As condicións dos
establecementos penitenciarios durante os anos da guerra (1936-39) ou
na posguerra eran moi duras; á densidade de poboación reclusa había
que engadirlle as deficiencias alimentarias, o rigoroso trato, os
abusos, as condicións hixiénicas. Eran frecuentes as epidemias de
tifos, cólera, tuberculose e outras enfermidades así como a
abundancia de parasitos: piollos, sarna, pulgas, chinches...Todo o
anterior determinaba que moitos reclusos e reclusas falecían; así
como as mortes debidas a causas como as execucións e “paseos”
son contabilizadas como vítimas do franquismo, estas tamén deberían
sumarse aos cómputos do terror.
Unha destas mortes
foi a de José Rey Rodríguez, albanel, natural de Lérez onde nacera
o 4 de marzo de 1917, fillo de Nicanor e de Dolores; o seu oficio era
o de albanel e non lle coñecemos actividades políticas. A súa
detención foi por desertar do exército franquista onde fora
encadrado como soldado. Por este delito foi xulgado e condenado na
causa 423/38 polo xulgado militar eventual número catro de León;
estivo preso no campo de concentración de San Marcos (hoxe hostal
moi recoñecido do que moitos ignoran o tenebroso pasado). O catro de
de agosto de 1938 trasládano á prisión de partido de La Bañeza.
As condicións do cárcere eran deplorables; José Rey padece
tuberculose (non sabemos se xa estaba enfermo cando ingresou) e así
o certifica o médico da prisión, Manuel Fernández Acebal, o 1 de
novembro do “3º año triunfal”:
una adenitis tuberculosa supurante al cuello y región supra e infra clavicular con progresión a la axila, y por el peligro al contagio y el régimen especial que requiere, es necesario su traslado al Hospital Penitenciario de Segovia, especializado en la curación y tratamiento de estas dolencias
Pero as autoridades
non estaban polo labor de prestarlle maiores atencións a un desertor
preso e non será ata o 3 de xaneiro de 1939 cando, debido a unha
orde do gobernador civil de León, entregan a José á Guardia
Civil para trasladalo, non ao Hospital, senón á durísima
Prisión Central de Burgos na que debería extinguir condena. Nesta
prisión, no período entre 1936 e 1941, fusilan ó redor de 300
presos, cerca de 400 son vítimas de “paseos” tras sacas do
cárcere e 359 morren por enfermidade.
Unha destas mortes
por enfermidade foi a do albanel lerezán, que faleceu no mes de maio
de 1939. Case un ano despois da morte, en marzo de 1940, instrúenlle
expediente de responsabilidades políticas, que será fallado en
xaneiro de 1941 coa imposición dunha sanción de cen pesetas.
Neste mes de maio
de confinamento lembremos a José Rey Rodríguez falecido aos 21 anos
moi lonxe da súa terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario