Adicado a Helena Torres, Mª Xesús Escudeiro e Montse Fajardo, coordinadoras
da exposición "do Gris ao Violeta"
A la Yglesia no la ví nunca en ésta, ni aún en aquellas solemnidades que por su rango o tradición atraían a los mismos descreídos de Mourente, tampoco figura para nada en los anales parroquiales.
Deste xeito informa o cura párroco de
Mourente, Ignacio Triñanes Fariña, de tan mala lembranza na
parroquia, sobre a mestra da escola de nenas número 1 María Alonso
Pérez. Continúa coa afirmación de que arrancara da porta da
entrada da escola unha estampiña do Sagrado Corazón e, o primeiro
de maio, adornara de xeito extraordinario o balcón “para
regodearse luego con la chusma callegera (sic), como lo hizo,
mientras la gente se encerraba en sus casas." Aínda así recoñece
que “En lo restante de la enseñanza, muy bien.”
María foi unha das mestras
suspendidas polo gobernador Macarrón o 31 de agosto de 1936.
O complexo proceso de depuración e
revisión que padeceu é unha mostra clarísima da parcialidade e
falla de consistencia, amen da falsidade, dos informes emitidos; pode
constatarse como as mesmas institucións (Guardia Civil, Concello...)
emiten informes totalmente contraditorios, podemos sospeitar que
dependendo das influencias, en contra ou a favor da mestra, de
diversos persoeiros. Vexamos algúns exemplos:
a un (sic) cuando no pertenece a ningún partido político es afecta al Frente Popular donde militaba su esposo, en la escuela según versión pública hizo retirar el crucifico (sic) y los niños que tenían estampas en los libros se los hacía romper y acosejaba (sic) la no asistencia a la iglesia. (Informe Guardia Civil, 25-2-37).
ha observado y observa intachable conducta moral, pública y privada, goza de igual concepto en el orden profesional y religioso, es apolítica sin que figure afiliada a ninguna sociedad ni organizaciones de resistencia y está considerada como afecta a la Causa Nacional. (Informe Guardia Civil, 16-9-39)
es de buena conducta, simpatizante del marxismo ya que cuando venían de su parroquia manifestaciones de ese carácter adornaba el balcón de la escuela. Se la considera antirreligiosa por haber arrancado la estampa del Sagrado Corazón de Jesús de la entrada, así como por aconsejar a las niñas y premiarlas para que no fuesen a la iglesia. (Informe concello, 4-3-37)
según datos proporcionados por Agentes de Autoridad y testimonio de personas veraces, es de intachable conducta. (Informe alcaldía, 2-9-36)
Os dous últimos informes son
asinados pola mesma persoa: o alcalde Eladio Becerril.
Logo da suspensión inicial, o
reitorado sanciónaa cun mes de suspensión e volve a ocupar o seu
posto; o informe da inspección, asinado por Gerardo Álvarez
Limeses, recolle as diversas acusacións que se lle facían e
considera que “ la conducta de esta maestra no es en el orden
ciudadano ni el profesional de las que pueden considerarse
ejemplares, siendo calificada solamente de “regular” por la
Inspección”; propón a sanción dun mes de suspensión.
Pero a postura máis dura contra a
mestra virá da man da Comisión Depuradora pontevedresa que, con
data 27 de abril de 1937, acorda sancionala coa separación
definitiva do ensino baixo a acusación de: Anticatólica,
simpatizante do Frente Popular, aconsellar e premiar ás nenas para
que non fosen á igrexa e de adornar a escola o primeiro de maio con
motivo da “fiesta del marxismo”. De nada valeron as
consideracións que aparecen no informe asesor, que consideraba
demasiado dura a sanción por non atoparse debidamente comprobados os
cargos máis graves polo que propoñía a suspensión por dous anos
e traslado.
Contra estas sancións, María
presenta diversos escritos de alegacións nos que desmonta punto por
punto as acusacións e reitera os innumerábeis informes e testemuños
que acreditan a súa conduta.
En xuño de 1939 mantén que os
informes acusatorios están “desprovistos de todo fundamento y no
ajustados a justicia y verdad.” Por aquelas datas o cura Triñanes
foi chamado a comparecer diante da comisión depuradora e ratifícase
no informado, pois aínda que en 1937 e 38 a mestra cumprira o
precepto na parroquia, non había nada que puidera modificar o
afirmado sobre a súa conduta no “período revolucionario.”
En abril de 1940, a comisión superior
dictaminadora dos expedientes de depuración recoñece que os
documentos aportados pola mestra desvirtúan “en su casi totalidad”
os cargos e admite que os relativos á súa actuación relixiosa
estaban baseados principalmente nos informes do párroco de Mourente
que “disminuyendo sucesivamente la gravedad de sus acusaciones”
acabaría por manifestar finalmente que “no figuró nunca en los anales
de la parroquia.” A sanción revísase e convértese en traslado
dentro da provincia, perda de haberes no tempo da suspensión e
inhabilitación para cargos directivos e de confianza en institucións
culturais e do ensino. (Orde do 24-4-40).
María Alonso solicita a revisión da
sanción, aporta certificados como o do servizo de información e
investigación de FET y de la JONS, no que se afirma que é persoa
afecta á Causa Nacional e de conduta pública, privada e profesional
intachable. A mestra conta co apoio da influínte familia Olmedo da
que era empregado o seu home, afiliado a Unión Republicana. Lembra a
documentación aportada no expediente: Declaracións favorables dos
pais das nenas das escolas nº1 e 2 nos que testemuñan a súa
“adhesión incondicional al buen proceder sobre lo religioso y
excelente conducta profesional”; testemuños ao seu favor do médico
Loureiro Crespo, de significados gardas cívicos e militares veciños,
de José Olmedo, do alcalde de barrio José López Fondevila, do
alcalde de Pontevedra, capeláns do Asilo e do Hospital, do tenente
coronel da Guardia Civil, do delegado de Orden Público, recibos de
ter cumprido o precepto pascual o ano anterior ao golpe e de
contribuír ao sostemento do Asilo e axudar o clero.
Nesta alegación apunta á posible
causa da persecución sufrida:
Ni siquiera, aún poniéndose en juego todos los resortes de la intriga y de la pasión política por personas de marcado carácter galleguista, que tenían y tienen interés por ocupar su Escuela, ha podido ser objeto de la más mínima sanción de orden económico ni de ningún otro por las Autoridades Civiles ni militares.
Asegura que esa intriga derívase
da súa defensa do dereito a ocupar a escola de nenas nº1, no Camiño
Novo, e que, logo de serlle adxudicada por concurso, atopouse con que
estaba ocupada por outra mestra porque
el Inspector de zona, de ideología galleguista, trasladó sin doctrina legal a la Maestra (de familia también galleguista) de la Escuela nº 2, [Casas Novas] que venía sirviendo muchos años, para la nº 1.
Certa ou non, a acusación parece
referirse á mestra Josefa Iglesias Vilarelle e ao inspector Gerardo
Álvarez Limeses, os dous antigos membros de Dereita Galleguista,
grupo que na práctica totalidade adoptou unha postura
colaboracionista cos sublevados. Temos documentada a existencia de
reclamacións feitas por María contra as irregularidades na
localización destas escolas ata a resolución definitiva (BOE
22-5-34) que concede a razón a esta mestra.
Por fin, o 23 de xaneiro de 1941,
rematan as penalidades da depuración para esta mestra pois a
revisión do expediente determina a confirmación no seu posto.
Fontes: Documentación Archivo General de la Administración, BOE, xornais da época.
No hay comentarios:
Publicar un comentario