Francisco Reiríz Lago tiña 34 anos,
estaba solteiro, era toneleiro de profesión, vicepresidente de
Izquierda Republicana e primeiro tenente de alcalde do concello de
Vilanova de Arousa. Na indagatoria que aparece no seu proceso consta
que tiña un metro e setenta e seis centímetros de altura, pelo
castaño escuro, ollos grises, parálise nas extremidades inferiores
e atrofia da perna esquerda.
O seis de setembro de 1936 foi detido
por un grupo de falanxistas. No atestado, con redacción peculiar,
faise constar que
en funciones de alcalde [...] tomó por cuenta propia el mando supremo de aquella localidad, ordenando que todas las personas de orden les daba un plazo de veinte minutos, para que entregasen las armas que tuvieran, y que por el contrario, sería el citado pueblo un segundo Casas Viejas.
Reiríz recoñece ter convocado aos
veciños para que entregasen as armas, por ser orde do gobernador
civil, que se entregou recibo por cada arma recollida e que foron
entregadas á Guardia Civil o 21 de xullo; tamén manifesta que no
1931 organizara un sindicato afecto á UGT.
A Guardia Civil considérao elemento
destacado da CNT, lembra que nunha folga no ano 31 distinguírase por
coaccións e agresións aos traballadores que se negaban a secundala.
Indica que suplantou ao alcalde e ordenou a recollida de armas e que,
armado cun revólver, golpeou a algúns veciños que discutiron con
el. Remata conceptuándoo como “sujeto de acción y peligroso”.
O novo alcalde nomeado polos golpistas,
Luis Rodríguez, informa que “vino actuando siempre en cuantas
huelgas o conflictos sociales existieron en este municipio, siendo el
alma de la organizacion del Sindicato de la C.N.T.”
Foi procesado, xunto co concelleiro
Manuel Chaves Dios, por un delito de rebelión militar, coa
circunstancia agravante da perversidade dos delincuentes. O consello
de guerra celébrase no pazo da Deputación pontevedresa ás catro da
tarde do 18 de marzo de 1937. Cando lle conceden a palabra, Francisco
Reiriz considera excesiva a pena solicitada e engade que non é un
elemento tan perigoso como din os informes, xa que seguiu á fronte
da alcaldía nove días despois do golpe con consentimento das
autoridades, procurou manter a orde e non foi detido ata o seis de
setembro “y que su actuación no debía de ser tan perjudicial
cuando estuvo en libertad tanto tiempo.”
Francisco e Manuel son condenados a
morte e o segundo foi indultado.
O 11 de maio de 1937, ás seis da mañá,
na avenida de Bos Aires, unha sección de artillería foi a encargada
da execución. A defunción certifícase constando como causa da
morte inmediata unha hemorraxia interna e causa fundamental “una
herida por arma de fuego en la región orbitaria izquierda con
enucleación y tres en la región precordial.”
O cadáver foi conducido ao cemiterio
de san Amaro, no que foi enterrado na sepultura número corenta e un,
primeira fila e segunda zona.
O seis de abril de 1940 abriríaselle
expediente por responsabilidades políticas. O seu irmán Ramón
morrería nun campo de prisioneiros en Francia.
Dos sufrimentos e da loita pola vida
das persoas máis próximas a Reiriz e a outros represaliados daranos
conta Montse Fajardo nunha esperada publicación; hoxe, no día en
que se cumpren 78 anos, lembramos o proceso que o levou á morte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario