Fai
anos falamos neste blog da loxia masónica que se reunía nun local
do barrio pontevedrés do Burgo. Logo do golpe militar, na década
dos corenta, algúns dos asistentes a esas reunións foron
encausados por sospeitosos de afiliación masónica e tamén
escribimos aquí sobre as súas desventuras. Entre os asistentes ás
reunións atopamos personaxes tan coñecidas como o boticario Joaquín
Maquieira, o médico Amancio Caamaño, o ex-alcalde Andrés Corbal, o
concelleiro Arturo Rey, o procurador Maximiliano Pérez Prego e os
avogados Isidoro Millán, Joaquín Poza Juncal, José Echeverría e
Avelino Silva Güimil, entre outros.
O
último dos citados, Avelino Silva, solteiro, natural de Meis e
veciño de Pontevedra; estivo afiliado ao Partido Republicano e
asistiu á xuntanza de Lestrove en 1935 representando ao Partido
Republicano Federal; no 1931 participou na fundación do Partido
Radical do que foi o primeiro presidente en Pontevedra e, no 34,
solicita a alta en Unión Republicana. Entre as súas amistades
atopamos personalidades pertencentes á masonería como Gonzalo
Martín March (gobernador civil de Ourense en tempos da República),
Manuel Guillán Abalo, Amancio Caamaño e Gerardo Abad Conde, de quen
afirma que foi o lles insinuou ao grupo de persoas antes citado a
creación dunha loxia.
Avelino
Silva foi procesado por masón a pesar de negar esta pertenza.
Non
foi fácil a localización da casa do Burgo na que se reunían “con
objeto de leer las Hojas Libres y hablar de política”, como afirma
Silva ao ser interrogado en 1937; logo de localizar nova
documentación sobre a masonería na nosa capital, xa se pode afirmar
con total seguridade que a loxia estaba radicada na casa, propiedade
de Avelino Silva, na que (ironías do destino) estivo situado moitos
anos o cuartel da Garda de Asalto e , despois, da Policía Armada.
Esta
casa apareceu ultimamente nos medios de comunicación debido a que é
unha das expropiadas na reforma do campo de Pasarón e que será
derrubada proximamente. Pérdese así un edificio histórico máis da
nosa Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario