Ao remate da guerra de España,
milleiros de persoas pasaron a fronteira con Francia. A primeira
decepción foi o trato recibido polas autoridades francesas:
internamento en campo de refuxiados (máis ben campos de
concentración), dos que os máis coñecidos son os de Argèles e
Saint Ciprien. Fame, falta de hixiene, enfermidades, malos tratos,
son as características que definían a situación, só paliadas pola
axuda das organizacións francesas de esquerdas e pola capacidade de
autoorganización dos excombatentes republicanos.
Semanas despois, coa declaración de
guerra contra Alemaña, preséntanse dúas alternativas: apuntarse na
Lexión Estranxeira francesa ou ingresar nas militarizadas Compañías
de Traballadores Españois. Moitos foron capturados polos alemáns e
internados en Stalags (campos de prisioneiros). Coa invasión alemá
de Francia e a instauración do goberno colaboracionista do
profranquista Petain, a situación foi a peor: o común acordo entre
alemáns, franceses colaboracionistas e o goberno de Franco conlevará o traslado
a campos de concentración alemáns. Algúns lograron integrarse na
resistencia francesa pero cando caían prisioneiros tamén eran
enviados aos campos.
Mauthausen e Gusen (un dos seus
subcampos), ubicados en Austria, foron o lugar de martirio da maioría
de españois baixo o réxime de terror das SS e os seus kapos
(presos de confianza).
O recibimento en Mauthausen non puido
ser peor: un capitán nazi lembroulles que nunca volverían saír
pola porta, a única saída era pola cheminea que botaba o fume
negro procedente da queima dos cadáveres. Alí recibiron o uniforme
de raias azuis cun triángulo invertido dentro do que estaba bordado
un S (de spanier, español).
Fusilamentos, suicidios, malleiras,
temperaturas extremas, traballos extenuantes nas canteiras, fame,
asasinatos por inxección de gasolina nas veas ou directamente no
corazón, cámaras de gas, experimentos médicos atroces...e todos os
tormentos imaxinables.
Que pouco se fala do sufrimento dos
españois nos campos de concentración alemáns! Moito máis grande é
o silencio sobre as mulleres republicanas, moitas loitadoras na
resistencia francesa, cun papel determinante sobre todo en labores de
información, propaganda, transportes de armas e sabotaxes. Detidas,
torturadas salvaxemente nos interrogatorios da Gestapo e conducidas
ao campo de exterminio de Ravensbrück; alí, nas mans da sección
feminina das SS, sufriron todo tipo de penalidades, entre elas os
experimentos médicos de esterilización mediante a inxección de
produtos químicos no útero. As sobreviventes do horror tiveron que
convivir o resto dos seus días cos traumas psicolóxicos e físicos
xerados no cautiverio.
Lembramos hoxe a dous veciños da
capital pontevedresa que toparon a morte en Gusen. Pouco sabemos das
súas vidas e ignoramos cal foi o proceso que os levou a Francia.
Urbano Sanmartín Abilleira nacera en Mourente o 15 de marzo de 1902;
Nun primeiro momento estivo internado no Stalag XII-D, ou sexa, un
campo de traballos forzados para prisioneiros de guerra, situado en
Trier (Alemania), o seu número de prisioneiro era o 57132. O 25 de
xaneiro de 1941 foi deportado a Mauthausen, alí recibiu o número
3508. Faleceu o 24 de novembro de 1941. Manuel Coto Martínez era de
Marcón onde nacera o 11 de decembro de 1912. estivo preso no Stalag
XI-B de Fallingbostel, na Baixa Saxonia, tiña o número de
prisioneiro 87568; foi trasladado a Mauthausen o 27 de xaneiro de
1941 e recibiu o número 5123. Faleceu en Gusen o dous de xuño de
1942 (algunhas fontes indican que foi no 1943).
Dous casos para unha placa explicativa de reconhecimento, que ben poidera situarse entre Mourente e Marcón:
ResponderEliminarMoita outras xentes habería, ó millor, pero é unha conexión directa co Nazismo e, atroz tamén consecuencia do triunfo do Fascismo Franquista, éste como solución de salvamento da Espanha nacionalcatólica, que a legalidade da Segunda República enfrontaba nas leis, o pouco tempo que a deixaron desenvolverse.
Polo que se sabe son os únicos veciños do concello de Pontevedra falecidos nos campos nazis; nos listados aparece tamén como de Pontevedra Martín Ferreiro pero é de Cerdedo.
ResponderEliminarXosé , o contido do teu escrito, e terribel, produce medo leelo.Sair do inferno da Guerra Civil e atoparse con un mundo que non ten nome,co nazismo.! como tuvo que sufrir aquela xente!
ResponderEliminarDe todas formas, tamén me impresionou moito este fragmento:"O recibimento en Mauthausen non puido ser peor: un capitán nazi lembroulles que nunca volverían saír pola porta, a única saída era pola cheminea que botaba o fume negro procedente da queima dos cadáveres. Alí recibiron o uniforme de raias azuis cun triángulo invertido dentro do que estaba bordado un S (de spanier, español)."
!Que recibemente, non sei como non morreron ao oir esas terribles verbas!
Gran traballo, Xosé, o teu.
Apertas agarimosas, amigo
http://intentadolo.blogspot.com.es/
Grazas pola atención que prestades ao Blog; Coincido co que apunta Soto, aparte de todos os comportamentos criminais, a min, ao estudar este mundo dos campos de exterminio, impactáronme moitas cousas: o que os españois tiveran un triángulo azul (apátridas) e non o vermello dos prisioneiros políticos, o instinto criminal de certos prisioneiros convertidos en Kapos e que superaba os dos propios SS, o aproveitamento que do seu traballo fixeron empresas hoxe consideradas como honorables, a experimentación médica chea de crueldade e sobre todo o esquecemento en que temos a estes compatriotas. O seu sufrimento foi inmenso.
ResponderEliminar