Ás doce e media da noite do 27 de
agosto de 1936, unha parella de axentes da Guardia Civil entregan no
depósito de cadáveres do cemiterio de san Amaro o corpo dun home de
estatura regular, pelo negro, con una gran calva en la parte superior de la cabeza, nariz aguileña y vistiendo chaqueta gris, pantalón castaño mezclilla, gorra gris, zapatos negros, calcetines negros y una camisa blanca rayada. Registradas sus ropas no le fué hallado objeto alguno.
Ao día seguinte, 28 de agosto, dous
gardas cívicos, veciños de Mourente, recoñecen o cadáver como o
de José Pintos Quinteiro, taxista, natural de san Xurxo de Sacos e
residente en Pontevedra.
Dous oficiais médicos do exército
efectúan a autopsia consignando que presenta
una herida por arma de fuego con orificio de entrada por la región occipital, y salida por la región malar izquierda; otra herida con orificio de entrada en la región inguinal crural izquierda, sin salida. Abierta la cavidad craneana pudieron comprobar que la herida de la cabeza atravesaba bulbo raquídeo y base cerebral, siendo mortal de necesidad... (AIMN)
Como consecuencia dos feitos, a
autoridade militar abre dilixencias previas para determinar as causas
da morte. O xuíz instrutor non se esforza moito nas pescudas e, ao
día seguinte (29-8-36), considera que non foi posible determinar a
causa da morte pero “resultando, desde luego, la comisión de un
delito, sin que existan motivos para acusar de el a persona alguna”,
procede a elevar as dilixencias a causa (770/36) e sobreser
provisionalmente a mesma.
O auditor militar da VIII División, de
xeito inusual, devolve a causa ao instrutor para que acredite, se
fora posible, a forza da Guardia Civil que recolleu o cadáver e
reciba declaración sobre o lugar e ocasión en que o efectuaron e
demais datos que puideran esclarecer os feitos. Declara nulo e sen
valor o auto do instrutor.
A devolución da causa vainos permitir
coñecer máis datos sobre a morte de Pintos, morte rodeada dunha
certa lenda pois foi rumor público na capital que fora “paseado”
pero que lograra fuxir con vida e ata lle puxeron o alcume de “O
resucitado”. Estivo (está?) tan estendida esta versión que
induciu a erro a algúns historiadores e varias publicacións dana
como certa.
O 15 de setembro, o comandante Velarde,
xefe da Guardia Civil pontevedresa, envía un oficio ao instrutor
dando conta de que, con data 26 de agosto (ollo á data!), xa
notificaran á Delegación de Orden Público, que, ás 24 horas dese
día, unha parella de gardas civís conduciran a Pintos desde san
Xurxo de Sacos, onde o detiveran, a Pontevedra e
al pasar por la carretera de la Eiriña intentó evadirse el citado detenido dando un golpe al Guardia Antonio González que fué a dar contra la pared rompiéndose el fusil por la caña, por lo que se vió precisada la pareja a hacer fuego sobre dicho individuo el cual cayó al suelo, siendo recogido por dicha pareja con objeto de auxiliarle, pero al verle muerto le condujo al cementerio de esta Capital donde fué depositado. (AIMN)
Aproveita Velarde para significar que
Pintos era un socialista exaltado, vocal da Casa del Pueblo e membro
do comité directivo do Frente Popular, distinguíndose por
coaccionar aos seus compañeiros choferes e adicándose, en xullo do36, a transportar armas e explosivos, tomar parte no asalto a un
polvorín, desaparecendo “y no pudo ser detenido por haberse dado a
la fuga después de haberse paseado insolentemente y con frecuencia
delante de esta Casa-cuartel”
No atestado instruído en san Xurxo
consta que foi detido ás 21 horas do día 26, no seu domicilio, por
dous gardas civís e un “cívico” da localidade. Os gardas
afirman que a condución foi o día 26, ou sexa o día da detención,
pero a entrega no depósito está rexistrada pasadas ás 24 horas do
27. Hai, polo tanto, 24 horas de desfase que poden ser debidas a un
improbable e reiterado erro na data do atestado ou a que a morte
sucedera noutras circunstancias, como puidera ser logo dun día de
detención no cuartel do Campo da Feira; a presencia de dous
coñecidos “cívicos” como testemuñas na identificación do
cadáver e a traxectoria do disparo que lle causou a morte, aumenta
as sospeitas.
Nesta ocasión, o auditor opina que non
existe materia delictiva, pois Pintos – dirixente do Frente
Popular, socialista exaltado e perigoso, segundo as autoridades-
ofendera de obra a un dos gardas rompéndolle o fusil e tentara
fuxir; considera que a parella obrou sen extralimitación ningunha,
cumprindo estritamente co seu deber.
José Pintos Quinteiro era un dos
principais dirixentes do PSOE pontevedrés e fora elixido
vicepresidente da agrupación socialista en xuño do 36. Non sabemos
as razóns dalgún autor para atribuírlle erroneamente a militancia
comunista. Tivo unha participación destacada no comité para a
defensa da República organizado no goberno civil para facer fronte á
inminente sublevación militar e, xunto con outros compañeiros como
Manolo Amoedo, Valeriano Riobó, os irmáns Martínez Vázquez, e
outros, tomou parte nas requisas de autos e armas ordenadas pola
autoridade.
Logo da saída á rúa dos militares,
atopou refuxio no barrio da Moureira, nunha casa na rúa de Xan
Guillerme propiedade de Benito Lago Currás, tratante de animais,
máis coñecido por Benito do Borrón ou Benito o Maricón; nesta
casa tamén residía e exercía a prostitución Mercedes Torres
Sánchez, de 25 anos. A policía rexistrou esta casa en varias
ocasións sen resultado e o 25 de agosto, ás catro da tarde, Pintos
escapa cara san Xurxo nun taxi propiedade do veciño de O Marco
Andrés Vázquez. Un veciño declara á policía que o veu saír da
casa de Benito Lago vestido cun mono azul, unha gorra vasca e un
brazalete de Falange, facéndolle sinais para que gardara o secreto
de que o vira. Benito Lago fora quen lle proporcionara a roupa e
contratara o taxi.
En Xeve descendeu do taxi e esperou a
que anoitecera para ir á súa casa.
Non quero deixar de contar unha
circunstancia curiosa referida a Mercedes Torres: Mercedes era a
mesma persoa que dicía chamarse Josefa Alonso González “La Fina”,
implicada nos feitos que deran lugar ao asasinato de Secundino Esperón e que foron relatados neste blog.
No hay comentarios:
Publicar un comentario