jueves, 3 de junio de 2010

A proclamación da IIª República en Pontevedra


Para Manuel Vázquez de la Cruz e os seus compañeiros que o día 26 rescatarán a Sócrates en Tui.

O domingo 12 de abril as rúas de Pontevedra estaban moi animadas xa dende as primeiras horas. As xentes republicanas e de esquerdas erguéranse cedo pois querían controlar os colexios electorais e evitar “cacicadas”. Foi un día de votación tranquila, con mínimos incidentes. O escrutinio empezou ás catro da tarde e, pasadas as sete, sábese do triunfo das candidaturas republicanas. Hai festa entre os gañadores: algúns candidatos son levados a ombreiros ata os seus domicilios, bótanse bombas de palenque e un automóbil con grandes carteis e bandeiras, recorre a vila dando vivas e animando a festa republicana.
O martes, día 14, El Pueblo Gallego afirma:
Así, grandioso, colosal,rotundo, ha sido el triunfo obtenido por los elementos izquierdistas del ayuntamiento de Pontevedra.

A prensa resumía os resultados en 19 antimonárquicos, 7 monárquicos e 1 independente. Non resulta doada a adscrición exacta dalgúns concelleiros; a continuación ofrecemos o listado dos elixidos: Manuel Lorán Montes, Joaquín Poza Juncal, Bibiano Fernández Tafall,Arturo Rey Juncal e Aurelio Marzoa, republicanos; Francisco Tilve e José Baladrón Martínez, socialistas; Tomás Abeigón Pazos, Víctor Lis Quibén, Celso López Blanco, José Hermida Esperón, Rogelio Torres Senra e Senén Sobral Sobral, monárquicos; Manuel García Filgueira, José Orozco Pereira, Manuel Gama Casalderrey, José Cochón Paz, Marcelino Candendo Paz, Manuel Sanmartín Moreira, Manuel Loureiro Pereira e José Gallego Acuña da candidatura obreiro-agraria; Juan González López, independente; Manuel Barca Montes (da Federación Obreira), Felipe Aparicio Díaz e Manuel Formoso Lestón integran o axuntamento provisional en calidade de republicanos aínda que pertencen á candidatura agrario-obreira; Francisco Rodríguez Arruñada aparece como independente e monárquico e Alberto Martínez Tiscar (que sería asasinado no 36 pola Garda Cívica e fondeado na ría), curiosamente, como agrario republicano e monárquico. Manuel Sanmartín desminte en nota de prensa que sexa comunista pois considérase agrario antimonárquico. A candidatura agrario-obreira está fortemente influenciada polo partido comunista que controla a Federación Obreira e a Comarcal Agraria.
Contra as tres e media da tarde chegan as novas da renuncia do rei e da proclamación da República. Ás 4 da tarde e convocados polo presidente do Centro Republicano, Amancio Caamaño, reúnense no domicilio do médico Celestino Poza, o comité republicano, socialistas e outras persoas destacadas na defensa dos ideais republicanos. Acordan pedir unha entrevista co gobernador á que asisten Caamaño, Poza e Tafall. Logo da entrevista confírmase a proclamación da República e organízase unha manifestación que leva á fronte ao comité republicano-socialista.Colócanse bandeiras republicanas e galegas na Deputación e no concello, engadíndose neste último unha bandeira vermella. A banda municipal recorre as rúas tocando A Marsellesa e a Internacional.
Pola noite, arríncanse as placas das rúas Real, Isabel II, Princesa e Alfonso XIII e colócase un rótulo cos nomes de Galán e García Hernández na praza da Constitución.
A primeira bandeira republicana que se colocou nun centro oficial foi no edificio de Telégrafos.
El Progreso escribía o día 15: La democracia pontevedresa dió en el día de ayer una nueva prueba de su conciencia y cultura.
Os xefes e oficiais do cuartel de S. Fernando, xunto cun piquete de soldados, renderon honores á bandeira tricolor ao paso dunha manifestación.
Víctor Lis publica unha carta aberta co título de “Cobardía” recoñecendo como xusta a victoria republicana e criticando aos que, estando na obriga de facelo, non apoiaron aos candidatos monárquicos.
Ás 10 da mañá do día 15 constitúese o axuntamento provisional presidido por Arturo Rey e faise cargo da Deputación Amancio Caamaño, tendo como vocais aos señores Echeverría Nóvoa, Pérez Prego e Selgas.
Os botonciños coa nova bandeira española que pon á venda a sombreirería da viúva de Álvarez, tiveron moito éxito e lucían nos ollais dos homes e no peito das mulleres. O columnista que asina como Ático (El Progreso, 16-4-34) escribe:
Hoy en Pontevedra es el día de los ex. Por ahí los verás, niña querida, reflejando la imagen estirada, decaída y macilenta del que era su jefe: don Gabino, don Manuel, don Álvaro [...] Niña, no te rías de ellos, que es pecado burlarse de tres clases de seres: los ancianos, los caídos y los animalitos que no saben hablar. Y entre los ex hay desvalidos de las tres clases.

O novo alcalde publica un bando baixo o título “Bajo el nuevo régimen” agradecendo as adhesións e o entusiasmo xeral e pide que se reintegren ao traballo.
Ninguna ocasión mejor que la presente para que demuestre el pueblo de Pontevedra su espíritu de civismo y de mutua consideración al respetar todas las creencias y mantener la tolerancia más amplia con las convicciones religiosas de cada ciudadano [...] Os deseo salud y República.

Nada mellor para rematar esta entrada que o parágrafo seguinte:
Desde hoy somos ciudadanos, con todos los derechos e integridades, con las facultades que la soberanía lleva consigo. Pero también- y esto es lo que queremos hacer resaltar- con todas las responsabilidades que a los ciudadanos incumben en la función privada y en la pública
El pueblo Gallego, 15-4-1931.

No hay comentarios: