Neste ano de 2014 cúmprense setenta e
oito anos do fusilamento de dez persoas que ocuparon postos
relevantes na política pontevedresa, na etapa anterior ao golpe de
estado de 1936. Os seus nomes eran: Juan Rico González, de 42 anos,
capitán da garda de asalto; José Adrio Barreiro, 26 anos, avogado e
xestor provincial; os mestres Germán Adrio Mañá, de 48 anos ,
Paulo Novas Souto, de 36 e Benigno Rey Pavón, 27 anos; os médicos
Amancio Caamaño Cimadevila, 42 anos, Telmo Bernárdez Santomé, 51
anos e Luis Poza Pastrana, 27 anos; o impresor e xestor provincial
Ramiro Paz Carbajal, 45 anos, e o secretario do partido galeguista
Víctor Casas Rey, de 36 anos. Todos eles foron acusados dun delito
de traizón á patria.
A pesares de que, xunto co caso de
Bóveda, trátase do xuízo que tivo máis repercusión na cidade e
do que se teñen escrito varias publicacións, non está de máis
facer unha breve lembranza do sucedido.
A causa que lles foi instruída leva o
número 660/36. Como en todas elas, os informes emitidos polas forzas
de seguridade e os testemuños de determinados axentes son
determinantes nos alegatos do fiscal e na condena. As manifestacións
das testemuñas, por moi relevantes que foran por ser de persoas ou
institucións afectas á nova situación, como foi o caso, non valían
de nada. A celebración do xuízo acostumaba a ser unha posta en
escena do que xa estaba determinado de antemán. Así sucedeu na
vista celebrada os días 30 e 31 de outubro de 1936 no pazo da
Deputación pontevedresa. O fiscal Manuel María Puga Ramón
renunciou ao interrogatorio de testemuñas; o seu informe remata
manifestando que, no plano particular, non ten nada que alegar
respecto aos procesados, pero si no político, pois estes homes
son como los de Asturias, los de Madrid, los de Valencia, los de Cataluña, que matan a nuestros hermanos y quieren impedir que el Ejército unido al pueblo salve a España. (Diario de Pontevedra, 31-10-36)
A liña de defensa dos comandantes
López de Roda e Sanmartín centrouse en adxudicar aos procesados un
papel secundario, pois acudiran ao goberno civil para informarse da
situación; no caso do capitán Rico, logo de renderse o gobernador,
incluso participou, xunto cos sublevados, na toma do concello.
Pero, como xa dixemos, as acusacións
presentes nos informes policiais caracterízanse pola súa
virulencia, destacando neste senso as asinadas polo comandante
Joaquín Velarde da Guardia Civil. A modo de exemplo recollemos
algunhas:
Contra Juan Rico, tal como se alegou
por parte do acusado, apréciase unha especial animosidade,
corroborada polo trato infamante que lle dispensou durante o tempo en
que estivo detido no cuartel da Guardia Civil pontevedresa. Di o
informe:
De ideas avanzadas como vino demostrando frecuentemente en todos sus actos. Se acompañaba constantemente del Doctor Caamaño, reuniéndose con todos los directivos de la extrema izquierda [...] En la resistencia que los elementos extremistas proyectaban contra el Ejército en Julio último en Pontevedra tomó parte activísima, llegando incluso a repartir a los comunistas las pistolas de los guardias de asalto que el mandaba.
Sobre Amancio Caamaño, persoa
moderada, que abandonara Izquierda Republicana por non estar conforme
coa participación na Fronte Popular, un informe datado o 15-9-36,
acúsao, entre outras cousas, de perseguir a persoas de dereitas e ás
monxas do Hospital do que fora director, de darlle “un matiz de
carácter marxista” á Sociedade de Artesáns da que foi
presidente, de intervir en mitins de propaganda esquerdista e de ser
masón. A acusación de masón era certa pois foi membro destacado da
loxa pontevedresa Helenes 7.
