevedra), José Luis Vázquez (Pontevedra-Marín); da música e praza de touros Eliseo Sastre, Miguel Rodríguez Rey encargábase de supervisar os aspectos plásticos, Luciano Rodríguez da taquigrafía e mecanografía, o tamén camarada Prudencio Landín Carrasco era o xefe de prensa e propaganda, o xefe xeral do recorrido era Antonio Puig Gaite e o xefe superior de organización e servizos José Fernández García.

A pompa e boato adicados á presencia de Franco lévanos ao sucedido, a mediados do século XIX, con motivo dunha viaxe de “Sus Altezas Serenísimas” os Duques de Montpensier. Daquela o gobernador dispuxo que, ao atravesar os concellos,

prevenir los festejos, arcos triunfales y otras demostraciones dignas de los augustos personages a que se dedicaban, como ha sucedido en todos los Ayuntamientos desde Valga a Marín, cuyos gastos indispensables hubo que hacer por las economías del presupuesto.

No hay comentarios: