Fai pouco tempo asistimos á presentación do libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950), do que é autora Mª Elisa Franco Torres. Esta obra foi a gañadora do premio Luis Cuadrado, instituído pola librería Nós da man dunha persoa que é referente imprescindible en toda actividade cultural salientable naquela vila: Xaime Corral.
O estudo da represión en Galicia é debedor dos traballos monográficos e de carácter local que, xunto a obras como a de Carlos Fernández Santander ( El alzamiento de 1936 en Galicia. Ed. do Castro, 1982), foron pioneiros e contribuíron, con maior ou menor acerto, a preservar e divulgar a memoria do sucedido naqueles anos. A partires de publicacións deste tipo e coa aportación de teses doutorais e outras investigacións e publicacións, xurdiron sínteses de carácter provincial ou a nivel galego como a modélica 1936. Represión e alzamento militar en Galiza ( Ed. A Nosa Terra, 2006) de Carlos Velasco Souto.
Pero aínda queda moito que investigar sobre este período permanecendo zonas de sombra, tanto espaciais como temáticas.
A Pasaxes na Memoria debemos aprecialo como un traballo de introdución referido a Sanxenxo, cunhas cualidades de fácil lectura, aportación de testemuñas orixinais e de documentación, etc, que abre unha vía para ulteriores profundizacións que- dado o carácter do mesmo- non teñen cabida neste libro.
Logo da lectura do mesmo, apuntaríamos como interesantes liñas de traballo futuras, aspectos relativos ao papel dos mestres, sector co que se cebou a represión neste concello con separacións do servizo e baixas no escalafón, como foi o caso de Peregrina Martínez Santos (Rouxique), Bernarda Pereira Solla (Sanxenxo), Manuel Iglesias Constenla (Noalla),José Cancela Guzmán (Dorrón), Manuel Rey Vázquez (Pósito de Portonovo), Manuel Jorge Franco (Sanxenxo) e Estanislao Víctor Torres Pérez (Vilalonga). Non faltan tamén mestres que pagan coa morte o seu compromiso político, como é o caso de Alfonso Rodrigo Méndez, ourensán e mestre de Sanxenxo, socialista e que foi “paseado” a principios de setembro do 36 ou o nativo de Sanxenxo, afiliado ao sindicato de mestres da UGT, José Meis Martínez, mestre de Seixo, executado en Pontevedra o 27 de xullo de 1937; habería que investigar o papel xogado pola Falange local en relación con este tema, como apunta o imprescindible Anxo Porto Ucha (Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Ed. Alén Miño, 2008).
Unha persoa citada no libro e que tamén daría pé a un tratamento máis extenso, é Alfonso Vega Olivera, administrador de correos, condenado por rebelión militar e executado en Monte Porreiro en decembro do 36. A vida dalgúns dos xulgados fora da provincia como Eugenio Lobato ou Antonio Couto, entre outros, seguro que poderán aportarnos datos de interese.
Está aínda por facer a historia do Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, con moitos dos seus afiliados obxecto de condenas e represión.
O baleirado exhaustivo das causas militares e mesmo dos xornais e publicacións da época poden axudar aos que, tras a lectura deste libro, desexen embarcarse na aventura de achegarnos ao Sanxenxo daqueles anos cruciais, por certo ausentes das historias publicadas sobre a localidade, a maioría centradas no anecdótico; precisamente outro dos méritos do libro que comentamos é o de mostrarnos outras realidades alén da praia e o turismo.
Do interese polo tema é boa proba a asistencia ao acto que deixou pequeno o local no que se realizou. Parabéns a Xaime, o editor, e á autora, á que pedimos que continúe polo camiño da divulgación obxectiva do pasado de Sanxenxo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario