Un dos grupos máis perseguidos polas autoridades do novo réxime
franquista foi o das mestras e mestres; sobre o proceso depurador
exercido contra eles xa escribimos unha entrada fai tempo. Hoxe
trataremos sobre algunhas das condicións que debían reunir os
informes que todo mestre ou mestra debía presentar para poder ser
admitido na docencia ou para superar os trámites da depuración.
En novembro de 1937, o xefe accidental da sección administrativa de
primeiro ensino de Pontevedra lembra o feito de que moitos dos
solicitantes para figurar nas listas de interinos non presentaran
“documentos justificativos de su solvencia religioso-moral,
patriótica y política”, polo que non podían ser admitidos.
Tampouco eran aceptados aqueles documentos estendidos coas fórmulas
“informo” ou “digo yo”, xa que se requiría que a persoa que
os expedía afirmase terminantemente “certifico”.
Algúns mestres recorrían a presentar certificados limitados a
algún período de tempo ou referidos á estancia en determinadas
localidades nas que as circunstancias eran máis propicias a obter
informes favorables; esta escapatoria non se zafaba das disposicións
controladoras, que establecían que tales certificacións debían
abranguer toda a vida pública do informado. Tampouco servían se só
contemplaban algún aspecto da súa actuación, pois debían
referirse a “la conducta religioso-moral, a los sentimientos
patrióticos y sobre todo a su adhesión al Movimiento Salvador de
España que ha de expresarse clara y concretamente y no en términos
ambiguos inaceptables.”
En canto aos informantes, tamén debían reunir estritas condicións:
desempeñar cargos políticos ou sociais dos “Poderes
constituídos”, con solvencia ou que “por lo menos sean conocidos
de los señores de la Comisión, que no pueden aceptarlos de personas
que no les ofrezcan completa garantía.”
As tácticas seguidas polos mestres para sortear as posibles notas
desfavorables do seu pasado estaban bastante estendidas, pois as
instrucións citadas acompañaban unha relación de sesenta mestres
pontevedreses que incumprían algunha das condicións e que, polo
tanto, debían presentar máis certificados. Non era momento de
actitudes tépedas sobre o réxime, mestres como J. Bautista M.
Lemiña, a quen facía un mes o gobernador militar dera orde de
levantarlle a suspensión, facía méritos e escribía na portada de
El Noticiero Gallego, dentro dunha serie dirixida aos nenos das
escolas, cousas como estas:
España dió hombres de todos los matices: Mártires, héroes, santos, cristianos, judíos y perversos; pero procuró producir en incalculable cantidad superiormente proporcional, más mártires, héroes, santos y cristianos, que judíos y perversos.
Na nómina dos mártires apuntaba a Calvo Sotelo, Goded, Moscardó
(fillo), José Antonio, Sanjurjo..., entre os heroes a Franco, Queipo
de Llano, Mola e como santos a Sant-Yago [español de adopción,
suponse] e san Ignacio de Loyola.
Pero también dió, aunque en nimia cantidad, judíos como un Osorio Gallardo, un Asúa, un Negrín, un Prieto, etc; y perversos o asesinos, como un Casares Quiroga, un Largo Caballero, un González Peña y un Azaña ( este, además mónstruo).
Os informes dos curas, preceptivos no expediente depurador, tomábanse
moi en conta. Hóuboos que emitiron informes favorables sobre os seus
parroquianos, obviando a súa militancia esquerdista ou a
inobservancia relixiosa; noutros casos desculpan a súa actitude ou
silencian os aspectos máis comprometedores. Non faltaron tampouco os
que emitiron informes durísimos esaxerando os aspectos máis
negativos.
Proba de que a emisión de informes favorables era significativa é o
feito de que o arcebispo de Compostela, entusiasta do novo réxime,
prohibía ao clero informar avalando a relixiosidade dos afiliados a
sociedades marxistas e mandaba que os informes debían certificar en
conciencia “sin miramiento alguno, sin atender a consideraciones
humanas de ninguna clase.” Aínda así, parte do clero seguiu
avalando os seus veciños pois, no mes de novembro, insiste en que
os curas non recomenden ou emitan informes que non lles pediran as
autoridades ou dándoos con parcialidade.
Tomás Muniz de Pablos, que aparece en numerosas ocasións saudando
ao estilo fascista, adiantouse na cualificación do golpe militar
como cruzada:
la Cruzada que se ha levantado contra ellos es, patriótica si, muy patriótica, pero fundamentalmente una Cruzada religiosa, del mismo tipo que las Cruzadas de la Edad Media, pues ahora como entonces se lucha por la fe de Cristo y por la libertad de los pueblos. ¡Dios lo quiere! ¡Santiago y cierra España!
O 30 de agosto de 1936 sacou en procesión a urna coas cinzas do
apóstolo para acadar do ceo
por intercesión de Santiago, el triunfo de los ejércitos nacionales que acometieron la empresa de reconquistar la Patria, esclavizada y envuelta en arroyos de sangre de hermanos por las maquinaciones de la masonería, del marxismo y del judaísmo.
A Junta de Defensa Nacional accedeu á petición da
Archicofradía del Glorioso Apóstol Santiago de conceder honores
militares ás cinzas do patrón de España; a urna procesionou
envolta na bandeira e adornada cos atributos de capitán xeral:
faixa, sable e bastón de mando. Acompañaban ao arcebispo os bispos
de Lugo e Mondoñedo.
Foto: Muniz de Pablos e outros prelados diante da catedral e saudando ao estilo fascista.
No hay comentarios:
Publicar un comentario