Nese ano, con motivo dos sucesos revolucionarios de outubro, Mondina foi un dos falanxistas vigueses que se presentou voluntario para auxiliar as autoridades e prestou servizo como condutor de vehículos das forzas da orde. Tamén participou “colaborando personalmente en la represión de los que alteraban el orden público”. Entre os servizos prestados destaca a colaboración coa policía para deter o comité de folga ferroviario na estación de Vigo; por estes feitos e outros prestados na represión da folga recibiu unha felicitación e un premio de 1.500 pesetas de mans do gobernador.
No ano 1935 actúa como escolta de Daniel Buhigas, que fora nomeado no mes de maio xefe provincial da Falanxe,
acatando sus órdenes para imponer la necesaria disciplina a los afiliados que secundaban la actitud de resistencia adoptada por las jerarquías relevadas.
Eran as liortas internas tan presentes na vida da Falanxe pontevedresa. Mondina encárgase de organizar a distribución de “Arriba”, semanario da organización; recolle subscricións e tamén o vende polas rúas. Era unha tarefa comprometida pois eran habituais os altercados entre falanxistas e militantes de esquerdas a conta da venda do semanario e podían rematar a tiros.
O 8 de xullo de 1935, a Audiencia Provincial entende nunha causa instruída polo xulgado de Vigo contra 37 mozos e 3 mozas pertencentes a Falange Española que foron sorprendidos, na noite do 13 de xuño, reunidos sen autorización e con tenencia ilícita de armas (revólveres, pistolas e outras). Condenaron a cada un, Mondina entre eles, a 2 meses e un día de cárcere. Mondina e os seus camaradas ingresan na prisión de Vigo. Durante a estancia en prisión, Mondina colabora con Buhigas (tamén preso) organizando os falanxistas detidos. Logran manter contacto co exterior e obteñen imaxes fotográficas no interior do cárcere.
Buhigas noméao xefe do Servicio de Información, cargo que ocupará ata o 20 de xullo de 1936. Durante o ano 1935, como xefe deste servizo,
previno y reprimió contundentemente todos los intentos de la potente organización marxista encaminados a sabotear la llegada y venta pública del semanario “Arriba”, organizando al mismo tiempo el fichero de los más destacados elementos marxistas y controlando la mayoría de sus actividades.
Sae do cárcere o 11 de agosto; xa en liberdade sería detido varias veces pola venda de Arriba.
O 7 de febreiro de 1936 tivo lugar un suceso de gravidade na cidade de Vigo: un grupo de anarcosindicalistas asalta o local de Falanxe, no que estaban reunidos varios militantes. Prodúcese un tiroteo, que continúa nas rúas próximas. O resultado foron varios feridos e dous mortos. Os falecidos foron o obreiro de Barreras Robustiano1 Figueiras Villar e o falanxista Luis Collazo. Nos sucesos, Mondina tivo un papel destacado pois enfrontouse ao xefe do grupo asaltante, Luís Quintas, apoderándose da súa pistola. Cando acompañaba o camarada ferido Carlos Garabal
disparó contra el anarco-sindicalista Luís Figueiras Villar, cuando este se disponía a disparar sobre estos camaradas, causándole la muerte.
Así consta no expediente de recompensas aínda que nalgunha publicación aparece Luis Quintas como autor involuntario da morte do seu compañeiro. A policía detén a Mondina cando se atopaba no Cuarto de Socorro acompañando os seus camaradas feridos; ingresa no cárcere. Foi procesado, como presunto autor dun homicidio e de lesións, no sumario 37/1936 instruído polo xulgado de instrución número 1 da cidade. Puxérono en liberdade o día 10 pero volve ser detido pola Garda Civil ao día seguinte. Coa amnistía do 4 de marzo pasa a prisión atenuada no domicilio de seu pai.
