viernes, 16 de julio de 2010

De Tui a Pontevedra con Prieto Coussent e Sócrates



 O pasado 26 de xuño tivo lugar en Tui, froito dunha animosa comisión cidadá, a reposición do busto de Sócrates. Foi un acto intenso en emocións. Facía unhas semanas que tivera lugar un acto público naquela cidade ao que tiven a honra de ser convidado e quero compartir aquí as miñas palabras:

"Hoxe estamos neste acto para recordar, dise que a palabra recordar ven de re- cordis, volver ao corazón, así hoxe, volvemos a pasar polo corazón a Sócrates, Valle-Inclán, Prieto Coussent e a todas as xentes anónimas que, como Sócrates, fixeron e fan as preguntas que nos achegan cara á razón, cara á verdade última das cousas.
En primeiro lugar permítanlle a alguén que non é filósofo o atrevemento de recordar a Sócrates.
Máis alá de datos biográficos, dos que por certo só sabemos o que nos contan os seus discípulos e, polo tanto, é un coñecemento parcial e problemático, interesa falar, aínda que moi brevemente, de tres temas: o método socrático, a ética e a relación entre Sócrates e a democracia.

A Sócrates debemos definilo como un buscador da verdade, non é, por tanto, un mestre que coñece a boa nova e lla transmite aos seus discípulos, non é o que posúe a verdade e lla comunica aos seus seguidores. Non, Sócrates fai súa a inscripción do templo de Delfos
“coñecete a ti mesmo” e busca a verdade ao mesmo tempo que os que o seguen; non é polo tanto unha busca individual senón colectiva e en diálogo. A parte de verdade que cada home ten no seu interior debe descubrila coa axuda dos demais. El , que era fillo dunha parteira, fai honra ao oficio de súa nai ( axudar a dar a luz) e, a través do diálogo e facendo preguntas axeitadas, encamiña ás persoas para que tamén dean á luz o coñecemento que atesouran no seu interior. Sócrates emprega un método que consta de dúas partes: a ironía, a través da cal tomamos conciencia da nosa ignorancia ( só sei que non sei nada) e a mayéutica (dar á luz) que fai que descubramos por nós mesmos - pero sempre en relación cos demais- a verdade, a través de determinadas preguntas; é polo tanto un método dialéctico, de preguntas e respostas, de contraposición de razóns ata chegar ao coñecemento.

Por outra banda, podemos considerar a Sócrates como o fundador da ética, dunha moralidade autónoma que se fundamenta na razón e, polo tanto, independiente da tradición ou das relixións. Para él existen un ben e un mal absolutos, unha lei moral que está por enriba dos individuos e o home ten que obedecer esta lei moral sen preocuparse das consecuencias, sabendo que a mellor elección sempre é a que dita a razón. O verdadeiramente bo para a persoa non é o poder, a fama, as riquezas...senón que a virtude descansa no saber e a maldade na falta de intelixencia; quen ten unha recta intelixencia elixe necesariamente o ben que é o realmente útil para el, polo que a felicidade é a consecuencia dunha vida virtuosa, de acordo coa moral. A consecuencia é que a felicidade do home depende de si mesmo.

Sócrates foi condeado a morte, cando tiña máis de setenta anos, pola democracia ateniense e, podendo escapar non o fixo e bebeu a copa de cicuta que acabou coa súa vida. El sabía que a resolución era inxusta pero sométese á lei porque a consideraba a base da democracia e ningún cidadán debía ignorala.
Contan que o rei Ciro de Persia dixo nunha ocasión que nunca tomaría en serio a un pobo como Atenas, que tiña no centro da cidade un espacio vacío ao que os habitantes acudían a discutir e a tentar engañarse uns aos outros. Pero, sen sabelo, Ciro danos a mellor definición de democracia porque nese espacio vacío, a praza pública onde se celebraba o mercado e se reunía a asemblea, os habitantes, ao entrar nesa praza para asistir á asemblea, convírtense en iguais, en cidadáns, e discutindo, dialogando, mesmo tentando engañarse, chegan a consensos, a dictar leis que rixan a vida da polis, da cidade. Por iso é tan importante que ese espacio estea verdadeiramente vacío, non ocupado, por exemplo, por un trono, por un templo ou por un pazo.

Pero Sócrates somete todo á dúbida e tamén o fai coa democracia considerando a ateniense como insuficiente, unha apariencia de democracia e de cidadanía, ou sexa, que ao seu xuizo,o centro da cidade, de Atenas, non estaba realmente vacío. Non acepta a idea de que a maioría sempre é o todo, teña ou non razón, a idea de que a máis inxusta violencia deba ser considerada lexítima se é querida pola maioría. Para el, a maioría ten a obriga de someterse á lei, á xustiza, á verdade en suma, porque senón sería facilmente manipulable. Cando a lei é xusta, acorde coa razón, ata o pobo debe estar sometido a ela; se non nos sometemos á razón (expresada pola lei) a democracia convértese nun instrumento dos poderosos.
A aquela Atenas machista, xenófoba e esclavista, non lle gustaban as preguntas de Sócrates, non aceptaba que se puxeran en cuestión as bases da súa organización social e esa é a verdadeira razón da condena e non a introdución de novos deuses e a corrupción da xuventude, acusacións estas que utilizaron como pretexto.

Imos dar un salto á Compostela de 1936, o 5 de xaneiro morre en Santiago don Ramón del Valle Inclán, logo dunha vida na que se conxugan aventuras persoais e políticas, republicanismo e candidatura carlista, teatro, novela.... Deixa escritas as súas disposicións para o enterro: “
No quiero a mi lado ni cura discreto, ni fraile humilde, ni jesuita sabiondo”.
Poden preguntarse ¿e que terán que ver o Sócrates de fai 2500 anos e o Valle do século pasado? Pois ben, Sócrates e Valle acaban xunguidos no século XX pola man dun home, profesor no instituto de Tui e que, xunto cos seus alumnos, modela cadanseu busto dos mesmos. Este profesor, nado en Ribadeo, foi
Benito Prieto Coussent que chega a Tui no 1933 e intégrase nun claustro de profesores dos que El Pueblo Gallego publica unha fotografía e escribe:
“existencia de un selecto cuadro de profesores que vienen realizando una labor pedagógica de auténtica categoría. Publicar su fotografía es, por lo tanto, rendirles un justo tributo merecido”
e fala do seu labor infatigable na preparación desa
“pléyade de gallegos que con sólida preparación y encendido entusiasmo, ha de contribuir al engrandecimiento de una Galicia en posesión de si misma, señora de su presente y porvenir”.

Prieto Coussent adopta o método socrático no senso de que fai que os seus alumnos miren ao interior e revelen, manifesten as súas capacidades, a súa creatividade, desbotando a copia repetitiva de láminas e modelos. Tamén formaba fora das horas lectivas a obreiros e xentes da comarca.

Para comprender o significado da obra de Coussent e dos seus compañeiros, debemos enmarcalos no contexto dun movemento de renovación educativa impulsado pola chegada da Iiª República e a aposta decidida que esta tivo pola difusión da cultura a todos os sectores da sociedade. Detrás están moitos dos plantexamentos dos homes da Institución Libre de Enseñanza e das Misións Pedagóxicas, que levan o teatro, a pintura, a arte aos lugares máis esquecidos.

Encarcerado tras o golpe militar de xullo do 36, fai unha serie de retratos aos seus compañeiros de prisión, moitos dos cales serían fusilados como foi o caso do tudense Manuel Estévez, que lle adica a Coussent uns versos coa sinceridade de quen vai enfrontarse coa morte:
Bendito seas, pintor,
que tal retrato has pintado
en los últimos momentos, que a muerte me han condenado.
Tan bueno es su corazón
y es tanta su bondad, no permitió me mataran
sin tal obra terminar.

O busto de Valle, elaborado fora das horas de clase, coa axuda destacada de dous dos seus discípulos, Álvaro Álvarez Blázquez e Emilio Diz Rodríguez, foi colocado nas Palmeiras de Pontevedra o domingo 21 de xuño do 36 por iniciativa do Grupo Labor Gallega. O acto estivo concurridísimo, coa presencia de numerosas autoridades. Descubriron a bandeira galega que tapaba ao busto o alumno tudense Álvaro Álvarez e a pontevedresa Conchita Ferreirós. O catedrático de latín sr Echave, entusiasta de Valle, pronuncia un barroco discurso no que afirma que o profesor Prieto Coussent capta o espíritu de Valle “ encendiendo de vida el sueño de la piedra”. Léolles un párrafo do seu discurso:
”en la serenidad más que humana de estos jardines que hacia la ría se adelantan salmodiando alborozos de pájaros y flores, el espíritu de don Ramón del Valle-Inclán aletea como un águila presa en la cárcel de granito y aupándose de la tierra, como en las horas fecundas de creación de su turbada existencia, seguro más que nunca de si mismo, desafía a los siglos venideros”

Grandilocuencia non lle faltaba ao señor Echave pero non podemos decir o mesmo das súas dotes proféticas: a estatua de Valle non perdurou séculos, pois pouco tempo duraría neste lugar.
Porque os bustos de Sócrates e Valle tamén sofriron, ambolosdous, a sinrazón que os condenou ao ocultamento; logo do golpe militar de xullo veñen tempos nos que o centro da cidade xa non estaba valeiro, senón ocupado por templos e cuarteis e as dúas personaxes lembraban uns tempos e unhas ideas que non tiñan cabida neste réxime e debían ser substituídas por outros modelos.
O de Valle, regalado polo concello de Pontevedra, logo de varias peripecias, acabaría contemplando a ría de Arousa dende a Curota e convertido en reclamo dos folletos turísticos e o de Sócrates, que fora colocado o 3 de maio do 36 nos xardíns tudenses de Santo Domingo, sumerxido no fondo do Miño. Podemos imaxinalo como aquel padre Vieira que canso de que os humanos non lle prestaran atención, optou por predicar perto do río o seu coñecido sermón aos peixes.

Non sabemos se Sócrates estará interrogando a salmóns, troitas e escalos, pero pode que nos estea facendo a nós unha pregunta: ¿Que faría a nosa democrática sociedade cun novo Sócrates que andivese polas rúas indagando se a nosa democracia do século XXI ten realmente o centro valeiro, facendo as preguntas que non deben facerse, as que rebasan as delgadas liñas bermellas do sistema? Non sei que resposta lles darían vostedes pero permítanme aventurar que moitos xa andarían percurando a copa de cicuta.
Pero os que ocultaron a Valle e a Sócrates non sabían que o oculto sempre foi máis interesante que o que estaba á vista e que o feito de telos ocultado fai que esteamos hoxe aquí falando deles, recitando poemas, tocando músicas... que estean próximos a nós porque o recordo anula a lonxanía.
Decían os clásicos que a verdade corrómpese pola mentira pero tamén polo silencio, polo esquecemento, e actos como o de hoxe serven para que a verdade avance e estou seguro que pronto Sócrates será reposto e poderá interrogarnos dende o seu pedestal e non dende o fondo do río."
Como se aprecia na fotografía, Sócrates xa ocupa o seu lugar en Tui.

No hay comentarios: