Non é doado
poñerlle cara a moitos dos responsables da represión nas terras
pontevedresas; poucas ou ningunha imaxe temos do comandante Velarde,
do alemán Bruno Schweiger, do inspector de prisións Lago Búa ou do
“cívico” Mirón. Tampouco a tiñamos do gobernador civil Ricardo
Macarrón Piudo; a casualidade fixo que atopáramos a súa foto nunha
publicación viguesa gardada nun arquivo madrileño.
A figura de Macarrón
é poliédrica: nacido en Vitoria, arquitecto de profesión, con
diversas construcións que son referencia como o colexio do Santo
Ángel, en Carabanchel destinado a orfos da Guardia Civil ou
o centro de saúde Sandoval, tamén na capital; ambos foron
construídos antes da chegada da 2ª República. Ao mesmo tempo,
Macarrón desenvolve unha carreira militar no
corpo da Guardia Civil, no
que ingresara en 1909.
Levaba
poucos meses como xefe da Comandancia pontevedresa cando tivo lugar o
golpe militar; súmase á rebelión e noméano delegado de orde
pública, días máis tarde nomearíano tamén gobernador civil
substituíndo ao tenente coronel Luis
Ledo. Así daba conta El Pueblo Gallego
do seu nomeamento:
El nuevo gobernador, militar pundonoroso, perfecto caballero, era en la actualidad delegado de Orden público en la provincia, cargo que ha sabido desempeñar con un acierto y una rectitud innegables, traducidos en el perfecto orden y tranquilidad que en el territorio pontevedrés viene reinando. (5-8-1936)
Na
consecución dese “perfecto orden y tranquilidad” a figura de
Macarrón é controvertida: diversa documentación sinálao como
participante nalgunhas decisións sobre eliminación de republicanos
e, por outra banda, sectores golpistas,
singularmente falanxistas, acúsano de ter simpatías na esquerda e
posible afiliación á masonería; isto último explicaría, segundo
eles, as facilidades que tiveran para marchar ao estranxeiro
significados masóns pontevedreses como Selgas ou Maquieira, así
como a desaparición de importante documentación masónica. Esta
desaparición era atribuída pola Falange
á actuación de Macarrón e outros mandos militares para evitar que
aparecerán as súas ligazóns masónicas.
Ocupou,
en razón do cargo, o posto de presidente da comisión de depuración
C (profesorado de segundo ensino e semellantes) e, cando os herdeiros
de Cachafeiro, no marco da recollida de ouro, doan ao Estado o
tesouro de Agolada, Macarrón, “persona cultísima en asuntos de
arte y amante por sus estudios de las diversas manifestaciones
arqueológicas”, xestiona en Burgos que quede en depósito no museo
de Pontevedra e evita que fora fundido.
Poucos
meses dura o seu mando pois en xuño de 1937 cesa como gobernador e
vai destinado na situación de dispoñible a Guipúscoa.
O 22 de setembro de 1937
césano “por desafecto al Movimiento Nacional”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario