Esquécese a miúdo
– moitas veces de xeito interesado – que a postura do exército
non foi unánime contra o goberno republicano, senón que moitos
mandos permaneceron fieis ao seu xuramento de lealdade á República;
algúns a pesar de non coincidir coa súa ideoloxía. En Galicia, os
tres altos mandos da Mariña e do Exército ( contralmirante Antonio
Azarola, xenerais Enrique Salcedo e Rogelio Caridad ) foron
fusilados por non apoiar o golpe; en Pontevedra, o xeneral José
Iglesias e o coronel Mario Sánchez, que se sumaron a última hora
forzados pola oficialidade, pronto foron destituídos aínda que
salvaron a vida.
Fronte ao
esquecemento, rescatamos hoxe a historia dun deses militares que
tiveron unha actitude de enteireza, valentía e respecto á
legalidade non sumándose á rebelión militar, coas consecuencias
que esta actitude lles ía supoñer.
Rogelio Antonio
Bugallo Orozco pertencía a unha coñecida familia de Lérez; a súa
irmá Carmen foi unha das mulleres pioneiras no acceso a estudos
universitarios e residiu, dende 1932 a 1935, na madrileña Residencia
de Estudiantes herdeira da Institución Libre de Enseñanza; foi
profesora de Filosofía no instituto masculino de Pontevedra e casou
co benquerido e inesquecible catedrático de Ciencias Naturais
Mariano García Martínez (“Don Mariano”). Outro irmán, Emilio,
estudou arquitectura e ocupou o cargo de arquitecto municipal de
Vigo, cidade na que deseñou o auditorio de Castrelos ou, cousas da
vida, o conxunto da cruz do Castro, símbolo franquista que aínda
pervive naquela cidade.
Rogelio Bugallo foi
un alumno brillante, a principios de século sempre aparecía nos
listados da academia Balmes encabezando os cadros de honra con
matrículas de honor e sobresalientes. Optou pola carreira militar e
ingresou no corpo de Enxeñeiros; en 1936 estaba destinado como
capitán no rexemento de Transmisións do Pardo.
O 18 de xullo
chegou a Lérez de permiso antes de desfrutar dunhas vacacións no
balneario de Guitiriz. Ante as noticias do levantamento militar,
tenta comunicarse cos seus superiores a través do goberno civil,
pero non o consigue. Triunfante o golpe en Pontevedra, non se
presenta ás novas autoridades militares: máis tarde aduciría que
non o fixera porque se enterara pola prensa, que o goberno
desautorizara a proclamación do estado de guerra e, ademais, en
Lérez, parroquia na que residía, a orde pública estaba en completa
normalidade.
Recibida a orde,
dada pola autoridade militar, de presentarse, négase a facelo e
contesta co seguinte escrito:
En contestación a su atento escrito fecha 27 de julio pongo en su conocimiento que no perteneciendo a tropas insurectas (sic) no me presentaré en esa Comandancia mas que en calidad de arrestado o para restablecer el orden público. Lérez 27 de julio de 1936. El capitán. Rogelio Bugallo.
O comandante
militar ordena a súa detención e instrúeselle causa militar na que
actúa como fiscal o capitán de Artillería Guillermo Jack Caruncho,
que considera a existencia dos delitos de inxurias ao exército e
institucións armadas e desobediencia. No interrogatorio a que foi
sometido, Rogelio Bugallo non se priva en especificar o que considera
como tropas insurrectas: “todas aquellas que estén en contra del
Gobierno formado legalmente con el apoyo de las Cámaras y por las
Leyes vigentes en el País.”
Non sabemos se
porque a mentalidade dos golpistas non concibía esta actitude de
acatamento á legalidade por parte dun militar, ou se foi debido a un
intento familiar para libralo dunha condena, ordénase a dous
capitáns médicos que recoñeceran ao detido xa que, dende que
estaba preso, padecía insomnio, excitación nerviosa que alternaba
con estados depresivos e outras alteracións de carácter psíquico.
Os médicos aprecian normalidade física e, no aspecto psicolóxico,
fan ver a dificultade que sempre existe para afirmar o estado normal
ou patolóxico da mentalidade, pero si poden afirmar que Rogelio
Bugallo “razona con lógica, tiene concepto exacto de la
honorabilidad y de la justicia, conserva en su totalidad la memoria
actual y retrógrada y a todas cuantas preguntas se le hacen contesta
tal y como podría hacerlo la persona más sentada y normal.”
Non negan a
posibilidade da existencia dun “fondo neurósico” exacerbado pola
reclusión, polo que consideran conveniente que se lle permita saír
ao aire unha hora polas mañás e outra pola tarde; rematan o informe
reafirmándose na constatación dun “fisiologismo completo” na
exploración do seu sistema nervioso e mental.
O consello de
guerra de oficiais xerais celebrouse en Pontevedra o 30 de outubro de
1936 e foi condenado a un ano de prisión por inxurias e a tres anos
e un día de prisión militar por desobediencia; engádense as
accesorias de separación do servizo e suspensión de todo cargo e
dereito de sufraxio durante o tempo da condena.
O 13 de xuño de
1969 faleceu en Lérez (Pontevedra) destacando os xornais “lo mucho
que se le quería por su caballerosidad, afable trato y carácter
servicial.” (El Pueblo Gallego, 14-6-69)
No BOE do 12 de
maio de 1949 declárase a caducidade dun rexistro mineiro de
volframio en Camariñas, por renuncia do seu titular Rogelio Bugallo
Orozco. Coincidencia ou non, este rexistro levaba o nome de
“Lealtad”.
Documentos reproducidos: El Pueblo Gallego, Archivo Intermedio Militar del Noroeste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario