Fai uns días, Luis Bará, no seu
blogue Non des a esquecemento, dedicáballe
un magnífico artigo a Celestino Poza Cobas; nun dos parágrafos
escribía, referíndose á súa atrofiada man dereita:
Seica lle quedara atrofiada nun dos traslados de prisión, nas laxes frías do cárcere de Cambados, paralizada talvez polo terror...
O
artigo de Bará lembroume o sucedido a don Celestino nos primeiros
días da súa detención logo do golpe militar do 36. Estaba detido,
como preso gobernativo, no cárcere habilitado da Normal de
Pontevedra; daquela no universo carcerario pontevedrés mandaba
Fernando Lago Búa, quen formaba parte dunha trama corrupta de
extorsión e outros abusos a presos e ás súas familias. Por estas
actuacións sería xulgado e fusilado polos propios golpistas. Lago
xa tiña experiencia en actuacións irregulares pois, aos poucos días
de estar detido, foi reclamado polo gobernador militar de Navarra xa
que desertara do seu posto de funcionario no penal do forte de san
Cristóbal, logo de estar complicado en atropelos e roubos nos
rexistros efectuados en Navarra e para os que se alistara
voluntario.
Utilizando
palabras do propio Celestino Poza, durante a curta permanencia de
Lago Búa como inspector de prisións, existía na poboación penal
“una depresión de espíritu tan brutal que rebasaba los límites
del terror.”
O modo
de actuación da trama extorsionadora consistía en aterrorizar aos
presos dun certo nivel económico coa idea de que ían “pasealos”
e ofrecerlles a salvación a cambio dunha elevada cantidade de
diñeiro; o sucedido co médico vigués Ramón de Castro serve de
exemplo.
Celestino
Poza Cobas tiña unha posición equiparable á do médico vigués
(agás na ideoloxía, pois Castro era de dereitas, católico, aínda
que masón): médico prestixioso, boa posición económica... Parecía
un obxectivo a medida para a trama corrupta e os feitos, pouco
coñecidos, que paso a relatar parecen apuntar neste senso.
Unha
orde verbal do delegado de orde pública determina o traslado
nocturno de Poza ao cárcere de Cambados; a condución efectúaa a
Guardia Civil nun automóbil no que, aparte dous gardas, viaxa o
oficial de prisións Lago Búa. Este acompañamento, sorprendente e
inusual, resulta altamente sospeitoso. Ao chegar a Campañó, nos
límites con Curro, detiveron o coche nun lugar no que se atopaba un
grupo de falanxistas e un cabo da Guardia Civil. Lago manda baixar a
Poza a quen internan uns trinta metros cara ao monte custodiado por
un falanxista e un cabo da Guardia Civil; durante uns quince minutos
o resto do grupo discute; a continuación Búa fai un aparte co cabo
e, cando este regresa xunto ao detido dille: “Rece usted un
padrenuestro porque le ha salvado la vida.” A expedición continuou
cara Cambados.
Semanas
despois, na instrución da causa contra Búa e Bustelo, o sucedido
con Poza chega aos oídos do instrutor que pregunta ao inspector de
prisións; este recoñece os feitos pero aduce que quen ordenou
baixar do coche foi un garda civil e que fora el quen se enfrontara
co garda lembrándolle a súa responsabilidade na custodia do detido;
pese a súa oposición, conduciron a Poza cara ao monte e volveron
traelo sen saber as razóns.
A
versión do garda civil implicado é coincidente, pero explica que o
motivo de levar cara ao monte a Poza fora para que non se enterase
dos “asuntos confidenciales y de servicio” que trataron os
integrantes das dúas partidas. Nega que oíra nada relacionado co de
rezar o “padrenuestro”, pero lembra que tranquilizara ao detido
facéndolle notar que, cando fora conducido pola Guardia Civil,
chegaría ao seu destino porque as ordes que recibían “se cumplen
puntualmente y en términos de estricta justicia.”
Cónstanos,
por declaracións de Celestino Poza, que en ningún momento houbo
petición de diñeiro por parte de ninguén; todo parece indicar que
alguén co suficiente poder dentro da trama (Víctor Lis?) dou a orde
de respectar ao querido médico pontevedrés.
Neste
día da República, sirva esta pequena contribución como lembranza e
homenaxe a don Celestino e á súa familia, que tanto sufriron polas
súas ideas republicanas.
En nome da miña Familia quero darche ñas grazas pola tua publicación,que permitenos ir reconstruindo a nosa traxica Historia Familiar e a do meu bisavó en particular.Asdo.CELESTINO pOZA DOMINGUEZ....tinopoza@gmail.com
ResponderEliminarGrazas a vós. Un saúdo.
ResponderEliminar