Con motivo destes sucesos, o 10 de febreiro foi proposto para concederlle a Palma de Plata, en unión do xefe local Felipe Bárcenas de Castro, en expediente instruído polo xefe provincial e Conselleiro Nacional Buhigas. Chegan novas da concesión efectuada polo xefe nacional José Antonio Primo de Rivera. Esta concesión resulta un tanto enigmática pois o seu nome non aparece na relación oficial no Boletín del Movimiento (Bárcenas aparece) e tampouco figura nos actos encomendados a falanxistas coa Palma de Plata, como son as gardas de honra nas exequias do fundador. Tampouco o cita o xornal El Progreso (10-4-1942) na relación de Palmas concedidas por José Antonio.
Pola contra, son frecuentes as mencións da concesión a Mondina na prensa galega. O xornal falanxista El Pueblo Gallego (7-2-1937) publicou un “Cuadro de Honor” cos camaradas “que tuvieron la honra de defender el local de la Falange” no que aparecen: Luís Collazo Campos (falecido), Felipe Bárcenas de Castro e Luis Mondina Docet, os tres con Palma de Plata; Enrique Cameselle, Constantino Cea, Carlos Garabal (feridos), con Aspa vermella e branca; Ramón Arias, Antonio Alfonso, Sandalio Míguez, Arturo Domínguez, Melchor Herrero e Ramón Mondina, con Aspa branca.
O 20 de xullo de 1936 preséntase ás autoridades golpistas
Al iniciarse el Movimiento Nacional facilitó a las Autoridades Militares los necesarios antecedentes para la represión de los revolucionarios en la ciudad de Vigo y sus alrededores.
Como pode apreciarse, a información recollida polo servizo de información falanxista foi de moita utilidade á hora de confeccionar os listados das persoas que serían vítimas da represión; de feito, estas achegas eran o máis estimado polos militares da colaboración falanxista.
Pero a actuación de Mondina non se limitou a achegar información; organiza unha Bandeira de 1ª Liña e dúas de 2ª, que usan como cuartel o edificio incautado da Casa do Pobo viguesa. Á fronte das milicias falanxistas efectúa servizos de orde pública, gardas exteriores nos cárceres e campos de concentración e instrución militar dos afiliados. Debemos facer notar que este labor efectuouno estando ferido, xa que o 25 de xullo resultou con feridas de carácter menos grave ao ser agredido con armas de fogo “cuando efectuaba servicio de exploración de la columna de castigo que salió para liberar Tuy”. Nalgunha documentación aparece como lugar dos feitos Lavadores pero o propio Mondina, nunha entrevista, afirma que foi no Porriño.
A súa actuación nesas datas como xefe de milicias leva a que o xornal A Nosa Terra, en Bos Aires, inclúao nunha relación, encabezada por Víctor Lis, titulada “Asesinos”, nela figura “Jorge Mondina, borracho de Vigo”.
O 14 de setembro, na reorganización da JONS de Vigo, ocupa o cargo de xefe de milicias, posto que desempeña ata o 15 de decembro; nesta data incorpórase ao 6º Batallón de Infantería Mérida 35, que sae para a fronte de batalla. Pola súa actuación na guerra recibe a Medalla de la Campaña, dúas cruces vermellas do mérito militar e dúas cruces de guerra. Sufriu un expediente xudicial militar por contraer débedas (1546/37) no que lle impuxeron un correctivo.
A participación de Mondina en tarefas de información finalizada a guerra debeu ser relevante pois , en 1941,
Al ser disuelta la Brigada de Información de la Dirección General de Seguridad, fué felicitado por el Exmo señor Director General quien le hizo presente su satisfacción por los excelentes servicios que durante su permanencia en la misma ha prestado.
Ocupou diversos postos na estrutura do Movimiento: Subxefe Provincial do Movimiento en Ourense, Secretario Provincial do Movimiento en Pontevedra, Delegado Provincial das “Falanges del Mar” (1949), Delegado Provincial de Información e Investigación (1950), entre outros. “Camisa Vieja” e membro da “Vieja Guardia”.
Foto: Falanxistas detidos en Vigo.
1Nalgúns
lugares aparece como Luis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario