Antonio Villaverde
Hermida nacera facía trinta anos no lugar de Pidre na parroquia de
san Vicente de Cerponzóns, concello de Pontevedra, fillo de Ramón e
de Manuela, solteiro, residía en Bueu onde traballaba como chofer
dunha camioneta de transporte de mercancías entre Pontevedra e
aquela localidade e tamén, ás veces, a Cangas.
Desde o 31 de
agosto de 1936 estaba alistado como soldado na 2ª compañía do
Batallón de Voluntarios de Pontevedra, pois fora mobilizado como
soldado de cota. O 21 de agosto, o inspector de policía Enrique
Valls e os auxiliares Borrajo, Landín e Vizcaíno, tras o permiso do
xefe do batallón, detéñeno. Os motivos que constan para a
detención son;
en el día 20 del pasado mes y con posterioridad a la declaración del Estado de Guerra condujo una camioneta llena de gente armada que se dirigía a esta Capital y fue obligada a retroceder desde Marín por las fuerzas del Polígono Janer. Dicho individuo era vocal de la Secretaría de propaganda de la Juventud Socialista de Bueu, y actuó en perfecto enlace con las organizaciones Marxista (sic) de Bueu, Cangas y Pontevedra.
Daquela as
xuventudes socialistas e comunistas xa estaban unificadas e Antonio levaba tempo militando no partido comunista; os informes así o
testemuñaban e, fai tempo, neste mesmo lugar publicamos dúas cartas autógrafas que dirixiu a Juan Manuel Gómez Corbacho nas que este
extremo aparece perfectamente claro.
Tras a detención
ponse en marcha a maquinaria xudicial militar instruíndo a causa
970/36. En declaracións diante do xuíz instrutor, Antonio manifesta
que o día 20 de xullo recibira un aviso telefónico comunicándolle
que debía presentarse coa camioneta no concello. Ás seis da tarde
levou no vehículo un grupo de xente sen armas cara Pontevedra pero
deron volta en Mogor ao coñecer que se declarara o estado de guerra
na capital. Deféndese das acusacións sobre a militancia política
recoñecendo que, aínda que pertence á Juventud Socialista,
“no tiene idea política determinada sin que esté conforme con las
ideas socialistas ni comunistas”.
A súa liña de
defensa foi desmontada con diferentes testemuñas: a alcaldía de Bueu
precisa, agravándoas, as acusacións e sinala que Antonio fora un
dos dirixentes da recollida de armas en Bueu os días 19 e 20 de
xullo, tamén afirma que cando conducira a camioneta a Pontevedra ía
provisto dunha pistola, ademais intervira na colocación dunha bomba
na ponte de Beireses, na estrada de Pontevedra a Cangas. Non faltaron
outras testemuñas de cargo que confirman as acusacións.
O 17 de novembro de
1936 celébrase consello de guerra en Pontevedra; o tribunal estaba
presidido polo tenente coronel de infantería Rafael González,
actuaban como vogais os capitáns da mesma arma Juan Cuerpo, Antonio
Fontenla e Benito Pardo e os de artillería Luis Sánchez Cantón e
Manuel Casal. Exerce como poñente o tenente auditor Joaquín Otero
Goyanes, de fiscal o alférez habilitado Manuel María Puga y Ramón
e como defensor o capitán de artillería Rafael Reyes.
Na representación
teatral que eran aqueles xuízos, non facía falta que falaran as
testemuñas de cargo e o fiscal renuncia a elas; de pouco vale o
testemuño do seu patrón que corrobora a incautación da camioneta
nin o acareo con outra testemuña que o acusa. Preguntado polo
presidente do tribunal se tiña algo que engadir, Antonio contesta
que “sólo tenía que decir que todas las acusaciones que se le
hacen son falsas, sin que tenga más que exponer”.
Condénano a pena
de morte por un delito de rebelión coa agravante de perversidade
debido a “su destacada actuación revolucionaria y de sus
antecedentes”. Ademais debe abonar 25.000 pesetas ao Estado en
concepto de responsabilidade civil.
Á sete da mañá
do 28 de novembro de 1936, no alto da Caeira, un piquete de forzas de
Asalto mandadas polo tenente Antonio Vázquez Quitián executa a
sentenza; Antonio recibe seis disparos, tres na rexión abdominal,
dous na rexión torácica e un no pescozo, que determinan o colapso
cardíaco que figura no certificado de defunción. Ese mismo día dan
orde de embargo dos seus bens para garantir o pago da multa.
Outros membros da
familia foron represaliados, algúns na posguerra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario