A chegada de novas da revolta en
Asturias axita aínda máis a dereitas e esquerdas. Convócase folga
xeral revolucionaria a través de follas de propaganda e consignas. O
día 6, de madrugada, mediante un bando do xeneral da Octava
División, proclámase o estado de guerra e transfire a
responsabilidade da orde pública do ministerio de Gobernación ao de
Guerra.
Para decapitar o movemento detense aos líderes obreiros
máis destacados. Suspéndese a publicación de xornais. A policía
vixiaba dende facía días a saída de certos xornais, entre eles o
vespertino El País que o denuncia nun breve. O mesmo día 5 daba
conta dunha nota da Comisaría de Investigación y Vigilancia:
...por haberse establecido la censura previa para la prensa [...] deberá abstenerse de la publicación de cualquier trabajo en sus artículos y sueltos que por su crítica sean atentatorios al principio de autoridad.
A censura efectuábaa persoalmente o
gobernador e o xornal critica duramente este feito. Entre os
numerosos rexistros efectuados pola Guardia Civil, na tarde
practícase un no domicilio e no despacho de Maximiliano Pérez
Prego, director do xornal. Coa declaración do estado de guerra as
rúas son ocupadas polo exército e forzas de seguridade.
O domingo, día sete, destitúese á
corporación municipal logo dunha entrevista entre o gobernador
civil, señor Fernández Gómez, e o comandante militar. Noméase
unha comisión xestora coa seguinte composición: D. Manuel Casqueiro
polo Colexio de Avogados, D. Sinforiano Melero pola Cámara de
Propietarios, D. Eulogio Sánchez do Círculo Mercantil, D. Modesto
Lorenzo pola Patronal, D. Ramón Segura de la Garmilla polos centros
do ensino, D. Luis Sobrino do Colexio Médico e D. Agustín Sánchez
pola Asociación de Inquilinos. O alcalde cesado era D. Bibiano Fernández-Ossorio Tafall, que fixo entrega das chaves acompañado do
primeiro tenente de alcalde D. Arturo Rey. Ao entregar o mando dixo
que el chegara ao cargo cando nacía a república e agora que morría,
entregábao. O gobernador pediu que constasen en acta estas palabras.
A continuación elixiron como alcalde ao señor Segura de la
Garmilla.
Os dirixentes da Deputación tamén foron destituídos
facéndose cargo da mesma unha comisión xestora que levou a cabo
unha depuración de funcionarios:
Por el señor presidente se propuso que, una vez implantado el estado de guerra, se declaren caducadas las licencias de los funcionarios y que en el plazo de 48 horas se presenten al secretario los que las disfruten [...] se manifiesta que recibe indicaciones constantes del exmo gobernador al que llegan en todo momento ofertas de los funcionarios del estado, provincia y municipios, de leal colaboración y como las omisiones advertidas son ostensibles y no tienen la confianza de esta corporación...
A continuación nomea a varios funcionarios que
quedan cesantes e outro suspenso de emprego e soldo.
Nos arredores, segundo Bernardo Máiz
(Galicia na 2ª república e baixo o franquismo. Vigo: Xerais, 1988),
a folga foi total ata o día 12 en Caldas, en Marín houbo tiroteos o
día 10, en Cangas do Morrazo as forzas da esquerda proclamaron a
“comuna popular” e asaltaron o Casino, sostendo un tiroteo coa
Guardia de Asalto procedente de Vigo e que dou lugar a 12 feridos de
bala.
Posteriormente, o concello de
Pontevedra, para cumprimentar un escrito do gobernador militar, fai
saber a todo o persoal municipal que ten a obriga, nun prazo de 48
horas, de darse de baixa en calquera centro, partido, agrupación ou
sociedade que revista carácter político e a toda organización de
carácter sindical ou societario, teña ou non carácter político.
Destitúen a Tafall como director do
instituto e nomean para substituílo a Enrique Míguez Tapia
(17-10-34). Alexandre Bóveda é trasladado a Cádiz como xefe de
contabilidade de Facenda “con la arcaica fórmula hoy resucitada,
que contiene como fría y escueta justificación las necesidades del
servicio.” (El País, 26-10-34). En novembro, Castelao é destinado
á xefatura de estatística de Badaxoz. De nada lle valeu figurar
como donante de 18,3 pesetas para a homenaxe ao exército pola súa
actuación en Asturias. El País (19-11-34) manifesta:
La civilidad pontevedresa les hizo objeto ayer tarde en la estación, Castelao y Bóveda con el pie en el estribo del convoy, de un cálido y fervoroso homenaje de simpatía y afecto, cuyo valor y significación se acrecientan, al considerar la espontaneidad del mismo [...] Que retornen pronto a Pontevedra es nuestro deseo.
Os deputados radicais afirman que
fixeron xestións para deixar sen efecto a sanción a Bóveda e
Castelao pero estes non aceptaran desvirtuar as súas manifestacións
de hostilidade ao goberno.
O día 10 de outubro deteñen en
Mourente a Manuel Amoedo e a Constante Tomé ocupándoselles armas
cortas. Na madrugada dese día tivo lugar un tiroteo entre forzas do
exército que prestaban servizo na Ferrería e un grupo de individuos
que non puideron ser detidos. Tamén houbo varios apedramentos e unha
muller foi apaleada.
Ao día seguinte reanúdase a
publicación de xornais e a portada de El País aparece con numerosos
manchóns negros causados pola censura. A sensación que se quere
transmitir é a dunha progresiva volta á normalidade. Afírmase que
entraron ao traballo gran cantidade de obreiros dos distintos gremios
e que funcionaban os tranvías pero non parece ser moi normal a
situación nese sector cando, ao día seguinte, dáse conta dunha
reunión do gobernador coa xunta da empresa para que readmita o maior
número de obreiros. En Pontemuíños, desde o monte, efectúanse
disparos sobre un tranvía e tamén sobre a garda do transformador de
Mollabao así como pedradas que feriron a un soldado.
Deteñen aos concelleiros Manuel
Sanmartín e José Gallego, ao capitán retirado Delmiro Sarmiento,
directivo da agrupación socialista e ao presidente da Comarcal
Agraria Víctor Moldes. Clausúrase a Casa do Pobo e suspéndense as
licencias para armas de caza.
El País do día doce presenta un
aspecto anormal na portada, cunha gran cantidade de anuncios
publicitarios. Afirma que pode considerarse acabado o movemento
folguista na capital e que a case totalidade de traballadores volveu
ao traballo:
...algunos gremios no lo hicieron por no admitir los patronos a todos los empleados. Entre estos, uno de los principales son los camareros de bares y cafés. No obstante, la tranquilidad en esta capital es absoluta.
Non parece ser tan absoluta dita
tranquilidade se ollamos, unha vez máis, a sección de sucesos, alí
dáse conta de que, no Dispensario da Cruz Vermella, foi asistida a
veciña de Salcedo Dolores Acuña, con feridas que dixo llas
produciran uns descoñecidos ao apedrala cando viña a Pontevedra a
vender leite. Hai que significar que a folga de abastecementos á
capital implicaba non permitir a entrada de leite, leña, verduras,
etc. Non é aventurado supoñer que, en maior ou menor grao, aínda
había incidencias nesta fronte.
Continúa a represión contra os
elementos obreiros e son sometidos a sumario, por repartir follas de
carácter subversivo, Francisco López Crespo, Ramón Magariños
Duro, Ángel Folgar Bermúdez, José Gómez, Miguel Briones Barca,
Antonio Blanco Solla, Cristóbal Peñín Alonso e Jesús Canda
Crespo; por coaccionar e impedir o abastecemento: José Mojico (de
Lérez), Rogelio González (de Salcedo) e Felipe Pérez Moreira (de
Poio); a Manuel Martínez Vázquez (de Mourente) por excitar aos
conveciños á folga; Celestino Garrido Viéitez e José Gil Sueiro,
de Marín, por posesión de explosivos. A todos se lles tramitaron
xuízos sumarísimos.
Pepe,
ResponderEliminarOs que mencionas de Marín, para ampliar dados, Francisco López Crespo, Ramón Magariños Duro, Ángel Folgar Bermúdez, José Gómez, Miguel Briones Barca, Antonio Blanco Solla, Cristóbal Peñín Alonso e Jesús Canda Crespo son todos persoas vencelladas á UXT, ao PSOE e á Federación Obreira de Marín. Todos eles foron brutalmente perseguidos en 1936, Peñín e Blanco Solla fusilados, Folgar, Briones, López Crespo e Magariños en prisión. De Jesús Canda non teño información e José Goméz Martí non se sabe se poido ser paseado, nunca máis se soubo del.