Para Queta Molas e compañeiros e compañeiras da asociación para a recuperación da memoria histórica de Marín, polo seu traballo exemplar e compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación.
Na entrada anterior falamos de Atilano
Godoy e dos feitos que o levaron a estar preso e ser fusilado no
forte de san Cristóbal. Nos rexistros efectuados o 20 de xullo en
Marín, nos que foi acusado de participar, estivo acompañado por
numerosos militantes da Fronte Popular, que tamén foron xulgados con
el na causa 1286/36. Entre eles estaban catro mulleres ás que se
lles abriu sumario; elas van ser as protagonistas desta páxina.
O seu calvario comeza a principios de
agosto de 1936 cando o delegado gobernativo en Marín, José
Alcántara Fernández, acompañado de varios gardas cívicos, de
madrugada, presenta no cuartel da Guardia Civil a
cuatro individuas una de ellas Presidenta de la Confederación de trabajadoras, las cuales se dedicaban acuacionar (sic) a las mugeres (sic) y otras se dedicaron el día veinte por la tarde en unión de varios jóvenes a efectuar registros domiciliarios. (Causa 1286/36. AMN)
Entre os
domicilios rexistrados falábase do do propio Alcántara, de Maestú
e do de Ezequiel Massoni.
A Guardia Civil comeza os
interrogatorios.
Dolores Santiago Troitiño, de 32 anos, solteira,
veciña de Cantodarea, era presidenta da sociedade de chaboleiras e
empacadoras e nega as acusacións que se lle fan.
Antonia [Ramona] Otero Martínez, 28
anos, Cantodarea, recoñece que, logo de estar no concello xunto con
multitude de xente, foi requirida por unha comisión de persoas para
acompañar nos rexistros de casas, cousa que fixo, sen entrar dentro
dos domicilios, ata a saída dos militares, momento que aproveitou
para fuxir cara á casa.
A irmá da anterior, Adelina, 23 anos,
manifesta que estivera na zona do concello, que se deron á fuga ao
saír as tropas e que, de camiño, viron como se rexistraba a casa de
Eusebio Santiago. Recoñece que o primeiro de maio, foi á xira
campestre en unión da súa irmá e os comunistas “formados y
uniformados como igualmente la declarante y su hermana.”
Estas irmás eran coñecidas polo
alcume de “As Casqueiras” que na causa converten en “Las
Canasteras” e Antonia parece ser que se chamaba Ramona aínda que
nas declaracións asina como Antonia.
Asunción Vilas López, 23 anos,
solteira, domiciliada en As Pedreiras (Lourizán), coincide no
relatado polas anteriores e proporciona máis detalles sobre os actos
do primeiro de maio aos que asistiu
en unión de los comunistas y milicias socialistas que fueron formados a la jira (sic) campestre que tuvo lugar al punto conocido por la Raña, al frente de estos en primera fila iba la declarante con la Avelina (sic) y Antonia [Ramona], vestidas algunas contrage (sic) rojo pero la que dice lo llevaba azul. (Causa 1286/36. AMN)
Ezequiel Massoni declara que lle
rexistraran a casa logo de ameazalo cunha pistola e que só coñecía
dos participantes a unhas irmás coñecidas por Las Canasteras. Outra
testemuña acusa a Antonia [Ramona] e Asunción de entrar nas casas,
rexistrar habitacións e mobles así como de cachear ás mulleres.
O informe do concello atribúelles mala
conduta e profesar ideas políticas de extrema esquerda.
O instrutor non atopa cargos contra
Dolores Santiago Troitiño, polo que queda fóra da causa, aínda que
fai constar o cargo sindical que ocupaba e indica que percibía como
retribución por desempeñalo a cantidade de cento cincuenta pesetas
mensuais.
O consello de guerra tivo lugar o 19 de
decembro de 1936 e a sentenza considera a Ramona, Adelina e Asunción
como autoras dun delito de auxilio á rebelión e condénaas á pena
de doce anos e un día de reclusión.
As tres estiveron presas no tristemente
celebre cárcere de Saturrarán, en Mutriku (Guipúscoa).
No hay comentarios:
Publicar un comentario