As sociedades de agricultores do concello de Pontevedra, pioneiras a nivel galego, créanse na última década do século XIX froito do labor de republicanos e socialistas. As datas de presentación dos seus regulamentos no rexistro de asociacións do goberno civil foron: Lérez o 16 e Marcón o 20 de decembro de 1896; Mourente o 21 de marzo, Salcedo e Bora o 2 e o 10 de maio, Tomeza o 11 de xuño, todas no ano 1897; as sociedades de Campañó e Alba-Cerponzóns non se rexistraron ata o 14 e 26 de abril de 1902.
A pesar destas datas do rexistro oficial, a formación destas sociedades é anterior. Na homenaxe que a sociedade de Salcedo tributa aos seus fundadores, no ano 1935, faise constar que a data da súa fundación fora en 1892, ano no que a presidía Martín Pintos. A maiores, relata a persecución contra un dos fundadores, Lorenzo Montes, cun embargo de bens que dera lugar aos sucesos do Campo da Porta, que tiveron lugar no ano 1894. Debemos darlle toda credibilidade a estas afirmacións pois, nas datas da homenaxe, aínda vivían moitas persoas que participaran na fundación e no motín; ademais quen o afirmaba era o presidente da sociedade e, polo tanto, con acceso á documentación da mesma.
Outro dato que corrobora esta tese é que na placa de pedra da fachada do edificio da sociedade de Marcón figura o nome e a data de 1894.
A actuación política dalgunhas destas sociedades tamén parece apuntar a que estaban organizadas dende facía tempo, pois presentan candidaturas ás eleccións municipais en abril e maio de 1897; unha delas, a de Alba, tardaría varios anos en rexistrarse oficialmente. Non parece lóxico que sociedades que existían oficialmente dende facía un par de meses foran capaces de articular estas candidaturas, máxime contando coa férrea oposición de caciques e curas.
Nunha data tan temperá como outubro de 1897 presentan demandas ao ministerio de Facenda pedindo a suspensión da venda dos montes públicos (comunais).
Aparte da defensa dos intereses dos seus asociados e asociadas no campo agrario, sinaladamente na loita antiforal, as sociedades participan na política municipal, en ocasións con candidaturas propias, como xa sinalamos. Elevan propostas e demandas ao goberno relacionadas con cuestións a nivel estatal, como a oposición ás importacións de carne e o tratado con Uruguai, a defensa da libre destilación de augardentes, a prohibición da venda de viños de fóra do país, entre outras.
Son animadoras de iniciativas de carácter financeiro, como a Caixa Rural de Lérez, organizan actividades de divulgación agrícola ou sanitaria mediante conferencias, organizan compras conxuntas de sulfatos e outros produtos e apoian a actividade das xuventudes culturais e recreativas das parroquias.
Levan a cabo actividades moi semellantes ás das actuais asociacións de veciños, con peticións relativas ao acondicionamento de escolas, reparación de camiños e xestión dos cemiterios.
Unha función importante era a de mediación nos conflitos que se presentasen entre a veciñanza por cuestións como servidumes, aproveitamento de augas e pastos e outras cuestións. Non deixan de pronunciarse sobre cuestións de maior calado como os sucesos de Montjuich (1898) asinando un manifesto ao pobo de Pontevedra, que titulan “Las infamias de Monjuich”, xunto con entidades republicanas, socialistas e sindicais; no ano 1935, a Federación Agraria Comarcal pide a amnistía para presos políticos e sociais.
Cando se produce o golpe militar de xullo do 36, unha das primeiras actuacións dos sublevados foi a de apropiarse dos bens das entidades agrarias; estas propiedades pasaron a ter diversas funcións ao servizo da Falanxe ou do exército. Os dirixentes agrarios foron perseguidos e algúns encarcerados ou asasinados. Nunha segunda fase, coa posta en marcha de toda a lexislación incautatoria, pasaron a depender da Delegación Nacional de Sindicatos. Algunhas foron cedidas aos concellos para ser utilizadas como escolas, outras usáronas as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos e algunha quedou abandonada tras o incendio efectuado por falanxistas e “cívicos”, como foi o caso da de Mourente.
O informe nº 2814, da comisaría pontevedresa (30-8-1937) afirma:
Las Sociedades Agrarias de las parroquias de este término municipal estaban federadas a la Federación Comarcal Agraria, que a su vez coincidía ideologicamente con la Federación Obrera local, de significación comunista; en realidad el carácter de estas sociedades era absolutamente marxista [...] ejercían una actividad política y social marxista que se reflejó en las últimas elecciones, pues todas votaron la candidatura de izquierda del frente popular, imponiendo posteriormente sanciones a los que no hubieran votado tal candidatura.
No listado de propiedades incautadas na provincia a entidades de “carácter marxista”, máis do 60% eran das sociedades de agricultores.
No concello de Pontevedra foron: Bora, casa de pedra de planta baixa duns 70 m2, no lugar da Igrexa; Lérez, casa de 80 m2, no lugar de Pedra Picada (estrada da Coruña); Marcón, casa duns 90 m2 no lugar de Pazos; Mourente, casa de 120 m2, no lugar de As Laxiñas, no cruce da estrada da Seca coa estrada de Ourense, incendiada na madrugada do 10 de agosto de 1936; Salcedo, casa duns 80 m2, no lugar do Cruceiro e Tomeza, casa duns 66 m2 no lugar de Lusquiños.
Foto: Local de Mourente. ATOPO.
No hay comentarios:
Publicar un comentario