De Ramiro Paz afírmase:
Comunista. Editor del periódico semanal de la misma ideología titulado La Hora, propagandista peligroso [...] Su conducta política mala.
A
mentira sobre as súas ideas políticas está á vista pois Ramiro
era un destacado dirixente socialista e La Hora tamén seguía esa
liña, por moito que aínda agora algunhas publicacións a
cualifiquen de comunista. De nada valeu tampouco o eloxioso informe
sobre a súa conduta asinado pola superiora das monxas do Hospital, o
administrador e médicos, no que destacaba a sinatura do
administrador Bernardino Fondevila ou o médico Enrique Marescot, moi
alonxados ideoloxicamente do impresor socialista.
Outro dos acusados, Paulo Novas, é
cualificado por Velarde de “ azañista furibundo y persona muy
influyente durante el tiempo que imperó el Frente Popular.” De
nada valeron informes como o do que fora cura de San Adrián, Juan
Salgueiro, do que non me resisto a deixar de copiar algúns
parágrafos moi significativos:
Con toda verdad certifico que su conducta como maestro en la referida escuela fue intachable [...] y enseñando con celo el catecismo de la Doctrina Cristiana. Era defensor de la propiedad, religión, familia cristiana, mostrándose enemigo del judaísmo, marxismo y masonería, siendo defensor entusiasta de España, sin resabios separatistas.
De Víctor Casas, director de “A
Nosa Terra”, aparte das súas tendencias separatistas e de
participar na campaña pro-estatuto, tamén o acusan de influír
sobre as “juventudes extremistas” e de ser un perigoso extremista
dentro do marxismo local. Ao mestre Benigno Rey considérano
participante en reunións clandestinas con elementos masónicos,
espiritistas e políticos de extrema esquerda.
Evitamos amosar máis informes pois a
anterior é unha mostra suficiente do cariz dos mesmos.
O tribunal estivo presidido polo
coronel Víctor Landesa Domenech, o defensor de Rico, Bernárdez,
Caamaño, José Adrio e Germán Adrio foi o comandante de infantería
Manuel López de Roda e o resto foron defendidos polo tamén
comandante Francisco Sanmartín Carreño. A sentencia condénaos a
morte e aprecia
circunstancias agravantes de la perversidad de los procesados demostrada en sus pésimos antecedentes como revolucionarios y de la transcendencia de los hechos que realizaron que fueron causa de que hubiese muertos y heridos en Pontevedra y que pudo ocasionar el fracaso de las tropas en dicha ciudad.
Os reos entraron en capela na escola
Normal ás catro da mañá do 12 de novembro; celebrouse unha misa á
que acudiron Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Juan Rico e Germán
Adrio “comulgando los cuatro con gran fervor.” O relato do Diario
de Pontevedra especifica “ en el campo de la ejecución, excepto
uno, todos besaron el crucifijo que les fué ofrecido por el
mercedario P. Raimundo, los franciscanos P. Luis y Fray Guillermo y
el Vicario de Santa Clara Sr Torres.” Foron acompañados polos
defensores, o xuíz e o rexistrador da propiedade señor Ríos
Mosquera. No alto da Caeira, foi fusilado en primeiro lugar o capitán
Rico que foi degradado e despoxado das súas insignias e
condecoracións así como do sable, do que se fixo ademán de rompelo
e tirado ao chan, soando as palabras regulamentarias de “la ley le
degrada por haberse el degradado a si mismo”; os executores foron
gardas de asalto e certificouse a morte como colapso cardíaco. Unha
testemuña presencial relatoume fai anos as palabras da súa dona
cando lle entregaron o cadáver: “ Juan Rico, que naciste entre
sábanas de seda y te entierran entre unas tablas de madera.”
A continuación, unha sección de
artilleiros mandada polo tenente José Varela de la Cerda, fusila aos
demais condenados que, segundo as certificacións, morren por
hemorraxia interna.
Como todos os doce de novembro,
témolos no noso recordo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario