Ás catro da tarde do 19 de agosto de
1936, forzas da Guardia Civil mandadas polo coñecido tenente
Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, chegaban ás “casas
baratas” de san Roque (Vigo). O motivo era rexistrar o domicilio e
horta do concelleiro socialista José Caldas Iglesias por “tener
sospechas de que se ocultasen armas o documentación relacionadas con
el actual movimiento”.
No domicilio incautan libros e
documentación variada da que xulgamos interesante dar conta polo
miúdo; libros: “El esperanto”, “Crimen de Salvatierra”, “La
Guerra Carlista”, “Abajo las Guerras” [ Abajo las armas?],
“Política Española”, e 19 novelas de distintos autores; 5
“Cuadernos Socialistas”; folletos: “Historia de la
Internacional”, “Nuevas formas del capitalismo”; un caderno coa
memoria da Federación de Traballadores de Vigo; 4 talonarios do
homenaxe a Pablo Iglesias, 56 exemplares do xornal “Solidaridad
Obrera” [Solidaridad ?], unha tarxeta de “Guerra a la Guerra”, unha carta do
dirixente obreiro Botana e varios oficios do concello.
Nunha caixa enterrada na horta atopan
os seguintes efectos: 2 pistolas antigas sen munición, un puñal,
unha conta pola comida no cárcere de varios detidos en outubro de
1934 por un importe de 1484,40 pesetas, unha carta dun mestre de
Ourense marxista, o libro “El arte de la insurrección”, unha
folla con textos contra a pena de morte, unha carta do
“revolucionario I. Seoane” á Juventud Republicana, varias cartas
de camaradas e convocatorias de reunións das que salientamos unha
sobre o Bloque Popular asinada por Seoane e Bilbatúa e outra do
sindicato de tranviarios dirixida aos obreiros e campesiños; tamén
se atoparon regulamentos de sociedades e listados de afiliados a
organizacións obreiras, estes listados serán utilizados na
persecución de dirixentes obreiros como se pode comprobar nas
anotacións feitas nos mesmos con posterioridade. Todo este material
estaba envolvido por un xornal con data do 17 de xullo de 1936.
Ademais, “por debajo de la caja un puñal con mango en forma de
cruz con la hoja sinuosa”.
Todo o anterior aparece asinado polos
gardas e polo propio José Caldas nun “Atestado por detención de
un presunto sedicioso y ocupación de libros y documentos, en su casa
y una huerta” que forma parte da causa 714/36. (AIMN).
En declaracións de Pilar Alonso,
muller do dirixente socialista José Araujo, veciño de Caldas,
asegúrase que foi ela a que mandou enterrar estes efectos na horta
de Caldas “por tener a su marido en la prisión del partido y para
evitarle los compromisos que pudieran alcanzarle o
responsabilidades”; esta declaración é confirmada por unha
criada.
José Caldas Iglesias, mestre de
taller na Escuela del Trabajo, recoñece como seus algúns dos libros
relacionados anteriormente, entre eles “San Manuel Bueno, mártir”,
“Abajo las armas” e “La araña negra” pero afirma descoñecer
a existencia dos efectos enterrados na horta.
O 20 de abril de 1937 celébrase en
Vigo un consello de guerra contra José Caldas e Antonio Carballo
Vázquez, este último tamén concelleiro (Izquierda Republicana) e masón; actúa como
defensor o capitán de infantería Fabián de Caso. Nun resultando
da sentencia afírmase que se reuniran o 20 de xullo con
personas destacadas del extremismo en el Ayuntamiento con objeto de dirigir desde allí por medio de agentes de enlace que constantemente entraban y salían en el despacho del Alcalde, donde la reunión tenía lugar, a las turbas que en la calle se enfrentaban a la fuerza pública.
Decláranos responsables, en concepto de autoría, dun
delito de rebelión militar coa agravante de perversidade e
transcendencia da súa actuación polo que son condenados a morte.
Foron executados o 12 de maio de 1937 no castelo do Castro.
Moi bo, coma sempre.
ResponderEliminar